Día da Biblioteca: venres 25

Aínda que o Día da Biblioteca é o 24, este ano trasladamos a celebración ao 25, xa que coincide coa folga convocada por toda a comunidade educativa contra a LOMCE, unha lei que dirixe a educación no sentido contrario ao que debe de ser unha Biblioteca escolar, digna de tal nome. Nós queremos unha educación crítica, de calidade, que garanta a igualdade de oportunidades, que forme cidadáns responsables que contribúan a mellorar a sociedade na que viven, e na que o auténtico obxectivo sexa o benestar de todas/os e cada un/unha dos alumnos e alumnas.

Para ese día temos previstas as seguintes actividades:

-          Xornada de portas abertas para as familias. Durante a mañá do venres recibiremos ás nais e pais do alumnado, ensinándolles a Biblioteca e animándoos a facer uso dos seus fondos.

-          Distribuiremos entre as persoas que nos visiten e o alumnado en xeral unha breve Guía de Uso da Biblioteca, onde se lle explicará como se organiza a biblioteca, como consultar o catálogo e como solicitar un documento.

-          Faremos visitas guiadas para o alumnado de 1º da ESO, onde se lles explicarán as normas básicas de funcionamento e se realizará algún exercicio. Tamén coñecerán e practicarán co programa de auto-empréstito do MEIGA.

-          Penduraremos na Biblioteca uns pósters con imaxes de África. O proxecto anual da Biblioteca xira arredor do tema: ‘África diversa’.

-          No expositor do corredor colocaremos libros, cómics, revistas e materiais audiovisuais que amosen que é posible ‘Ler ciencia na Biblioteca’.

-          Nos recreos desenvolveremos unha lectura continúa, gravada en vídeo, sobre a flora e a fauna africana.

-          Tamén nos recreos, o alumnado que o desexe participará na creación dun mural baixo o título ‘África é…’. Nun folio cada alumno escribirá ou debuxará o concepto que para el mellor define ao continente. Ao rematar, pegaranse os folios na parede exterior da biblioteca.

-          Ao longo da mañá a biblioteca ambientarase con música africana e proxección de imaxes de animais de África.

O alumnado que participe na lectura gravada e na realización do mural recibirá como agasallo un vale para tomar algo ‘na de Pili’.