Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Mediación: roleplaying

Continuamos coas representacións sobre a mediación escolar. Deixamos algunha foto que nos quedara pendente!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Obradoiros de "Educación emocional"

Desta volta, Verónica e Natalia da cooperativa Educalecrín, realizan obradoiros de educación emocional co alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Achegámonos nas sesións ao concepto de intelixencia emocional, para o que é fundamental recoñecer e aceptar as emocións para aprender a xestionalas (conciencia e regulación emocional), o que favorecerá o noso benestar. O autocoñecemento, aceptar o erro como normal e oportunidade para a mellora, a resilencia e a importancia do propio autocoidado e das redes de apoio, son aspectos dos que tamén falamos no obradoiro, no que reflexionamos sobre o diálogo interno que mantemos con nós mesmos/as, á par que aprendemos ferramentas para transformalo, o que repercutirá positivamente na nosa saúde emocional. 

 

Obradoiros de "Relacións Saudables"

No día de hoxe recibimos a visita de Natalia e Verónica, fundadoras de Educalecrín, que desenvolveron co alumnado diversos obradoiros. A rapazada de 3º e 4º da ESO participou na actividade denominada “Relacións saudables”, na que se abordou a importancia do manexo adecuado das emocións e dunha boa autoestima para manter relacións saudables con un mesmo e cos demais. Quererse a un mesmo/a, manter relacións diversas, aprender a comunicarse de forma non violenta e detectar as crenzas limitantes tradicionalmente aprendidas, como os mitos do amor romántico por exemplo, favorecerá as relacións intrapersoais e interpersoais saudables e evitará a dependencia emocional.

Todo isto son cuestións que se trataron no obradoiro e que posteriormente se plasmaron de forma gráfica traballando grupalmente, mediante un exercicio no cal o alumnado debían discutir e agrupar certos comportamentos segundo foran tóxicos ou saudables nas relacións de parella.

Mediación: roleplaying

Continuamos coa mediación! De cando en vez, ademais de outras dinámicas e sesións de reflexión, realizamos algún roleplaying para aprender a mediar de forma práctica, á par que coñecemos as fases da mediación. 

Obradoiros sobre redes sociais e internet

Ao longo desta semana recibimos a visita das técnicas de Hydra, unha axencia de marketing e comunicación, que a cotío traballan e investigan sobre os usos e comportamentos nas redes para mellorar as vendas dos seus clientes. 

Que uso facemos das novas tecnoloxías e como nos comportamos no mundo dixital pode ter consecuencias, polo que as técnicas falaron co alumnado de 2º da ESO sobre os riscos das redes sociais (sexting, grooming, ciberacoso...), e deron a coñecer ao alumnado de 3º da ESO como funciona o mundo dos influencers e a importancia da privacidade na rede, pois o certo é que estamos máis expostos do que inicialmente poideramos pensar. Foron unhas sesións moi amenas nas que nos animaron a manter un comportamento prudente e adecuado nos medios virtuais. 

Mediación. Cooperación e creatividade

Nos últimos días estivemos traballando en equipo cos grupos de 2º da ESO. Puxemos en práctica a dinámica grupal "A pelota viaxeira", que consiste en pasar a pelota dun vaso a outro sen tocar estes, mediante a colaboración de todos os membros do equipo e empregando os materiais dados (tesoiras, corda e goma elástica). Trátase dunha dinámica que favorece ademais a creatividade e innovación. Sen dúbida, o alumnado acolleu moi ben o reto, pasárono en grande e tiveron moi boas ideas!

A ponte entre o Ensino Medio e a USC

Rematamos a semana coa visita dunha profesora da USC, que explicou ao alumnado de 2º de Bacharelato cuestións relativas á universidade: estudos, admisión, aloxamento, vida universitaria.... dentro do marco do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC", coa finalidade de que o alumnado se vaia preparando para a seguinte etapa despois de rematar o ensino medio.

 

 

 

 

 

8 Marzo - Día Internacional da Muller

Con motivo da conmemoración do 8M, leváronse a cabo no centro distintas actividades. Dende as titorías participamos na proposta do equipo de Biblioteca, sobre o empoderamento feminino. Logo de reflexionar sobre o tema, o alumnado creou por grupos-clase unha representación en cartolina, onde as alumnas se situarían no centro do símbolo da muller, indicando mulleres referentes para elas, e arredor colocaríanse os alumnos, sinalando aquelas cuestións que poden facer como homes para axudar ao empoderamento da muller. Saíron variantes interesantes e mesmo houbo rapaces que tamén sinalaron mulleres referentes para eles. Podedes ver os traballos realizados no blog da biblioteca, nesta ligazón. 

Obradoiro prevención do consumo de drogas

No mes de febreiro, as titoras de 4º da ESO e o departamento de orientación levamos a cabo un obradoiro de prevención de consumo de drogas co alumnado deste curso. Foron varias sesións nas que se abordou a problemática da adicción con susbtancias, a fin de incidir na súa prevención.

Falamos sobre o tabaco, alcol e drogas ilegais, as súas consecuencias na saúde e o seu impacto na persoa e no ámbito cercano, os factores de risco e de protección, os mitos arredor do consumo destas substancias....todo elo mediante a análise de visualizacións e o intercambio de opinións co alumnado.

Un obradoiro necesario nun momento vital transcendental como é a adolescencia, no que as propias características da etapa e a presión do grupo xogan un papel clave na toma de decisións, favorecendo con este tipo de actividades a perspectiva crítica e responsable ante as mesmas.  

 

Mediación. Fases e posta en práctica

Continuamos a traballar en mediación co alumnado de 1º e 2º da ESO. Achegámonos ao coñecemento das fases da mediación como proceso formal, e que mellor maneira de aprender sobre as mesmas practicando mediante roleplaying!

O alumnado ponse na pel dos protagonistas ante un caso dado e representan o papel de mediadores/as e mediados/as. 

Desenvolvemos habilidades e aprendemos facendo!

 

 

Distribuir contido