Club de ciencia

A nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

O pasado sábado 4 de maio, o CPI Castro Baxoi estivemos participando no Día da Ciencia na Rúa. Levamos experimentos e xogos nos que o noso contorno próximo era o protagonista. Pasámolo moi ben!! Tamén aproveitamos para visitar a Casa das Ciencias e ir ao planetario. Deixámosvos algunhas das imaxes da xornada. Repetiremos seguro!

 

Obradoiro Horto Escolar coa Reserva da Biosfera

Continuamos con actividades pertencentes ao Club de Ciencias, neste caso os nenos e as nenas de primeiro de Primaria a semana pasada gozamos dun obradoiro para poñer en marcha o horto escolar. Para elo, contamos coa colaboración dos profesionais da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Grazas a eles aprendemos a acondicionar o terreo, abonalo e acolchalo para finalmente plantar diferentes verduras ou hortalizas como cebolas, porros ou xudías. Estamos desexando ver a colleita!

Saída á Praia da Ribeira

O luns día 15 algúns integrantes do Club de Ciencia aproveitamos as horiñas entre as clases da mañá e da tarde para facer unha excursión á Praia da Ribeira, onde coñecimos os segredos da zona intermareal. Aquí vos deixamos unhas imaxes da xornada.

 

En 1º de primaria comezamos a experimentar coa natureza plantando xirasois

Desde a área de Ciencias da Natureza os  nenos e as nenas de primeiro de primaria comezamos a experimentar coa natureza. Para elo,  plantamos unhas sementes de xirasois nun envase de iogur. Despois, colocámolas pretiño da ventá, onde está chegando moita luz e agora cada día estamos pendentes de regalas. Algunhas das sementes  xa están a xerminar!

Aprendemos a compostar con Down Coruña para reducir os residuos no noso centro

O pasado martes día 9 os nenos e a nenas de primeiro asistimos a un obradoiro levado a cabo por compañeiros/as da Asociación Down de Coruña. Franqui e os colegas ensináronnos como obter compost e como empregarmos un composteiro. Fixemos xogos e ata nos agasallaron cun imán moi chulo. Aprendemos moito e pasámolo xenial! Animádesvos a compostar na vosa casa?

 
 

Preparamos a nosa participación no Día da Ciencia na Rúa

Este ano participaremos no Día da Ciencia na Rúa alumnado tanto de primaria como de secundaria. Estamos a preparar uns proxectos moi interesantes para presentar. O día 4 de maio explicarémosllos a todas as persoas que queiran facernos unha visita na nosa haima no parque de Santa Margarita.

 

Horto escolar

 

Esta semana plantamos no noso horto escolar allos e tres limoeiros que recentemente xerminaron da semente. Neste horto estamos a traballar grupos tanto de primaria como de secundaria. Agardamos ver os froitos do noso traballo máis cedo que tarde!

 

Prensado de algas

 

Estas semanas, nos recreos científicos, estamos prensando algas recollidas das praias de Miño e Sada. Clasificarémolas e empregarémolas tamén para diversas creacións artísticas. A primeira delas foi a confección de marcapáxinas.

Aquí vos deixamos unha mostra do noso traballo!

 

Distribuir contido