Skip to Content

A nosa lingua

 

 Os membros do Departamento de Lingua e Literatura Galegas queren manifestar o seu total desacordo coa política que está a seguir o noso goberno en materia lingüística. Desde o centro preténdese mandar unha nota de prensa pois este sentir non é só dos membros deste departamento senón dun amplo número de membros do claustro e mesmo persoal non docente.

Consideramos que a enquisa sobre a lingua que se está a enviar aos domicilios do alumnado son unha mostra clara da falla de interese por poñer en valor e potenciar o sinal de identidade máis xenuíno de todos os galegos e galegas. Ademais, considera que esa enquisa non recolle nin a máis mínima garantía de rigor científico: non se respecta o anonimato nas contestacións, descoñécese cales van ser os métodos (científicos?) de tratamento dos datos, o procedemento de recollida de datos é totalmente arbitrario, etc. o que arroxa un saldo francamente negativo para unha acción que quere servir de base para deseñar o ensino obrigatorio no futuro.

Con todo, o que máis nos molesta é o feito de situar a lingua galega no ollo do furacán, sementando dúbidas sobre ela e transmitindo a sensación de que é un elemento cultural que só se debe manter mais non fomentar. Pensamos que a lingua galega é, en verdade, unha auténtica oportunidade para desenvolver as características e as potencialidades de todo o alumnado e que prescindir dela é un auténtico despropósito.

Mil primaveras máis para a lingua.

 



story | by Dr. Radut