Club de Lectura

Seguimos retellando

Os retelladores e retelladoras comezaron unha nova andaina, a terceira xa. O Club divídese en tres grupos, segundo a idade, aínda que sen ser compartimentos estancos.

Os máis novos, de 1º a 3º da ESO, leron uns contos africanos, xa que ‘África diversa’ é o título do proxecto da biblioteca para este curso, e repartíuselle o libro A escola dos piratas de Agustín Fernández Paz, quizais demasiado infantil para algúns.

Os de 4º da ESO a 2º de Bacharelato forman o chamado grupo dos ‘maiores’. Leron o relato da recente premio Alice Munro, Radicales libres, e levaron o libro El lector, de Bernhard Schlink.

E por último, temos tamén un grupo de ‘adultos’, no que poden participar pais e nais, profesorado, persoal non docente e alumnado dos Ciclos. O libro seleccionado para este grupo foi 84, Charing Cross Road, de Helene Hanff.

O grupo de ‘adultos’ reunirase o martes da última semana do mes (a partir de novembro) ás 18,15 horas, para comentar as lecturas escollidas. Os outros dous grupos reuniranse cada quince días, os martes de 15 a 16 horas, para comentar as lecturas e desenvolver outras actividades (lecturas en voz alta, ver vídeos e filmes, recitado de poesías, conta contos, etc.).

Ademais das reunións cotiáns, os retelladores e retelladoras participarán noutras actividades lectivas relacionadas coa lectura e a cultura en xeral, como encontros con outros clubs de lectura, saídas, actuacións, charlas, etc. Por suposto, o Club de Lectura terá un papel protagonista en todas as actuacións planificadas desde a Biblioteca.

A Biblioteca no PLAMBE: A biblioteca, medio de coñecemento activo

A Biblioteca do IES Antón Losada inicia unha nova etapa coa integración da mesma  no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares para o curso 2012/13. Asignáronse un total de 7.300 euros para a transformación da biblioteca nun centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe e favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información. En concreto, a axuda distribúese da seguinte maneira: 2.000€ para fondos, 2.500€ para equipos, 2.500€ para mobiliario e 300€ para gastos de funcionamento.


A axuda concedeuse de acordo cun Proxecto de Biblioteca Escolar (ver adxunto), titulado: 'A biblioteca, medio de coñecemento activo'. Neste Proxecto detállanse as actuacións previstas para este curso 2012-2013, que inclúen unha importante remodelación do mobiliario e do espazo da biblioteca (ver debuxo) e un conxunto de actividades de animación e fomento da lectura. Para o desenvolvemento do Proxecto constituíuse un Equipo de Profesores que conta co total apoio do Equipo Directivo e do resto do profesorado.

Vídeo sobre o Losada

Co gallo do encontro en Santiago co Club de Lectura Papalibros do IES de Melide, Abel, Héctor e Martín coa súa disposición e habilidade habitual gravaron este vídeo que, ao final, non puidemos ver en Santiago, pero que nos encargaremos agora de difundir, porque o merece. Non podemos esquecer a fresca e áxil presentación de Natalia. É que as retelladoras e retelladores son uns fenómenos. Co tempo, seguro que entre todos somos quen de gravar un vídeo aínda mellor. Grazas polo voso traballo.

25-N. CONCURSOS: AMA CON BOS TRATOS, AMA SEN CONTROLARME

A vicedirección e Club de Lectura 'Os retelladores do galiñeiro', con motivo do 25 de novembro (Día Internacional da violencia contra as mulleres) convoca dous concursos: un de relato curto e outro de fotografía. Establécense dúas categorías, unha de 1º a 3º da ESO, e PCPI, e outra con 4º da ESO, Bacharelatos e Ciclos. Haberá, se o xurado o considera oportuno, dous premios por categoría consistentes nun vale de 25€ para mercar libros e/ou material escolar nas librarías da Esrtrada.