Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Ex-alumnado orienta!

Seguimos a reo coa orientación académica! Desta volta recibimos a visita de Uxía e Thais, ex-alumnas do noso centro que actualmente están a estudar o Bacharelato de Artes Plásticas.

Ao ser esta unha especialidade que non se imparte no noso instituto, pero na que teñen interese algúns alumnos/as de 4º ESO, as compañeiras explicaron neste curso as cuestións máis destacadas destes estudos: que materias poden cursar, en que consisten as materias específicas destas ensinanzas ou que se aprende a facer en cada unha delas, así como as saidas académicas e profesionais relacionadas coas artes plásticas. 

As ex-alumnas amosaron os seus traballos ao alumnado, dando mostra da súa creatividade. Trátase dunha modalidade de bacharelato moi amena para aquelas persoas que lles guste o debuxo ou as artes plásticas, e queiran dedicarse a algunha profesión vencellada con isto, se ben, como en todos os estudos, é fundamental a constancia e traballo diario, para facer fronte ás múltiples entregas e tarefas. 

Educación emocional: proxecto EU

No marco dos contrato-programa Emocióna-T, centrámonos no descubrimento persoal nos cursos de 3º e 4º ESO, levando a cabo o proxecto EU. Trátase dun proxecto de autodescubrimento a través de dinámicas de autocoñecemento e mediante a reflexión e identificación das cualidades propias. 

No programa, traballamos sobre as habilidades sociais e de comunicación, adquirindo estratexias para o autocoñecemento e valoración positiva das diferenzas entre as persoas, potenciando a autoestima, empatía e asertividade, á vez que promovemos o bo trato. 

Coa axuda da entidade Anacos Educativos, aprendemos a de-construirnos de xeito respectuoso, favorecendo a identificación e expresión emocional. Aquí podedes ver un resumo das sesións. 

Educación emocional: ME-DITO

Este curso traballamos a educación emocional a través do programa Descubíndonos, impartido por Anacos Educativos, no marco dos contrato-programa Emocióna-T.

En 1º da ESO puxemos en marcha o proxecto ME-DITO, un proxecto que pretende a de-construción da persoa dun xeito respetuoso consigo mesma e cos demais, favorecendo o coñecemento das emocións e a súa expresión, mellorando a comunicación e achegando ao alumnado á meditación, atención plena e respiración consciente.  

En definitiva, adquirimos habilidades sociais e emocionais co fin de coñecernos e mellorar o benestar con nós mesmos/as e cos demais. Nesta ligazón podedes ver un resumo gráfico do que estivemos a traballar.

Sexualidade e pornografía

O noso centro leva tempo comprometido coa educación afectivo-sexual, coñecedores da importancia da mesma non só no que ten que ver coa prevención de ETS e embarazos non desexados, senón tamén no que á cuestión emocional e relacional entre as persoas se refire, como aspecto básico en canto á promoción das relacións baseadas na igualdade, respecto e tolerancia. 

Sen embargo, no momento actual hai unha gran preocupación social polo auxe de condutas violentas nas relacións afectivas, incluso a idades moi temperás, que moito teñen que ver co (mal) uso de internet e o fácil acceso á pornografía, o que promove unha visión distorsionada da realidade e das relacións afectivas nos menores de idade. 

Con un panorama ao respecto preocupante e a alarma social activada, o alumnado da materia de Psicoloxía de 2º de Bacharelato, da man da súa profesora Zeltia Laya, decidiron intervir. Levaron a cabo unha investigación sobre a cuestión, indagando sobre a pornografía e a súa influencia no desenvolvemento afectivo-sexual dos menores e adolescentes. Presentaron as súas conclusións en todos os cursos do instituto, concienciando a alumnado e profesorado dunha problemática sobre a que é preciso reflexionar e dende logo tomar medidas.Promover un uso adecuado de internet, redes sociais e videoxogos, supervisar e regular o acceso a determinados contidos son premisas urxentes para restablecer o compoñente emocional adecuado nas relacións afectivas, nas que non debe caber espazo para a violencia nin abusos de ningún tipo. 

