Complementarias

Xinkana matemático-literaria

Co gallo da celebración do día PI  o alumnado da ESO participou nunha xinkana matemático-literaria na que debían resolver varios enigmas e acertixos cuxas respostas aparecían agochadas nunha serie de libros relacionados coa matemática. Por suposto, os mellores detectives matemáticos tiveron a súa recompensa! Queres saber quenes foron os máis audaces? Mira na galería de fotos.
A actividade foi organizada polo departamento de Matemáticas en colaboración coa Biblioteca.


Alumn@s do MGB na Masterclass COMPUTACIÓN CUÁNTICA

Os alumnos de 2º Bacharelato-A do noso centro: Pablo Brey Arca, Alejandro Cobas Correa e Fernando Sanmartín Sangiao participarán o venres 12 de abril na MASTERCLASS “COMPUTACIÓN CUÁNTICA” organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías.

 

Poderán desfrutar dunha actividade científica a nivel internacional, con charlas sobre o mundo da computación cuántica e unha sesión práctica na que terán a oportunidade de utilizar un ordenador cuántico.

 

Os detalles da xornada poden consultarse na seguinte ligazón:

 

https://indico.cern.ch/event/1395459/overview

 

Charla para 1º Bacharelato

O xoves 21 de marzo, o alumnado da área de Bioloxía e Anatomía de 1º de bacharelato gozaron dunha charla formativa sobre os ósos que conforman o noso corpo, impartida polo profesor da UDC Isaac Fontes.

Máis fotos na nosa galería Flickr.

Fotos do día de Rosalía: Rosalízate!

Xa temos na nosa galería Flickr as fotos do pasado venres 23 de febreiro, Día de Rosalía.

Alumn@s do MGB na Masterclass Europea de Física de Partículas

Os alumnos de 2º Bacharelato-A do noso centro: Alejandro Cobas Correa, Fernando Sanmartín Sangiao, Pablo Brey Arca e Xulián Brey Couto  participarán o venres 1 de marzo na MASTERCLASS EUROPEA de FÍSICA (“Física de Partículas coas Mans”), organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías. É unha xornada na que profesores do Dpto. de Física de Partículas da Facultade de Física da USC, en colaboración co CERN, tentarán achegar o mundo das partículas elementais a estudantes de último curso de Bacharelato

 

Os detalles da xornada poden consultarse na seguinte ligazón do IGFAE.

Día de Rosalía. O día 23 de Febreiro: Rosalízate!

Este venres, durante os dous recreos, o EDLG organiza unha actividade dirixida a alumnado e profesorado para poñer en valor a figura de Rosalía de Castro. A actividade consiste en escoller entre tres diferentes deseños: Rosalía ecoloxista, Rosalía feminista e Rosalía galeguista e fabricar unha chapa coa que locer orgullosas. Realizarase na entrada ao centro.

Os deseños foron feitos por alumnado colaborador e a propia actividade tamén contará coa súa axuda!

Actividade "Día Internacional do Cancro Infantil"

O pasado xoves 15 de febreiro conmemoramos no centro o Día Internacional do Cancro Infantil. Alumnado de 1º e 4º ESO realizou diversas actividades (lazos dourados, tatuaxes, lectura de manifesto) co fin de mostrar a nosa empatía e solidariedade con aqueles menores que viven ou viviron a enfermidade.

Agradecemos á Asociación de Apoio a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG) e á Federación Española de Padres de Niños con Cáncer (FEPNC) a oportunidade de participar nesta iniciativa.

Entroido 2024

O pasado venres 9 de febreiro celebrouse o Entroido no MGB. As fotos xa se poden ver na nosa galería Flickr.

Viaxe a Grecia do 9 ao 15 de febreiro

   50 alumnos/as de 1º e 2º de Bacharelato, acompañados das profesoras Esther Sánchez, Beatriz Mera e María Varela, emprenderán unha interesantísima viaxe a Grecia este venres día 9, un territorio cheo de historia, reliquias arquitectónicas e de grandes pensadores para a cultura europea. Esperamos que a viaxe sexa moi enriquecedora e que a disfruten.

