Saltar navegación.
Inicio

A nosa alumna África García Lorenzo estabelece unha nova marca de memorización do número π

África García Lorenzo, alumna de 1º ESO no IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), vén de estabelecer un novo récord de memorización do número, cun total de 166 cifras decimais.

Este récord encadra nun concurso organizado polo departamento de matemáticas do centro co gallo do Día Internacional do número, que se celebra cada 14 de marzo. A anterior marca correra a cargo de Nuria Torres Novo, cun total de 145 cifras.

O departamento de matemáticas está a xestionar o rexistro oficial da marca de África no Pi World Ranking List, onde se recollen todos os récords de memorización de cifras decimais do número. De xeito preliminar, a marca de África podería colocarse no posto 600 a nivel mundial e 10 a nivel español.

Con esta iniciativa, o departamento de matemáticas quere favorecer o coñecemento e importancia do número. Entre outras iniciativas, tamén promoverá un programa de radio e un obradoiro de esopías, composicións narrativas asociadas á natureza do número.

O IES Marco do Camballón organiza o III Encontro Feminista

Co gallo do 8M, o IES Marco do Camballón promove o III Encontro Feminista. Con este evento, o centro quere propiciar espazos de debate sobre o conflito de xénero.

No acto, desenvolverase un coloquio sobre a situación da muller no mundo audiovisual. Contaremos coa participación das actrices Mariana Fernández Pérez (docente na ESAD), Camila Bossa e Isabel Blanco. O coloquio estará moderado por alumnado de Iniciación ao debate, de 1º BAC.

Tamén terá lugar a entrega do Premio Juana López Elizagaray pola igualdade. Con esta iniciativa, o centro quere recoñecer o traballo a prol da igualdade desenvolvido por persoas, colectivos ou institucións do ámbito local. Nesta convocatoria, as premiadas son María Dolores Celsa Sánchez Barral, taxista en Vila de Cruces, e Montserrat Sanmartín Gómez, profesora no noso centro.

Pechará o evento un concerto do grupo DE VACAS.

A convocatoria deste curso recupera o formato presencial. Celebrarase o 15 de marzo no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces.

 

 

 

  

  

 

Información importante sobre admisión de alumnado para o curso 2022-23

Dende o día de hoxe pódese consultar presencialmente a listaxe definitiva de alumnado admitido procedente dos centros adscritos a este instituto para o vindeiro curso académico 2022/2023, no taboleiro de anuncios da administración, situado no interior do edificio escolar.

As nosas alumnas gañan o concurso Odisea

Antía Iglesias, Alicia López e Laura Vila, alumnas de Latín e Cultura Clásica de 4º de ESO veñen de proclamarse campioas de Galicia no concurso Odisea.
 
Este mércores 16 de febreiro competirán na fase estatal do concurso.
Macte virtute! Di bene vortant!
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Participamos no concurso Odisea 2022

Ars gratia artis reza o lema do concurso Odisea deste 2022. Arte por amor á arte é a filosofía que nos impulsa a quen amamos o mundo clásico nestes tempos de risco de afundimento das humanidades. E con amor e con arte non só non afundiron senón que chegaron a moi bo porto os 7 equipos que este ano representaron ao Camballón neste xa veterano concurso:As Venus, Lulaya, Χάριτες, Aiampa, Basajaun, Patroclo e Selene. Parabéns a todas e todos, foi un gozo vervos traballar arreo sen defalecer. E moitas felicidadesAs Venus que obtiveron a máxima puntuación co segundo mellor tempo dos 197 equipos galegos concursantes e pasan á fase de desempate que se celebrará o vindeiro mércores 9 de febreiro.

Quod bonum, faustum, felix fortunatumque sit!

 

 

 

Participamos no concurso de ilustracións do Día da Muller

O concello organiza o I Concurso de Ilustracións polo Día da Muller, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Vila de Cruces.

Deixamos as bases para máis información.

