Skip to Content

Aí ven o maio, de flores cuberto

Co gallo do Día das Letras Galegas o alumnado do cole participou nesta semana na elaboración duns fermosos maios que adornan o noso patio:

E recibiu a visita do Grupo de baile e música tradicional Brincadeira, grazas á colaboración da AFA Avania, desfrutando de velos cantar, tocar e bailar e tamén bailando todas e todos xuntos ao ritmo das súas melodías tradicionáis. 




Visita da escritora Ana Meilán

Co gallo do Día do Libro, a escritora de literatura infantil Ana Meilán visitou a nosa biblioteca escolar e partillou co alumnado de Infantil e Primaria sobre os seus fermosos relatos. 




O cociñeiro André Arzúa visita o noso horto ecolóxico

O venres 21 de abril tivemos unha fermosa visita no noso horto escolar, o cociñeiro André Arzúa veu visitarnos e coñecer o noso traballo no horto escolar. 

Alí colaborou con nós na plantación de cabaciñas, chícharos e outros productos en compañía de Carmen Freire e dos nosos fantásticos compañeiros de faena, os usuarios da Fundación para a protección dos Discapacitados Psíquicos da Barcala e do Fogar Residencia e centro de día de Ceilán. Unha fermosa comunidade arredor dun proxecto de consumo sostible no cal participa tamén a AFA Avania.

Ademáis, recibimos unha visita moi especial, o reporteiro da Radio Galega Quique Magdalena, quen partillou cos pequenos e pequenas agricultures, coa profe Iria e con André para o programa Galicia por Diante

E continuando coa experiencia radiofónica, André tivo tempo tamén para visitar o cole e responder ás preguntas do alumnado de 4º de Primaria nunha interesante entrevista que podedes escoitar na nosa canle de podcast, O son da Baña:   

 


 




Convocatoria do fondo solidario de libros de texto e axudas para adquirir libros de texto e material escolar

Onte publicouse no DOG a Orde do 10 de maio de 2023 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2023/24.

O prazo para presentar solicitudes comeza hoxe día 20 de maio e rematará o día 21 de xuño de 2023 (incluído).

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (ED330B-anexos I e II) accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, poderá presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes (recoméndase traer cubertos anexo I e o anexo II da orde de convocatoria), ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos para o procedemento administrativo común.

Os prazos establecidos polo centro para o procedemento (publicación de listaxes, reclamacións etc.) poden verse no arquivo anexo.

Dado que o centro participa no programa E-Dixgal en 5.º e 6.º de Primaria e todos os cursos de ESO, as modalidades de participación a que pode ter dereito o noso alumnado son as seguintes:

a) Fondo solidario de libros de texto do alumnado matriculado en 3.º e 4.º de Primaria.

b) Axudas para adquirir libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1.º e 2.º de Primaria, ou ben alumnado doutros cursos cunha discapacidade igual ou superior ao 65 % (disposición adicional primeira) ou necesidades específicas de apoio educativo (disposición adicional segunda), a xuízo do centro docente.

c) Axudas para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Primaria e ESO.




ADMISIÓN 2023-24: Listaxes definitivas

Infórmase da publicación no taboleiro do centro das listaxes definitivas de admisión para o curso 2023-24, con data de hoxe.

Todas as solicitudes presentadas en prazo foron ADMITIDAS.

As solicitudes presentadas fóra de prazo serán adxudicadas con posterioridade e antes do inicio do curso escolar, do cal se informará ás familias afectadas.




CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA ALUMNADO CON NECESIDADES DE APOIO EDUCATIVO

Convocatoria de bolsas NEAE do Ministerio de Educación para o curso 2023-2024.

O prazo para a solicitude das mesmas será do 8 de maio ao 20 de setembro de 2023. 

No documento adxunto pódese consultar o texto da convocatoria.

Recomendamos ás familias interesadas en solicitar estas axudas que inicien os trámites antes de rematar o actual curso escolar para ter tempo de conseguir toda a documentación necesaria dentro do prazo. 

Neste enlace podedes coñecer con detalle as instrucións para a solicitude.

Para calquera aclaración ou dúbida, pódese solicitar cita co Orientador do centro chamando ao 881867003. 


Ficheiros adxuntos:


CALENDARIO PROBAS RECUPERACIÓN MATERIAS PENDENTES

Calendario de probas de recuperación de materias pendentes en ESO. 

 

 




Nova publicación no Son da Baña: Capítulo 1 de Planeta Bugallo

Publicada na nosa canle de podcast o primeiro capítulo da peza teatral Planeta Bugallo, de Raquel Castro e interpretada polas voces do alumnado de 5º de primaria.  




PERSOA ESCRÍBESE CON A FESTIVAL DE CLIPMETRAXES

 

O alumnado de Relixión Católica de Primaria e ESO está a participar no Festival de Clipmetraxes baixo o lema "Persoa escríbese con A" organizado por Mans Unidas e no que participan escolas de todo o territorio español. 

O obxectivo deste certame é desenvolver a creatividade e reflexionar sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para construír un mundo mellor.

Se queredes coñecer as súas creacións audiovisuais para este festival só tedes que clicar neste enlace.

Unhas creacións fantásticas que non vos podedes perder!




Distribuir contido