Charla de Economía do Programa “A Ponte” da USC

O xoves 25 de xaneiro, os grupos de 1º e 2º de bacharelato de Economía asistiron á charla "A creación de empresas na universidade”, impartida polo profesor David Rodeiro Pazos, catedrático do Dpto. De Economía Financeira e Contabilidade da Facultade de C.C. Económicas de Santiago. O alumnado recibíu formación nunha 1ª parte, sobre a creación de empresas e a 2ª parte, da xeración de ideas ao plan de empresa. A charla foi organizada polo Departamento de Economía.

ODISEA 2024 NO MGB: "A alimentación en Grecia e Roma"

Trala disputa de fase local do Concurso de Cultura Clásica Odisea 2024, que tivo como fío condutor o tema "A alimentación en Grecia e Roma", hoxe tivo lugar na MeGaBiblioteca a entrega de premios aos 3 equipos gañadores da nosa "Odisea interna" do MGB:
1º premio: SCAMAPIER (2BAC)
RÚA REIGADA, CLAUDIA
SIERRA SILVA, IRIA
ABAL CASTRO, CARLA
---
2º premio: PUERI EX AQUIS CALIDIS (2BAC)
BAAMONDE SENÍN, BREIXO
CAMPOS VIEITEZ, UXÍO
---
3º premio: LAS PATROCLOS (3ESO)
RODRÍGUEZ GARCÍA, SAMANTHA
REY FREIRE, CLARA

Charla do programa "A ponte" da Universidade de Santiago de Compostela

O mércores 17 de xaneiro, os grupos de 2º de bacharelato de Artes e de Humanidades asistiron á charla "A xestión cultural: un sector profesional emerxente e unha oportunidade de empregabilidade", impartida polo profesor Gonzalo F. Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades do campus de Lugo. O alumnado recibíu información sobre o grao universitario e sobre as variadas e interesantes saídas profesionais dun sector en auxe centrado no mundo da cultura e a súa xestión. A charla foi organizada polo Departamento de Lingua castelá en colaboración cos de Lingua galega e Educación Plástica e Visual.

PROGRAMA “EDUCAR EN XUSTIZA”

O alumnado de 1º de Bacharelato de Economía participou o día 10 de Xaneiro no programa “Educar en Xustiza” promovido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A actividade comeza cunha explicación por parte do Maxistrado de Sá do Penal, das funcións do persoal da Administración de Xustiza, fiscais, avogados, letrados, testemuños e peritos. A continuación, informaron sobre os niveis nos que se estrutura esta administración, dos tipos de sentenzas xudiciais, as fases de instrución e execución, as dilixencias e a tramitación dos expedientes. Rematamos a visita coa asistencia a audiencias orais e finalmente dirixímonos ás dependencias de Xulgado de Xustiza en Santiago visitando as celas e as sás de identificación e recoñecemento. A actividade estivo organizada polo Departamento de Economía e o alumnado estivo acompañado polas profesoras Laura Veiga e Raquel Carballo.

Baile de Nadal

O xoves 21 de decembro, último día de clase antes das vacacións de Nadal, celebrouse unha pequena festa no centro con música e bailes. Nesta ligazón pódense atopar algunhas fotos e vídeo do evento.

Visita ao Parlamento

Os alumnos de 4º ESO visitaron o martes 19 de decembro o Parlamento de Galicia. Recibiron formación sobre as funcións, a organización e a historia da institución; accederon as dependencias máis solemnes do pazo do Hórreo como o Salón dos Reis, a Biblioteca, os patios interiores e o Hemiciclo, onde presenciaron unha sesión plenaria.

Estiveron acompañados polos profesores Roberto Fernández, Brais Prieto e Raquel Carballo.

Ligazón ás fotos da xornada.

Distribuir contido