Saltar navegación.
Inicio

Erasmus de irmandade entre a Regueifa e a Ottava Rima na Toscana

O IES Marco de Camballón e o IES do Milladoiro estámos a participar nun programa Erasmus+K1, baixo o título Europa de repente. Neste programa europeo, no que estámos involucrados estes dous centros de ensino, participan tamén centros da Madeira (Portugal) e de Florencia (Italia). A coordinación lévase a cabo desde o CFR da Coruña.

Do 27 ao 30 de setembro de 2022, levouse a cabo a segunda mobilidade do programa, na que se observou “in situ” o panorama actual da improvisación oral na Toscana. Realizáronse entrevistas con improvisadores vinculados á asociación Lottava Rima, cun centro de ensino da Toscana (Cutigliano) e mais no Centro Studi Beatrice di Pian degli Ontani (improvisadora e poeta do século XIX) da mesma localidade. 

Ao igual que se fixo na primeira viaxe do mes de xaneiro á illa da Madeira, por parte dos catro docentes destes dous centros e mais do coordinador do CFR, nesta viaxe realizáronse tamén numerosas entrevistas e gravacións a persoas implicadas neste tema (músicos, investigadores, profesorado, improvisadoras e improvisadores, activistas culturais, alumnado...) para coñecermos improvisación tradicional nesta zona (ottava rima). Alén diso o profesorado galego tivo oportunidade de participar en dous encontros ao vivo de poesía oral improvisada. Afondouse nesta modalidade literaria nun percurso polo roteiro de Beatrice, na montaña de Pistoia, referente da  improvisación nos Apeninos.  

Todo o material escrito e audiovisual realizado nestes encontros vai servir para a elaboración de material educativo e compoñer un documentario que visibilice cal é a situación actual do repentismo nos puntos anteriormente referenciados e que se expoñerán no final do proxecto para a comunidade educativa europea que teña interese neste tema.

Presentación coas familias

Convocamos ás familias a unha reunión informativa co/a profesor/a titor/a do grupo o día 28 de setembro ás 18:00 horas. Indícase no cadro os cursos convocados:

As familias accederán ao centro e dirixiranse á aula do seu grupo, onde as recibirá o titor/a.

Ciclos formativos con prazas dispoñibles

Ata o 23 de setembro permanece aberto o prazo de matrícula en ciclos formativos con prazas dispoñibles.

No caso do noso centro hai prazas libres nos tres ciclos que se imparten:

  • Ciclo medio de Soldadura e caldeiraría
  • Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia
  • Ciclos básico de Servizos administrativos

As persoas interesadas en matricularse nestas ensinanzas deberán formalizar a matrícula no centro educativo, que se realizará por orde de chegada.

Inicio do curso 2022-23

O día 8 de setembro comeza o curso 2022-23. De 9.00 a 9.50 h, o alumnado reunirarse na aula co/a profesro/a titor/, onde se lles facilitará o horaro así como varias informacións sobre o funcionamento e organización do centro. A partir das 9.50 h seguirán as clases segundo o horario.

O alumnado deberá agardar na porta asignada a ser chamado para a súa entrada ao edificio do centro. Accesos:

  • Porta 1: Alumnado CM Atención a persoas en situación de dependencia
  • Porta 2: Alumnado 1º e 2º ESO
  • Porta 3: Alumnado 3º ESO e CM Soldadura e Caldeiraría
  • Porta 4: Alumnado 4º ESO, BAC e FPB

Reunión do profesorado de inicio de curso 2022/23

O xoves 1 de setembro ás 10:30 horas terá lugar unha reunión de profesorado con destino no centro, con motivo do inicio do curso 2022/23. 

O profesorado que obtivera destino no instituto na resolución definitiva do CADP pode proporcionar os seus datos (nome, apelidos, especialidade e conta de correo corporativo) no enderezo electrónico ies.marco.camballon@edu.xunta.gal

"O poeta que baila", premio á innovación educativa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Formación Profesional acaban de resolver a convocatoria de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística durante o curso 2021-2022, e un dos cinco premios foi para o IES Marco do Camballón, polo proxecto que leva por nome “O poeta que baila”, realizado conxuntamente entre o Clube da Lingua e o IES do Milladoiro.

 

A idea afonda no vínculo coa música que ten a obra literaria do escritor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen estivo dedicado este ano o Día das Letras Galegas, e inclúe unha fusión de baile, música, literatura e lingua arredor da obra do autor. Entre as propostas figurou a gravación dun videoclip coa participación de vinte estudantes e docentes do instituto cruceño xunto ao músico Xabier Díaz, onde houbo protagonismo para o poema Pandeirada do escritor ourensá. No relativo ás imaxes, a dirección audiovisual estivo a cargo da ex alumna Nerea Fiúza. Asemade, tamén se gravou o tema en estudo. No caso do instituto do Milladoiro, o seu traballo estivo centrado en analizar os ritmos latinos e a súa presenza na obra de Florencio Delgado.

 

Este galardón, dotado de 2000 euros, súmase a outro obtido anteriormente neste curso, o premio de educación Antonio Fraguas, co que se recoñece o proxecto “Ao son da oralidade”, tamén xunto ao IES do Milladoiro. Neste caso a iniciativa estivo centrada na oralidade de dous territorios moi próximos, nunha viaxe no tempo dende a Prehistoria ata a actualidade, vinculada tamén ao patrimonio e dende diferentes disciplinas.

Libros de texto para o curso 2022-2023

Pódese consultar nos documentos adxuntos a relación de libros de texto para o próximo curso.

Mantense o banco de libros do centro nos cursos de 2º e 4º da ESO. Poderase optar ao préstamo de libros cumprimentando unha solicitude que será entregada ao inicio das clases, debendo ordenar os libros por orde de preferencia, os cales se irán asignando segundo existencias.

O cheque para material escolar tamén será entregado ao inicio de curso.

O alumnado de 2º de SOLCA acada a segunda posición no certame Cooperativismo no ensino

Hugo Tato, Damián Torres e Nicolás Sueiro, alumnos do 2º curso de SOLCA resultaron gañadores do Accésit ao proxecto finalista coa súa proposta de empresa "Contorno Accesible" e recibirán un premio económico de 3.500€.

Aberto o prazo para participar no Fondo Libros

Aquí podedes consultar a información e anexos para participar no Fondo Libros (axudas de cheque para material).

O alumnado de FP Básica presenta o proxecto “a miña horta é a túa”

O pasado mércores 4 de maio, aproveitando que  foi día de feira na nosa vila, o alumnado de FP Básica acudiu á praza do concello para presentar o proxecto “a miña horta é a túa” promovido pola Fundación Baiuca Verdescente. O alumnado participou no deseño e organización deste acto en colaboración coa fundación, no que se presentou este proxecto á poboación do concello.

O proxecto “a miña horta é a túa” leva anos funcionando no concello de Silleda e pretende espallarse a outros concellos da Comarca do Deza. O seu obxectivo é recoller os excedentes de produción das hortas particulares e doalos, como produtos frescos, a persoas que o precisan ou que sexan usuarias da recollida de alimentos.

Para isto, o alumnado realizou unha campaña de captación de “hortas voluntarias” pedindo a colaboración da veciñanza que acudiu á feira  para que colaboren doando os seus excedentes de produción. Ao mesmo tempo, tamén se procuraron persoas voluntarias para a recollida de alimentos nas distintas hortas colaboradoras.

Finalmente, o alumnado presentou o proxecto no centro aos distintos grupos de alumnado animando aos seus compañeiros a participar no mesmo dunha forma solidaria.

Distribuir contido