FUNCIONAMENTO DA BIBLIOTECA

Logo bibliotecaNormas xerais

  • Mentres esteas na biblioteca podes consultar os libros, revistas, etc. que queiras, pero cando remates tes que deixalos no seu lugar.
  • Na biblioteca debemos gardar o maior silencio posible para non molestar ás persoas que están estudando ou lendo.
  • Manter en orde a biblioteca é unha obriga de todos, así que cando marches non deixes papeis na mesa, coloca ben a cadeira e leva os libros, xornais, revistas, etc. ao lugar onde estaban.
  • Non comas nin bebas na biblioteca.
  • O profesor de garda de biblioteca preocuparase de que exista o ambiente axeitado nela, así como de entregar, recoller e colocar os libros que fosen devoltos, non sen antes anotalos no ordenador.
  • A biblioteca non é un lugar de castigo. Ningún profesor mandará alumnos-as castigados á biblioteca.

Servizo de préstamo

  • Podes levar en préstamo libros – e revistas –agás o último número-.
  • Para poder levar libros e revistas para a casa é necesario darllos ao profesor ou profesora de garda para que rexistre o préstamo.
  • Cando os devolvas tamén llos debes dar ao profesor ou profesora que nese momento se ocupe da biblioteca.
  • É obrigatorio presentar o carné da biblioteca.
  • Podes ter os libros un máximo de 15 días. Pasado este tempo tes que devolvelos á biblioteca ou renovar o préstamo por outros 15 días.
  • Podes ter en préstamo tres libros, pero pensa nos demais e non leves o libro ata que o poidas ler.
  • Se incumpres reiteradamente os prazos de devolución perderás o dereito a levar libros en préstamo durante algún tempo.
  • O deterioro ou perda de libros suporá a súa reposición ou abono en metálico.

A organización da biblioteca

Os libros están organizados por materias seguindo a Clasificación Decimal Universal (C.D.U.); en cada estante os libros colócanse por orde alfabética.

A cada materia correspóndelle un número. Ese número figura na etiqueta do libro.

A maior parte dos libros xa levan no su lombo unha etiqueta coma esta que che axudará a localizalo na biblioteca:

 869.9-3 FER car
  869.9-3  Nº da CDU
FER  Iniciais do apelido do autor
 car  Iniciais do título

 

Esta etiqueta correspondería a un libro de Literatura en galego (CDU: 869.9);

  • Como leva tamén –3, sabemos que é unha narración ou un conto.
  • Se levase -2 sería Teatro e se levase -1 sería Poesía.
  • O seu titulo é Cartas de inverno, e foi escrito por Agustín Fernández Paz.

Os libros de cada materia organízanse alfabeticamente (de esquerda a dereita), seguindo as tres primeiras letras do apelido do autor, escritas en maiúsculas.

Os libros co mesmo número e as mesmas iniciais no apelido ordéanse alfabeticamente segundo as tres primeiras letras do título do libro. Na etiqueta figuran sempre con minúsculas.