Desafíos de ciencia

Xa temos dispoñibles os desafíos da nosa Semana da Ciencia. Premendo na seguinte imaxe iredes accedendo a eles! Lembrade que se trata dun desafío diario.

                                 

MES DA CIENCIA EN GALEGO

En novembro celebramos, entre outras cousas, o mes da ciencia en galego e xa estivemos preparando diferentes experimentos en todas as aulas utilizando os compoñentes recén adquiridos de Makey Makey programados con Scratch: instrumentos con froitas musicais, mapas que falan, planetas que din o seu nome ou regras que fan sons son algunhas das sorpresas que nos agardan a vindeira semana, cando nos xuntaremos por clases para explicar os experimentos aos demais cursos.

Paralelamente haberá, como en anos anteriores, retos diarios en liña para ir resolvendo. Desexando que chegue xa a vindeira semana!

                           

2º coñece un pouco máis Viveiro

O alumnado de 2º desafiou hoxe con éxito ao mal tempo e, acompañados por Lucas Requeijo, deu un paseo por lugares emblemáticos da vila coñecendo un pouco máis o noso concello e a súa historia. Deixamos por aquí un pequeno vídeo e un album de fotos como testemuña.

 

 

MAGOSTO 2022

Canto botabamos de menos as festas conxuntas. Grandes e pequenos unidos, neste caso, para celebrar o Magosto no colexio. Peóns, xogos de goma, grupo de gaitas e percusión tradicional e, como non, castañas!

Grazas a todo o profesorado e alumnado que tanto traballou, e ás familias que mandaron as castañas para asar. Pasamos unha xornada especial!

No vídeo podedes ver a festa que se montou!

Ademais, un album cunhas poucas fotos premendo na seguinte fotografía:

 

Por último, o baile do espantallo, hai canteira:

Rap en terceiro

En terceiro de primaria puideron gozar coa actividade ofrecida polo Departamento de Normalización Linguística para realizar un rap en galego coa axuda de Juanma Lodo e Esther Carrodeguas. Unha primeira sesión con Juanma para coñecer as caixas de ritmos e efectos, outra con Esther para elaborar as rimas e letras e finalmente a gravación final.

Pronto recibiremos os resultados das gravacións.

No seguinte vídeo temos un resumo dos momentos vividos. Moitas grazas pola visita!

CLUB DE LECTURA NO LOIS TOBÍO

Xa está en marcha o Club de Lectura no colexio. Creouse un novo blogue para que esteades ao tanto de todas as actividades. Podedes entrar premendo na imaxe da marxe dereita da nosa web.

 

Animádevos a participar!

 

LEMBRANZAS DO SAMAÍN

Aínda lembrando o que foi o Samaín para o cal se decoraron os espazos do noso centro. Pronto irán tomando novas formas. Contos, disfraces, debuxos,...

Exposición de cabazas

Grazas a todas as familias e alumnado participande na marabillosa exposición de cabazas deste ano. Espectacular!

Feitos insólitos...

As cámaras de seguridade do colexio detectaron uns movementos estraños que compartimos con vós. Sempre nestas datas ocorren cousas do máis sorprendentes...

SORTEO PARA FORMACIÓN DA XUNTA ELECTORAL

O xoves día 3 de novembro ás 12:00 h farase o sorteo público, na Secretaría do centro, para designar un mestre/a, un pai/nai ou titor legal e un representante do persoal de servicios que formarán parte da Xunta Electoral.

Resolución do 19 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros docentes sostidos con fondos públicos.

A efectos da organización do procedemento de elección, constituirase en cada centro docente unha Xunta Electoral.

A Xunta Electoral, integrada polo Director, un mestre, un pai/nai ou titor legal e un representante do persoal de Administración e Servizos, é o órgano encargado de organizar e supervisar o procedemento de elección dos membros do Consello Escolar.

Algunhas das funcións da Xunta Electoral son:

1. Aprobar, publicar  e custodiar os censos electorais.

2. Establecer o calendario electoral.

3. Ordenar o proceso electoral.

4. Resolver as reclamacións presentadas.

5. Solicitar representante ANPA.

6. Solicitar representante concello.

 

Distribuir contido