Skip to Content

VISITA A PONTEVEDRA DOS ALUMNOS DE 3º DA E.S.O. CO PROXECTO TERRA

VISITA A PONTEVEDRA CO PROXECTO TERRA

 

O martes 3 de maio os alumnos de 3º ESO visitaron a cidade de Pontevedra, nunha actividade organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia e polos departamentos de Ciencias Sociais e Normalización Lingüística.

En  primeiro lugar, recollemos a guía e xa nos mostrou os diferentes edificios  que conforman o campus de Pontevedra.

De seguido, dirixímonos ó pazo de Lourizán, onde un biólogo nos explicou  as diferentes especies vexetais que podemos atopar na gran finca. Como era un día perfecto, percorremos gran parte das instalacións deste pazo de finais do século XIX, propiedade do político Uxío Montero Ríos, que o converteu a súa residencia estival nun centro de referencia política e social ó que acudían políticos, xornalistas e destacados homes da época.

Alí atopamos nas súas 54 ha. carballos, castiñeiros , camelias, vides, palmeiras, cipreses, araucarias, magnolios e plátanos.

Como lembranza temos a foto na gran mesa de pedra, traída da illa de Tambo, na que tiveron lugar importantes reunións políticas (a nosa incluída).

Logo temos tamén unha foto na espléndida escaleira do pazo de estilo romántico construído por Genaro de Lafuente Domínguez.

Sobre as 12,30 fixemos un pequeno percorrido pola beiramar, para iniciar a visita ó casco histórico de Pontevedra, de aproximadamente unha hora.

Logo hora e media para xantar e sobre as catro visita ó museo, na que nos mostraron os diferentes edificios que o compoñen, en especial o Sexto edificio, ou sexa o novo, onde nos mostraron a exposición de Antón LLamazares.

Desta visita os alumnos de 3º A destacaron:

Do parque de Lourizán:

-          A ruta polos estanques e a cova

-          O muíño de produción de corrente para o pazo

-          A mesa do pazo que era enorme e estaba feita dunha soa peza

Do museo:

-          A sala do barco e o novo edificio (aínda que estaba baleiro é máis luminoso có antigo)

-          O contraste entre os diferentes edificios do Museo (aquí hai opinións diversas, porque hai algúns alumnos que opinan que o edificio novo debería manter a estética dos demais edificios do Museo) Difícil!!!

-          Demasiadas escaleiras no novo edificio (hai ascensores pero as profes non nos deixaron subir)

Da duración:

-          Podería ser un pouco máis longa para que nos dese tempo a ver máis cousas

-          A guía notábase que non estaba acostumada a falar en galego e tiña que pensar moito o que quería dicir

Da cidade:

-          A visita foi moi interesante, pero deberíamos ter visto outra cidade que coñeceramos menos

-          Opinión da profesora: Pero, realmente coñecédela?

Andrea, Martín, Esteban

 

 

 

 



story | by Dr. Radut