Tiziana Martínez, de 1º ESO B, finalista do IX Concurso de relato breve da Fundación UNIR

A Fundación UNIR, creada en Zaragoza en 2002, con fins sociais (orientada inicialmente a prexubilados, xubilados e persoas da terceira idade) e sen ánimo de lucro vén de resolver o IX PREMIO INTERGENERACIONAL DE ENSAYO Y RELATO BREVES a nivel estatal, no que resultou finalista a alumna de 1ª ESO B Tiziana Noely Martínez Vallenilla, coa súa obra “Tras la puerta de mi armario”. Podedes ler a obra no arquivo adxunto e compartir o talento de Tiziana e súa sensibilidade. Parabéns, Tiziana!!!

 

 

 

 

 

 

 

Feliz Día da Capacidade!

O 3 de decembro o IES Marco do Camballón conmemorou o Día das Persoas con Discapacidade con unha serie de xogos inclusivos organizados polo alumnado do ciclo de Atención a persoas en situación de dependencia. Neles, o alumnado e profesorado se puideron poñer na pel das persoas con diversidade funcional, comprobando os atrancos cos que se atopan a diario, así como as súas fortalezas, pois a pesar das limitacións propias e as sociais impostas son persoas capaces!

Por isto, no centro celebramos este día baixo o lema Feliz Día da Capacidade!

 

 

Presentamos a I edición dos premios FIESTRA

O 27 de outubro, nun acto organizado en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, fixemos a presentación da I edición dos premios FIESTRA. Na sesión proxectáronse catro curtametraxes seleccionadas polo alumnado de 4º ESO entre as que están disponíbeis no catálogo de fiestra.gal. Tras as curtas tivemos un coloquio co director de fotografía Javier Grixo e a actriz Camila Bossa, que compartiron co alumnado algunhas das súas experiencias  durante as rodaxes.

Tras o coloquio tivo lugar unha rolda de prensa para dar a coñecer os premios FIESTRA. Participaron Miguel Mariño, director da Academia; o concelleiro de cultura de Vila de Cruces Julio López; o director do IES Marco do Camballón José Manuel Iglesias e a actriz Camila Bossa e o director de fotografía Javier Grixo.

O director da Academia presentou esta iniciativa, na que os centros de ensino de Galicia que formen parte da comunidade de Fiestra poderán decidir cos seus votos cal é a curtametraxe do catálogo merecedora do premio, polo seu valor á hora de facilitar o traballo e a reflexión na aula. O concelleiro Julio López augurou unha “longa vida” ao galardón, ao tempo que louvou a actitude e o comportamento do alumnado do IES Marco do Camballón, que formou parte do público do acto.

O noso alumno Nicolás Sueiro, do CM SOLCA, segundo clasificado no Galicia Skills

Neste ano 2021, os Galicia Skills de Soldadura e Caldeiraría, foron realizados no Centro integrado Politénico de Vigo, coa participación un total de cinco alumnos.

Brais Blanco Tarrio, do CIFP Politécnico de Santiago, con José Antonio Isla González coma titor.

Sara Pereira Lago, do CIFP Valentín Paz Andrade, con Vicente Martínez Rolán coma titor.

Brais Dos Santos Alfaya, do IES de Salvaterra de Miño, con Alfredo Madrigal Farina coma titor.

Mateo Rubal Fanego, do IES María Sarmiento, on Eliseo Maseda Iglesias coma titor.

Nicolás Sueiro García, do IES Marco do Camballón, con Rubén D. Gómez Casal coma titor.

As probas realizáronse ó longo da mañá do 7 de outubro, para o cal dispuxeron de todo o material necesario, subministrado polo CIFP Politécnico de Vigo e a empresa Resomaq SL. Entre as probas  estaba a interpretación dun plano, para o corte e soldeo posterior das pezas en cuestión en diferentes posicións, cun elevado grado de dificultade.

Distribuir contido