Voluntariado - Cruz Roja

Dende a sede de Cruz Roja en Lalín, visitáronnos dúas voluntarias que deron a coñecer o traballo de voluntariado ao alumando do ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.

Foi unha sesión moi interesante na que puidemos coñecer os ámbitos aos que se dirixen estas accións solidarias (maiores, infancia, inmigración, medio ambiente...) e o que se fai en cada un deles. 

Ser persoa voluntaria en Cruz Vermella é moi sinxelo: podes cubrir unha solicitude online, chamar por teléfono ou achegarte ata unha oficina física, onde te informarán ao respecto. O máis importante é ter ganas! 

 

 

Relaxación

Xa o di a cita latina "Mens sana in corpore sano".

Sabedores de que tan importante é coidar do corpo como a mente, este curso dedicamos un espazo á relaxación nas clases de Educación Física en 1º de Bacharelato, co obxectivo non só de pasar un agradable momento, senón tamén de adquirir coñecementos e habilidades para poñer en práctica no noso día a día con impacto positivo na nosa saúde física e mental. 

Agardamos estas clases foran moi produtivas, especialmente nunha etapa educativa tan esixente! De seguro o alumnado lle quitará partido! 

 

 

 

Marcapáxinas solidario

Este curso participamos na 16ª Edición do Día do Libro Solidario, que organiza a entidade Save the Children. 

Alumnado voluntario do centro está a deseñar marcapáxinas solidarios. As doazóns recadadas serán ingresadas a favor de Save the Children, que as destinará á loita contra a desnutrición infantil. 

Atopámonos na fase artística, esperando poder pasar pronto á seguinte fase e aportar o noso gran de area!

 

 

 

 

Protección da natureza

Recibimos de novo a visita da Garda Civil, que desta volta deu a coñecer ao alumnado de 3º ESO, 4º ESO e 1º FPB a labor que realiza o Seprona (Servizo de Protección da Natureza), concienciando da importancia de ser respetuosos co medio ambiente e empregar os recursos naturais de forma responsable. 

 

 

 

 

 

 

Ex-alumnado orienta!

Nesta semana, o alumnado de Bacharelato recibíu a visita de Nuria, unha antiga alumna do centro que actualmente estuda na Universidade.

Nuria segue moi vinculada a Vila de Cruces e tamén ao noso instituto, participando de vez en cando en distintos proxectos. Nesta ocasión, visitounos para transmitir ao alumnado de 1º e 2º de BAC a súa experiencia dende que rematou os estudos secundarios. 

A antiga alumna, que actualmente realiza o 3º curso de grao, recorda como a pandemia a sorprendeu a ela e ao seu grupo de clase cando cursaban 1º de Bacharelato, co que todo eso implicou nese ano e ao seguinte, á vista da tan "temida ABAU". Foron momentos duros e de incertidumbre pero superados con éxito.

Nuria transmitiu ao alumnado a importancia de ser constantes e afrontar as adversidades de forma positiva e resiliente, facendo consciente á rapazada de que pronto pecharán unha etapa das súas vidas pero comezará outra chea de oportunidades e novas experiencias, que lles axudarán a medrar como persoas. 

Case podemos dicir que fluir, pero con sentidiño, sería o recomendable!

 

 

 

Chicas nuevas 24 horas

O noso centro alberga ata o día 30 de abril a exposición "Chivas nuevas 24 horas", que denuncia a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. No marco desta exposición, o alumnado de 4º ESO, Formación Profesional Básica, ciclos medios de Soldadura e cadeiraría e Atención a persoas en situación de dependencia, así como alumnado do proxecto de Igualdade de xénero de 3º ESO, tiveron a oportunidade de acudir a unha actividade didáctica arredor da mesma. Presentada a exposición fotográfica por unha experta na materia, puideron visualizar o documental do mesmo nome dirixido pola actriz, documentalista e directora Mabel Lozano, así como participar nun taller sobre o visto e traballado anteriormente. 

Trátase dunha actividade educativa e de concienciación social, da que se fixo eco a sección comarcal do Faro de Vigo, dada a súa relevancia e interese pública. 

Aquí pódense ver fotos da xornada didáctica, agradecendo ao Concello de Vila de Cruces que a fixera posible. 

Distribuir contido