Segue aumentando o catálogo de flora e fauna do IESP de Ames

Estase achegando o fin de curso e os alumnos e alumnas  da materia de Xeografía e Historia que participan no proxecto Patio con(vida) están realizando as últimas actividades de catalogación da edición deste ano. Podedes consultar as especies catalogadas na nosa sección dentro da aplicación I-naturalist.

Como sabedes, este proxecto forma parte do Proxecto Terra, do Plan Proxecta; e establece sinerxias cos PFPP proxectos Cultura da sostibilidade V e Educación en pensamento crítico, e con outros dous proxectos do Plan Proxecta: Educación patrimonial e Proxecto deportivo do centro.

O censo de aves aumentou a 29 neste curso, a Lavandeira real e o Mergullón pequeno son as incorporacións máis recentes, aínda que tamén nos pareceu ver fuxidiamente unha andoriña de cu branco. Podedes consultar o catálogo premendo aquí. As fotos das aves a seguir están extraídas da wikipedia. Polo de agora non dispoñemos de fotos realizadas por nós de calidade abonda realizada, pero esperamos ir conseguíndoas paseniño.

 
 
Ademais das aves seguimos catalogando insectos, arácnicos, réptiles, mamífero e todo tipo de fauna. A última visita documentada polo de agora foi a da Phyrrhosoma nymphula, tamén coñecida como cabaliño do demo vermello ou damisela vermella.
 
 

As plantas non quedan atrás. Seguimos identificando novas plantas autóctonas, a máis recente a Aquilea vulgaris, coñecida como paxariños, herba dos pitos, bonete.