Club de ciencia

Prensado de algas

 

Estas semanas, nos recreos científicos, estamos prensando algas recollidas das praias de Miño e Sada. Clasificarémolas e empregarémolas tamén para diversas creacións artísticas. A primeira delas foi a confección de marcapáxinas.

Aquí vos deixamos unha mostra do noso traballo!

 

Difusión de tinta de pluma en auga a diferentes temperaturas

 

Para comprobar como a temperatura é unha medida da enerxía cinética dos átomos e moléculas que compoñen un sistema, enchemos dous vasos de precipitados con auga, un deles con auga quente e outro con auga ben fría. Posteriormente botamos unhas gotas de tinta de pluma en ambos os vasos e observamos o que sucedía simplemente deixándoos en repouso, sen remexer.

Comprobamos como no vaso de auga quente a tinta dispersábase pola auga con rapidez, formando en poucos segundos unha mestura homoxénea. No caso da auga fría este proceso era moitísimo máis lento.

Con isto comprobamos que as moléculas de auga quente se moven con maior velocidade que as do recipiente con auga fría. Así, canto maior é a temperatura da auga, maiores son os choques entre as moléculas desta e as partículas que forman a tinta e a difusión prodúcese máis rapidamente.

A transpiración das plantas

Andamos a estudar a transpiración das plantas coa nosa profesora de bioloxía Elsa. Para comprobar que as follas das camelias que temos no colexio desprenden auga á atmosfera, fixemos un pequeno experimento: colocamos unha bolsa nalgunhas das polas, deixando varias follas “atrapadas” dentro da bolsa. Pechamos a bolsa, illando o seu contido o mellor que puidemos. Co transcorrer dos días, observamos como a bolsa se enchía de auga. Optamos por cuantificar esta cantidade no laboratorio, para poder estimar canta auga desprende de media cada folla de camelia por mes. 

 

Medimos densidades de diferentes líquidos e sólidos

Nas últimas semanas ocupamos algúns recreos facendo medicións de densidades. Xa sabiamos, porque así o estudamos nas aulas, que a densidade dos corpos é a relación entre a súa masa e o volume que ocupan. Sabiamos tamén que a densidade é característica para cada substancia, mais agora comprobámolo experimentalmente, que é o que nos gusta facer no club de ciencias. Calculamos a densidade da auga, e tamén do aceite e dalgúns sólidos. Aquí vos deixamos algunhas das imaxes do proceso!

 

Cristalización de cloruro de sodio

 

O cloruro de sodio (NaCl) é un sal que todo o mundo ten na súa casa: o sal de cociña! Debido a que obtivemos uns moi bos resultados no anterior proceso de cristalización do sulfato de cobre, decidimos probar tamén a cristalización do cloruro de sodio no laboratorio. Para elo preparamos unha disolución saturada deste sal e deixamos que a auga evaporara lentamente, deixándolle ao cloruro de sodio a oportunidade de formar cristais máis ou menos grandes cos tres requirimentos fundamentais para que isto aconteza: deixándolle o suficiente tempo, espazo e repouso. 

Comprobamos como, dependendo do composto químico a cristalizar, o hábito cristalino pode ser moi diferente. No caso do sal de cociña observamos como se formaron cristais transparentes, incoloros e de hábito cúbico. Amosamos aquí o resultado! 

Un indicador natural de pH: a col de lombarda

 

Para complementar o experimento da anterior xornada, empregamos outra maneira máis orixinal e natural de medir o pH de diferentes solucións de substancias de uso cotián. Para isto, a nosa profesora coceu unha col de lombarda e trouxo ao laboratorio a auga lila que quedou da cocción (a lombarda tingue fortemente a auga). Esta disolución foi empregada como indicadora de pH. Engadindo sobre ela disolucións de substancias de uso cotián, a cor da auga de lombarda vira a diferentes cores en función do pH: desde os vermellos propios das substancias máis acedas ata os verdes e amarelos das substancias con carácter alcalino.  

Estudamos o pH de substancias de uso cotián con papel indicador

No Club de Ciencias aprendemos o significado do pH. Esta variable emprégase para determinar o grao de acidez ou alcalinidade dunha substancia. Algunhas das persoas integrantes do club de ciencias xa estaban familiarizadas con este concepto porque tiñan medido previamente o pH da súa piscina, por exemplo. 

Como primeira aproximación, estivemos medindo o pH de diferentes substancias de uso cotián con papel indicador que tiñamos no laboratorio. Este papel tórnase de diferentes cores dependendo precisamente do valor do pH do medio. Comprobamos como o vinagre torna a cor do papel indicador cara o vermello, o que indica valores ácidos en torno ao pH 3; e como o bicarbonato, pola contra, tinguía o papel indicador de cores próximas ao verde azulado, que ao comparar coa lenda, determinamos en torno a valores de 8-9.

Epitelio de cebolas tinguido con azul de metileno, terra de diatomeas... máis mostras ao microscopio

Outra sesión de observación ao microscopio. Neste caso, tinguimos con azul de metileno o epitelio das cebolas e observamos a estrutura das células vexetais que o compoñen. Tamén aproveitamos a sesión para observar terra de diatomeas. 

Serpes encantadas

Nun dos nosos recreos científicos estivemos estudando o concepto de electricidade estática. Creamos unhas serpes de papel como as que amosamos nas fotografías. Por outra banda, frotando un bolígrafo Bic cunha prenda de la, cargámolo de electricidade estática. Ao aproximar o bolígrafo cheo de electricidade estática á cabeza da serpe, vemos como esta se elevaba coma se estivese espertando, atendendo a un encantamento.

Observando vexetación do centro. Pensamos o tema que imos escoller para o día da Ciencia na Rúa

 

Desde o inicio de curso temos presente, como cada ano, que cómpre preparar a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa, que se celebra no contorno da Casa das Ciencias a principios de maio. Andamos observando a vexetación do noso centro, xa que a temática que escollemos para presentar á xente que queira pasar pola nosa haima na romaría científica está moi relacionada co mundo das plantas... Neste caso estivemos observando os cambios de coloración nas follas do Ginkgo biloba que temos no centro. 

Xa vos contaremos máis. En todo caso, agardámosvos o día 4 de maio en Santa Margarita!

Distribuir contido