Skip to Content

   Enlace Aula Virtual                       

Obradoiro de poesía con Marta Dacosta. 5 de xuño de 2023

Este luns estivo Marta Dacosta no noso cole achegándonos a figura de Don Paco del Riego. A poesía e a ilustración encheron a aula e a imaxinación dos cativos e cativas.

Marta Dacosta,  poeta do Val Miñor e Peitieiros, fíxonos pasar momentos de ilusión, entusiasmo, creatividade e moitos sorrisos. Moitas grazas Marta, por facer da poesía un camiiño a percorrer e un mar onde mergullarse.

Semana das Letras Galegas

Un 20 de marzo de 1963 Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas, propón instituír o 17 de maio, coincidindo co centenario da edición do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (17 de maio de 1863), como Día das Letras Galegas. A súa proposta foi aprobada, e dende entón cada 17 de maio homenaxéase un autor ou autora que defendera o  noso idioma e a nosa cultura. Para recordar aquela data e a Rosalía de Castro o alumnado xunto coa comunidade de montes plantará 2 camelias hibridas Rosalía de Castro. Esta camelia foi creada en honra da poeta pola casa portuense Moreira da Silva.

Para conmemorar este ano a Francisco Fernández del Riego nesta celebración do 17 de maio, o alumnado do CEP Xosé Neira Vilas realizará unha andaina dende o centro ata o Bosque da Lingua, xestionado pola Comunidade de Montes de Couso. Realizarase unha visita guiada e asistirán as dúas actuacións de Contacontos musicados, martes e xoves, a cargo de Iseo Agilda a partir das 11 da mañá.

Dende o centro queremos manifestar o noso agradecemento á comunidade de Montes de Couso pola oferta desta actividade e o seu cargo económico.

PULSA NA IMAXE DE ABAIXO PARA VER O VÍDEO

 

Semana das Letras Galegas 2023

No colexio CEP Xosé Neira Vilas celebramos as Letras Galegas con moitas actividades para gozar e mimar á Nosa Lingua.

Saída pedagóxica ao bosque da Lingua e da Memoria, no que gozamos do contacontos de Ixeo, grazas á comunidade de Montes de Couso.

Plantamos camelias no recuncho adicado a Rosalía de Castro.

Traballos de investigación para coñecer a Francisco Fernández del Riego cun Tíralle da Lingua dedicado ao autor das Letras Galegas 2023.

Visita da Agrupación Sisto, formada por Manu alumno de 6º do centro e a súa familia, amenizou coa súa música e baile a xornada, facéndonos vivir a música tradicional galega.

Para rematar e agradecer a todos e todas a participación nesta semana, entregouse o lapis máxico para tirar das verbas en galego.

Pincha na imaxe para ver a presentación


 

 

Obradoiro cerámico con Patricia Soto en 1º ciclo e 4ºEP

O pasado venres 12 de maio, estivemos desenvolvendo no primeiro ciclo un obradoiro de cerámica impartido por Patricia Soto, mestra ceramista e nai no cole.  As/os pequenos artistas deseñaron e pintaron cadansúa peza cerámica para facer unha obra  colectiva na que o logo do cole ocupa a parte central. A sesión desenvolvouse con moita ilusión e pasáron un rato moi agradable. As cores encheron as obras e aínda nos queda a parte máis máxica: a transformación das cores noutras moito máis intensas. 63 pezas forman este proxecto cerámico que moi pronto pendurará nunha das paredes da entrada do cole.

A semana anterior os nenos e nenas de 4º deseñaron e pintaron indicadores cerámicos para os produtos da horta.

Moitísimas grazas Patri por compartir con nós este proxecto!

 

PULSA NA FOTO

1º Turonia polo Monte Tetón

O alumnado de 5º curso participou nunha andaina ao parque arqueolóxico do Monte Tetón, co fin de coñecer a contorna natural e patrimonial desta singular paisaxe. Alí puideron contemplar unha das máis importantes coleccións de gravados de arte rupestre prehistórico de Galicia.

O alumnado tivo a oportunidade de contar coas explicacións de Jesús Rodríguez, historiador e guía da natureza pertencente ao Instituto de Estudos Miñoranos, e observar de preto, na estación de As Portaxes figuras humanas, escenas de caza, coviñas, combinacións circulares..., un amplo conxunto de gravados duns 4000 anos de antigüidade.

Durante a subida e estancia no petróglifo, contamos tamén coa presenza do Turonia de Tomiño e os centros educativos participantes: Pedro caselles, barrantes, Tebra, Goián e Sobrada. Todos e todas vestiamos unha camiseta co logo, TURONIA 2023, e dispuxemos dun caderniño de traballo con actividades, relacionadas cos elementos do ecoparque.

A volta ao colexio andando, despois de merendar nun fermoso souto de castiñeiros, foi unha bonita experiencia para un día de convivencia e goce dos nenos e nenas en harmonía coa natureza.

 

Viaxe ao fondo mariño

O alumnado de 5º e 6º curso realizou un percorrido polas Bateas da Ría de Vigo a bordo do Nautilus, un aula flotante provista de equipos de alta tecnoloxía, que amosa con gran detalle o noso rico ecosistema mariño.


Ao longo da travesía participaron na obtención dunha mostra de plancto que, posteriormente, visualizaron nunha pantalla xigante a través dun microscopio incorporado na embarcación. Tamén puideron coñecer como se realiza o cultivo do mexillón nas bateas de Moaña e observaron cantidade de especies de fauna e flora do noso fondo mariño, grazas ao robot subacuático Nemo.


A visita foi todo un éxito e unha oportunidade marabillosa para coñecer a riqueza das augas da Ría de Vigo.

Mira o vídeo

 


 

Eva Mejuto chega coas 10 gatiñas viaxeiras ao Club de lectura de 1º

Hoxe, mércores 10 de maio, estivo Eva Mejuto na nosa biblioteca co club de lectura de primeiro. A emoción de ver a autora e poder falar con ela palpábase dende ben cedo e nos días previos.

Sorpresa para Eva que comprobou como sabían os lugares e nomes das gatiñas e mesmo fixeron aportacións para a segunda parte do libro. O caso é que ao final Eva Mejuto díxonos que nos animaramos a facer entre todos a segunda parte e tomámolo coma un reto. de momento seguimos viaxando coas gatiñas percorrendo Galicia pero e a segunda parte, onde nos levará...?

 

Sen dúbida, moi lonxe!  Grazas por compartir con nós este momento tan especial!

    

 

      

Visita de Fina Casalderrey

Onte tivemos a gran sorte de contar coa presenza da escritora Fina Casalderrey no clube de lectura de 5º. Lemos o seu  libro "O xenio da cidade do Sal" . Con el coñecemos a figura do compositor Mozart a través dunha viaxe polo Camiño de Santiago ata chegar a Galicia. 

Desfrutamos dunha sesión moi especial falando do libro e das vivencias que nos contou Fina. Foi un gran pracer poder ter a autora e compartir con ela ese momento cunha merenda incluída.

Distribuir contenido


by Dr. Radut