Seguimos retellando

Os retelladores e retelladoras comezaron unha nova andaina, a terceira xa. O Club divídese en tres grupos, segundo a idade, aínda que sen ser compartimentos estancos.

Os máis novos, de 1º a 3º da ESO, leron uns contos africanos, xa que ‘África diversa’ é o título do proxecto da biblioteca para este curso, e repartíuselle o libro A escola dos piratas de Agustín Fernández Paz, quizais demasiado infantil para algúns.

Os de 4º da ESO a 2º de Bacharelato forman o chamado grupo dos ‘maiores’. Leron o relato da recente premio Alice Munro, Radicales libres, e levaron o libro El lector, de Bernhard Schlink.

E por último, temos tamén un grupo de ‘adultos’, no que poden participar pais e nais, profesorado, persoal non docente e alumnado dos Ciclos. O libro seleccionado para este grupo foi 84, Charing Cross Road, de Helene Hanff.

O grupo de ‘adultos’ reunirase o martes da última semana do mes (a partir de novembro) ás 18,15 horas, para comentar as lecturas escollidas. Os outros dous grupos reuniranse cada quince días, os martes de 15 a 16 horas, para comentar as lecturas e desenvolver outras actividades (lecturas en voz alta, ver vídeos e filmes, recitado de poesías, conta contos, etc.).

Ademais das reunións cotiáns, os retelladores e retelladoras participarán noutras actividades lectivas relacionadas coa lectura e a cultura en xeral, como encontros con outros clubs de lectura, saídas, actuacións, charlas, etc. Por suposto, o Club de Lectura terá un papel protagonista en todas as actuacións planificadas desde a Biblioteca.