Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Navegar en positivo II

Nos últimos días volveu visitarnos Marc, para dar continuidade ao obradoiro "Navegar en positivo", desta volta enfocando o mesmo dende a perspectiva de xénero. 

Tratamos sobre os riscos das redes como sexting ou grooming, así como as manifestacións da violencia de xénero a través dos medios dixitais, que en moitas ocasións incluso tende a normalizarse. Mediante o intercambio de ideas e opinións e poñendo ao alumnado en situacións propias da súa vida, estimúlase a reflexión, co obxectivo de facelos conscientes e previr a violencia de xénero.

 

 

 

 

 

Asamblea de convivencia

Comezamos a realizar nas titorías as asambleas de convivencia.

Falamos os problemas e conflitos do grupo e buscamos solucións beneficiosas para todos, ao tempo que valoramos o noso comportamento nas clases, actitudes na aula e no centro, o coidado dos materiais e instalacións, o respecto aos demais....

Reflexionamos sobre o comportamento grupal e a responsabilidade individual de cada un de nós na marcha da boa convivencia, adquirimos compromisos e establecemos as nosas propostas de mellora, que plasmamos nos paneis do taboleiro da aula para ter estas cuestións moi presentes. 

 

 

 

 

Encantado de coñecerme!

O alumnado de Formación Profesional Básica participa un ano máis no obradoiro de motivación "Encantado de coñecerme!". 

Durante varias xornadas, o alumnado do 1º curso de Servizos administrativos, aprendemos a coñecernos, valorarnos e a traballar de xeito colaborativo mediante vídeos, xogos e dinámicas moi entretidas.

Xa estamos no ecuador do obradoiro....Continuaremos en decembro!

 

 

 

 

 

As caras do maltrato

Ao longo desta semana visitáronnos novamente dende Talentea para impartir, nesta ocasión, o obradoiro "As caras do maltrato", sobre prevención da violencia de xénero co alumnado máis novo, de 1º e 2º da ESO.

Aprendemos sobre xénero, roles, estereotipos e a súa presenza na linguaxe. De forma inconsciente asumimos determinados comportamentos como propios dun ou doutro xénero, como consecuencia do proceso de socialización diferencial, o que contribúe a reproducir a desigualdade entre os xéneros. Ser conscientes destas cuestións favorece unha vivencia libre de estereotipos, baseada no respecto e igualdade, o que contribúe á prevención da violencia de xénero.

Agradecemos a Lucía as aprendizaxes que nos transmitíu!

 

 

 

Navegar en positivo I

Nesta semana visitáronnos de Talentea para dar comezo ao obradoiro "Navegar en positivo", sobre o uso responsable das redes sociais.

Nas diferentes sesións, nas que participaron os grupos de 3º e 4º ESO, 1º e 2º FPB e 1º BAC, falouse sobre o uso que facemos de internet e as redes sociais, identidade dixital, privacidade e a importancia do autocoidado e o coidado dos demais no mundo virtual. Sen dúbida, as redes sociais son un punto de encontro e ofrecen un sinfín de posibilidades se tomamos conciencia e as empregamos adecuadamente. 

A próxima semana volverá visitarnos Marc, para continuar co obradoiro, desta volta centrándose na temática das redes dende unha perspectiva de xénero. 

Presentación dos ciclos formativos do IES Marco do Camballón

O venres pasado, o profesorado dos ciclos formativos de grao medio de "Soldadura e Caldeiraría" e "Atención a persoas en situación de dependencia", que se imparten no IES Marco do Camballón, levaron a cabo unha sesión de presentación co alumnado de 4º da ESO, para que coñezan de primeira man as opción de estudos profesionais que teñen no contexto máis cercano, que xa foran presentadas tempo atrás co alumnado da Formación Profesional Básica. 

Os compañeiros/as abordaron o acceso, que se estuda, que se aprende a facer nestes ciclos e as distintas saídas profesionais e opcións de continuación de estudos.

