Skip to Content

VISITA AOS CASTROS DE BESOMAÑO E A LANZADA

 

VISITA DOS ALUMNOS DE 1º DA E.S.O. AOS CASTROS DE BESOMAÑO E A LANZADA

O día 25 de maio os alumnos  de 1º ESO acudiron ós castros de Besomaño (Ribadumia) e A Lanzada, nunha visita guiada con técnicos da escavación.

Alí puideron comprobar in situ, como se realiza un labor de consolidación, para que as distintas estruturas do castro queden perfectamente fixadas e poidan ser observadas por todos.

Nese momento, quedaban dous días para rematar e os arqueólogos afanábanse en perfeccionar tódolos detalles.

Explicáronnos que o castro de Besomaño data de finais da idade de Ferro, e nel asentouse un poboado onde apareceron ánforas romanas, resultado de transaccións comerciais.

Isto permite datalo entre o século III a.C. ó século I. a C. cando os invasores xa chegaran ó noroeste peninsular pero aínda non o ocuparan.

Nel apareceron 5.700 pezas de cerámica, utensilios de pedra e un adorno dun caldeiro de bronce, cun alto valor histórico, porque é único en Galicia.

Na zona vimos como se traballaba en tres sectores nos que se desenterrou a típica estrutura de castro, con vivendas de  planta circular e talleres de metalurxia e olería.

De seguido fomos ó castro da Lanzada, escavado de novo o pasado ano por técnicos do CSIC e da Deputación Provincial.

A Lanzada foi un xacemento de extraordinaria importancia que durante 1500 anos mantivo un liderado comercial.

Desde o século IX a. C. xa se observa  actividade no castro, desde o que se controlaban os barcos que entraban pola ría de Arousa.

A partir do ano 450 a.C. convértese nun importante porto de intercambio, debido ó interese de fenicios e gregos por controlar o comercio do estaño.

Os poderosos pobos do Mediterráneo necesitan estaño das minas galegas para fundilo co cobre e obter bronce, fundamentalmente para acuñar moeda.

No porto da Lanzada descargábanse todo tipo de produtos, que foron evolucionando segundo as épocas, aínda que hai un produto fundamental: o viño. Logo apareceron colares de contas de cristal, ungüentarios, cerámica grega, e na dominación romana, vaixelas de luxo… Polo tanto temos produtos do Norte de África, Italia e Mediterráneo Occidental.

Puidemos contemplar as diferentes estruturas, entre elas as dunha fábrica de salgado onde probablemente se fabricaría garum, unha posible torre vixía e estruturas cadradas que indican xa a  dominación romana. Tamén nos explicaron a localización da metrópole e a do primitivo castro.

A visita resultou moi interesante e animamos a todo o alumnado para que visite pola súa conta estes xacementos.

 



story | by Dr. Radut