Saltar navegación.
Inicio

Actividades

Concienciación sobre as lesións medulares

No mes de novembro recibimos a visita de persoal da Asociación Amarai. Situada na Arzúa, a asociación foi fundada no 1997 por un grupo de persoas con discapacidade e os seus familiares, e ten como misión loitar pola plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

Dentro do amplo abanico que abrangue a discapacidade, inclúese a discapacidade física, en moitos casos provocada polas lesións medulares, aspecto no que se centraron Jaime, fisioterapeuta, e Mario, membro da Xunta Directiva de Amarai.

Leváronse a cabo tres charlas, dirixidas a alumando de 4º da ESO por un lado, alumnado de Formación Profesional Básica e ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría por outro, e alumnado do ciclo medio de Atención  a persoas en situación de dependencia por outra banda. Na actividade, Jaime presentou inicialmente ó alumnado o centro de Amarai e os seus servizos, para abranguer posteriormente cuestións relativas ás lesións medulares e ás súas consecuencias, entre elas, a discapacidade física. Os asistentes puidemos coñecer cuestións como os diferentes tipos de afectación (paraplexía, hemiplexía, tetraplexía) en función da zona ou altura na que se sitúa a lesión medular, medios técnicos de axuda á mobilidade ou a importancia das terapias de rehabilitación.

Tendo en conta que as lesións medulares son consecuencia en moitos casos dunha imprudencia, como por exemplo accidentes por exceso de velocidade ou condución baixo efecto de sustancias, accidentes de moto sen empregar o casco ou elementos protectores pertinentes, inmersións perigosas...é preciso concienciar á xuventude para promover comportamentos responsables e previr este tipo de lesións. No caso do alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia, e pola transcendencia que ten no seu futuro desempeño laboral, a actividade xirou ademais entorno á atención profesional ás persoas afectadas con lesións medulares.

A actividade rematou nos distintos casos coa presentación por parte de Mario da súa propia experiencia persoal, como persoa que sofre unha lesión medular, sen dúbida, un exemplo de superación!

Igualdade de xénero e discapacidade

No mes de novembro, o alumnado de 2º da ESO tivo unha sesión de titoría impartida por Melisa, psicóloga e sexóloga do centro ACADAR (Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia).Na sesión abordouse a igualdade de xénero e discapacidade.

Se as mulleres se teñen que enfrontar no seu día a día a múltiples dificultades e desigualdades polo feito de selo, isto aínda é máis acusado no caso das mulleres que ademais sofren algún tipo de discapacidade. En ACADAR loitan pola defensa dos dereitos destas mulleres en tódolos ámbitos, concienciando tamén á sociedade e neste caso ó noso alumnado.

Prevención da violencia de xénero - Plan Director

No mes de novembro e coincidindo coa proximidade da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Formación Profesional Básica, recibiron unha charla sobre violencia de xénero encamiñada á prevención e sensibilización sobre a mesma.

A charla foi impartida por persoal especialista da Garda Civil, concienciando ó alumnado sobre a escalada da violencia, causas e consecuencias.

 

 

 

Distribuir contido