Para amosar e facer visible que o mar recolle tamén parte do lixo que producimos solicitamos ao alumnado e as familias nos paseos pola praia, trouxesen unha mostra do lixo atopado para logo mostralo nunha exposición, e non vos podedes imaxinar todo o que se recolleu: redes, zapatos, nasas, latas, bricks….
E como anécdota unha botelliña que apareceu cunha mensaxe escrita en francés, e que está sendo investigada polos cativos e cativas de 2º para ver atopan máis información sobre ela.
Aproveitamos a ocasión para mostrarlle a todo o centro os traballos realizados polo alumnado de 5º de primaria sobre “O Cole Viaxa polo Océano con Natura e Mariña”, da Rede Natura Mariña 2000, proxecto no que participamos dende o 2º trimestre.
Tamén participamos no reto de Teachers For Future de "Mans polo océano".
E tamén tivemos a sorte do poder contar con Alfredo López, veciño de Peitieiros, presidente da CEMMA e ilustrador, que veu dar unha charla - conferencia sobre os mamíferos mariños e os océanos.
A través do conto dos Bolechas fomos adentrándonos na problemática ambiental dos océanos facendo que o alumnado participase cantando a canción de Sopla Vento do Norte-Himno da Toniña, aproveitando para enviarlle unha mensaxe de agradecemento a Pepe Carreiro .
Primeiro Encontro Virtual Colexios de Pontevedra e de Mongolia
A día de hoxe tamén podemos contarvos que xa tivemos o Primeiro Encontro Virtual cos colexios de Mongolia. Toda unha experiencia innovadora, da que aprendemos un montón e coa que queremos seguir medrando a través dun blogue que crearemos conxuntamente e no que compartiremos as experiencias dos distintos centros e coa creación de un grupo onde resolveremos as cuestións que se plantexen dende os coles participantes.
Dende o noso cole enviámoslle previamente un vídeo onde o noso alumnado lle explicaba todo o proceso da compostaxe, a medición dos distintos parámetros e para que empregamos o compos.
Comentaron que lles parecía un proxecto moi interesante e que era unha sorte saber que toda a nosa comunidade educativa era partícipe deste proxecto.
Compartimos unhas imaxes do proxecto de Mongolia para que vos fagades unha idea de como traballan eles nas súas garderías e escolas.
Ecoauditoría
E xa por último, o Equipo Medio ambiental xunto co alumnado de 5º e 6º estamos a elaborar as ecoauditorías de sostibilidade do centro, analizando os gastos enerxéticos, de papel , de auga… e tamén analizando os rexistros das pandas bolboreta.