Recomendámosche

unicornio de cenorias que cabalgas os sábados

Este é o título do libro de poemas do colectivo ronseltz, que reivindicaba, entre outras cousas, o seu dereito a un Bacardí con sifón, e que logo proclamou a súa disolución por non reunir os requisitos Peterson para constituír unha xeración.

Nesta obra inclasificable e coa que sen dúbida pasaremos un bo rato, podemos ler poemas coma este, que leva por título Galiza:

Todo na miña terra é paisaxe

Menos traxe, paxe

e garaxe.

*sección de novidades da MeGaBlioteca, con nº de rexistro 18.886

unicorniodecenorias.jpg

Reo, un rapaz calquera dun barrio calquera

Reo é o rei dos graffiteiros da cidade, o más comprometido coa súa arte, o mellor. Ata que un día é retado por un misterioso rival...

Este é o argumento de Reo, novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil 2013, escrita por Xesús Fraga, e que podedes atopar na sección de novidades da MeGaBiblioteca (nº rex. 18.413).

Unha trama trepidante a redor do mundo do hip hop e as bandas dos barrios que reflexiona sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos días.

reo.jpg

Propostas de lectura para o Nadal

As bibliotecas escolares dos tres institutos públicos d’A Estrada (IES Antón Losada, IES nº 1 e IES Manuel García Barros) fixemos esta selección para vós, con títulos recomendables para este tempo de lecer. Intentamos atender a unha gran variedade de gustos, pensando nas vosas idades e/ou no soporte ou xénero que vos poida apetecer…

Dispós de exemplares de moitas destas obras na biblioteca do teu centro.

recom_nadal_2014.jpg

A historia da ópera

Na sección de novidades da MeGaBiblioteca podemos atopar este libro, profusamente ilustrado e con texto de Alessandro Taverna, publicado pola editorial anDantino no ano 2006.

Os lectores poderán atopar nel unha introdución sinxela á historia da ópera e aos grandes compositores de todo o mundo. Ademais incorpora tamén unha clasificación por xéneros musicais e explica cómo se compón e se representa unha obra destas características.

Poderemos coñecer tamén ás grandes compañías operísticas e a todos os personaxes que forman parte desta disciplina: cantantes, libretistas, decoradores, directores teatrais e directores de orquestra. Nomes como Cecilia Bartoli, Enrico Caruso, Gustav Mahler, Arturo Toscanini, Maria Callas, Luciano Pavarotti. E os grandes compositores: Monteverdi, Mozart, Rossini, Verdi, Puccini...

"La ópera y su historia: obras, compositores y cantantes" (nº rexistro: 18.336).

Vae Victis!

Roma, ano 695 ab urbe condita. A cidade está dominada polo primeiro triunvirato formado por Craso, Pompeio e Xulio César, pero este último ideou un plan para engrandecer a gloria de Roma... e facerse con todo o poder.

Ámbar, unha escrava de orixe celta, descobre os plans de César e comeza unha terrible odisea para voltar ao seu fogar, as Galias, a advertir ao seu pobo do perigo que se cerne sobre as súas cabezas...

Este é o argumento de Vae Victis!, un referente da novela gráfica histórica, con debuxos de Jean-Yves Mitton e guión de Simon Rocca e que podedes atopar na sección de novidades da MeGaBiblioteca.

É esta unha edición integral que consta de 3 volumes, con tres capítulos en cada un. Acción asegurada e unha ben documentada base histórica que nos farán pasar un bo rato e viaxar dende Roma ata Britannia, pasando polos diferentes pobos que configuraban a Gallia. A vida no exército, o papel dos druídas, as alianzas e enfrotamentos entre Roma e os pobos galos. Todo isto e moito máis a través das páxinas desta obra altamente recomendada para os lectores do MGB.

Para máis información podedes ler aquí unha reseña ou a completa entrada que lle dedica a wikipedia francesa.

* Esta nova é a primeira dunha serie que terá carácter semanal e coa que o equipo da Biblioteca quere dar a coñecer as súas recentes adquisicións.

Distribuir contido