Acreditación das competencias dixitais do alumnado

Publicouse a Resolución do 28 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2023/24.

Nesta resolución acredítanse os niveis de competencias dixitais de iniciación e intermedio. Estes niveis correspóndense cos niveis de aptitude do Marco galego de competencias dixitais recollidos no documento Bases para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais.

Acreditación do alumnado de educación secundaria obrigatoria

  1. O alumnado que obteña o título de graduada ou graduado en educación secundaria obrigatoria recibirá o certificado que acredite o nivel de iniciación.
  2. O alumnado matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias do nivel intermedio.
  3. O alumnado que titule ou que supere a proba específica recibirá a certificación ComDix de nivel iniciación ou de nivel intermedio, respectivamente.
  4. A acreditación do alumnado terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de ítulo da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.
  5. A proba será en formato online e  constará de 60 preguntas (12 por área) que se terán que responder no prazo máximo de 90 minutos.
  6. Para superar a proba de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 70% do total de preguntas, sendo necesario ademais obter un mínimo do 60% de respostas correctas en cada unha das cinco áreas.
  7. Demo da proba de acreditación.

Acreditación do alumnado de bacharelato

  1. A obtención do título de bacharel acredita que a alumna ou o alumno ten os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio 1, 2, 3 e 5 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.O alumnado matriculado en 2º de bacharelato poderá presentarse a unha proba específica co obxectivo de acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes propias da área de dominio 4 do nivel intermedio descritas no Marco galego de competencias dixitais.
  2. O alumnado que titule sen superar a proba específica e o alumnado que non titule e supere a  proba específica poderá solicitar no centro docente un documento que acredite os coñecementos, habilidades e actitudes das áreas de dominio de competencias dixitais de nivel intermedio superadas. Para isto empregará este modelo.
  3. O documento de acreditación terá unha validez de cinco anos a partir da data da proposta de título da alumna ou o alumno ou da realización da proba específica.
  4. A proba será en formato online e constará de 12 preguntas que se terán que responder nun tempo máximo de 20 minutos.
  5. Para superar esta proba da área 4 de nivel intermedio deberase responder correctamente a un 60% do total de preguntas.
  6. Demo da proba de acreditación.

Os requisitos para presentarse á proba son:

  • Estar matriculado en 4º de educación secundaria obrigatoria para presentarse á proba específica que acredita as competencias dixitais de nivel intermedio.
  • Estar matriculado en 2º de bacharelato para presentarse á proba específica que acredita a área de dominio 4 de competencias dixitais de nivel intermedio.

As convocatorias de probas específicas, no curso 2023/24, realizaranse no instituto consonte ao seguinte calendario:

  • A proba específica que acredita a área de dominio 4 de nivel intermedio realizarase durante o 19 de abril.
  • A proba específica que acredita o nivel intermedio realizarase durante o mes de maio.

 

Para solicitar a participación teredes que cubrir o formulario de inscrición e entregalo en Xefatura de Estudos (podedes recoller o formulario en Xefatura de Estudos). O prazo remata o día 15 de marzo ás 14:00.