Sen dúbida, unha información moi valiosa para coñecer outras ensinanzas que se imparten no centro e decidir de forma responsable. 

Ciberasesor@s 2021-2022

Ao igual que noutros cursos, o alumnado de 2º da ESO estivo a traballar cos seus titores/as sobre o uso de internet e redes sociais, as súas vantaxes e tamén os riscos ou perigos que se esconden na súa utilización e dos que moitas veces non somos conscientes. Elaboraron por grupos unha serie de traballos, nos que abordaron o ciberacoso, o sexting e sextorsión, a ciberviolencia de xénero, o grooming, o pishing, o sharenting e o vamping e ciberadicción. O alumando tamén fixo unha análise das principais redes e o comportamento que temos nas mesmas, concluíndo a importancia de manter o respecto e convivencia positiva no mundo virtual.

Estes traballos foron presentados no grupo-aula e posteriormente ao alumnado de 1º da ESO, levando a cabo a labor de ciberasesoramento cos compañeiros/as do curso inferior.

Como colofón, o grupo encargado de traballar sobre as recomendacións para o bo uso das novas tecnoloxías, repartíu os folletos que elaboraron con unha serie de consellos para o uso seguro de internet e redes sociais. Nesta ligazón, podedes ver o vídeo da labor de asesoramento ao alumno máis novo do centro. 

Sesión sobre violencia de xénero

Nesta semana, o alumnado dos ciclos formativos de Soldadura e Atención a persoas en situación de dependencia, participou nunha sesión sobre violencia de xénero impartida por un policía experto na materia. 

Coa súa intervención, o axente explicou ao alumnado cales son os signos de maltrato e os distintos tipos de violencia (visible e invisible, explícita e sútil), así como as posibilidades de intervención das autoridades en cada caso. Abordouse o concepto de violencia de xénero, distinto doutros como violencia doméstica, enmarcando o tema dende unha perspectiva legal, na que o alumnado puido coñecer tamén as consecuencias do maltrato para os agresores. Na sesión, de dúas horas de duración, tamén houbo tempo para comentar sobre o sexting e os seus riscos, así como as implicacións legais da difusión de material íntimo de terceiras persoas. 

O alumnado amosou moito interese na temática e participou activamente na sesión, conectando co axente e a súa labor.

Presentación ciclos formativos da familia agraria

Nesta semana recibimos a visita do IES de Arzúa, que presentaron ao alumnado de 4º da ESO e da Formación Profesional Básica os ciclos de formación profesional da familia agraria que se imparten no seu centro: 

Ciclo básico de agroxardinería e composicións florais 

Ciclo medio de Aproveitamento e conservación do medio natural

Ciclo medio de Producción agroecolóxica (modalidade dual)

Ciclo superior de Xestión forestal e do medio natural

O alumnado tivo a oportunidade de coñecer que se aprende a facer neses estudos e as saídas laborais dos mesmos nunha sesión moi amena.

Cineforum: Tomboy

Continuamos a sensibilizar sobre a diversidade afectivo-sexual. Desta volta visionamos en varias aulas a película Tomboy, que conta a historia de Laure, unha rapaza que se muda coa súa familia ás aforas de París e que viaxa non só a outro lugar, senón tamén cara o seu propio autodescubrimento. 

O alumnado de 4º da ESO puido desfrutar e comentar sobre a película en titorías, mentres que o alumnado de 2º da ESO fixo o propio na materia optativa de Diversidade afectivo-sexual, integrando a actividade no currículo escolar.

Sen dúbida, e como o profesorado puido constatar no debate posterior, o alumnado empatizou co protagonista, o que dá conta da importancia destas actividades e de seguir a educar no respecto e tolerancia á diversidade de calquera tipo. 

O filme recibíu moi boas críticas e é unha gran recomendación! Se tedes curiosidade e estades desexando vela, a peli está dispoñible na biblioteca do centro!

Distribuir contido