Skip to Content

Artigos

LETRAS GALEGAS 2024 – LUÍSA VILLALTA

17/05/2024 19:01

No IES Porto do Son celebramos o DÍA DAS LETRAS DALEGAS 2024 dedicado a LUÍSA VILLALTA por todo o alto.

Levamos a cabo moitas actividades ao longo do mes de maio para poñer en valor o súa gran obra e o seu legado. Realizamos varias exposicións de carteis con mostra da biografía, das obras e da poesía da autora; desfrutamos dun recital poético da man do alumnado e do profesorado; proxectamos nos recreos na entrada do centro varios vídeosclips creados sobre poemas de Villalta; proxectamos documentais e realizamos actividades nas aulas; contamos cun obradoiro de baile tradicional; gozamos coa música e o baile galegos nos recreos. Ademais enchemos o mes das nosas letras cos poemas de Luísa Villalta e do noso alumnado a través do certame poético “Haikus, palavras ingrávidas para un almanaque”.

Consulta aquí as bases do certame literario:

https://etikeles.wordpress.com/

Máis fotos AQUÍ

MÚSICA E BAILES TRADICIONAIS

16/05/2024 19:37

Foliada! Celebración do Día das Letras Galegas a través da posta en valor dos bailes e músicas tradicionais. Despois de varios días de ensaio, hoxe tivemos día de estreo, nos recreos: baile libre e a última hora: sesión de práctica de baile tradicional co alumnado de 1º da ESO, como culminación da UD de baile.

Todo coa música en directo de Aida, Marta, Lidia, Mari Gabi e Julia. Moitas grazas artistas!

 

CHARLA MANUEL NÚÑEZ SINGALA

03/05/2024 16:57

O mes de maio convidamos o escritor Manuel Núñez Singala ao IES de Porto do Son para manter dous encontros: Un co alumnado de 1º de Bacharelato e outro co de 2º da ESO. Agradecemos a súa presenza no noso centro e a colaboración da Editorial Galaxia.

No primeiro encontro Manuel Núñez Singala conversou co alumnado de 1º de Bacharelato sobre a súa novela Camiños na auga.

No segundo encontro, co alumnado de 2º de ESO, o escritor falou sobre a súa obra dramática O achado do castro.

Foi un privilexio para nós poder achegarlles a obra de Singala aos nosos estudantes da man do propio autor.

8 DE MARZO: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA

09/03/2024 20:12

 

No IES Porto do Son celebrouse o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller Traballadora, un día para recordar o papel e a dignidade das mulleres no proceso de conciencia do seu valor humano dentro da sociedade. Ademais no noso centro celebrouse o 11 de febreiro o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Realizamos varias exposicións para poñer en valor o papel chave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica; para recoñecer ás pioneiras, tanto galegas coma internacionais, referentes indispensables na historia para acadar a igualdade e o recoñecemento dos dereitos das mulleres.

O alumnado dispón dunha ampla colección de literatura da biblioteca con obras que nos permiten achegarnos ás grandes figuras femininas, a cambiar o mundo, a facer historia e a desfrutar da lectura!!

 

 Máis fotos AQUÍ

 

DÍA DE ROSALÍA

24/02/2024 16:21

 

No IES Porto do Son celebramos o DÍA DE ROSALÍA, a conmemoración do 187 aniversario do seu nacemento, o 23 DE FEBREIRO de 1837. Levamos a cabo moitas actividades para poñer en valor a gran figura das nosas letras, referente indispensable da nosa cultura. Realizamos varias exposicións, recreacións de poemas de Rosalía do alumnado de 3ª da ESO, mostra de obras da autora e de poetas que seguen o ronsel rosaliano etc. Durante os dous recreos, na entrada do centro e na biblioteca, puidemos escoitar a varios artistas que musican a Rosalía. Ademais, fixemos chegar a autora a todas as aulas a través de actividades e dispuxemos dunha sección de poemas para levar, facendo deste xeito que Rosalía acompañe o noso alumando alén do noso centro.

Máis fotos AQUÍ

NO IES DE PORTO DO SON TAMÉN SE FALA GALEGO!!

04/02/2024 16:54

O IES de Porto do Son participa na Campaña de Dinamización Lingüística da mocidade estudantil, con accións directas na contorna do alumnado:

AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO! https://aquitamensefala.com/

Durante o mes de xaneiro o alumnado e o profesorado colaboraron na difusión da campaña do noso centro. Actualmente os/as alumnos/as participan de forma activa coma normalizadores/as lingüísticos/as levando os carteis do IES de Porto do Son por toda a súa contorna.

Moitas grazas a todos e todas pola vosa implicación e pola boa acollida desta campaña en todo o Concello!!

ENLACE PARA FOTOS

ENLACE PARA VÍDEOS

SAN VALENTÍN

08/02/2024 22:51

O IES de Porto do Son preparouse para recibir a San Valentín!

O alumnado dispón dunha ampla colección de literatura e cine na entrada da Biblioteca. 

Ademais puido escribir as súas cartas de amor ou amizade. Estas atópanse ao carón da furna que está na conserxería, onde se poideron depositar o 7, 8 e 9 de febreiro; e que foron entregadas o 15 e 16 de febreiro.

Máis información e fotos AQUÍ 

 

EXPOSICIÓN E ACTIVIDADE SOBRE O SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGO

05/02/2024 00:09

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, o Equipo da Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizamos unha exposición no noso centro sobre O Seminario de Estudos Galegos, dentro dos actos de conmemoración do centenario da creación desta institución de alta cultura.

O alumnado da ESO realizou unha actividade de busca de información sobre o SEG a través do labor colaborativo, aprendendo a traballar en equipos.

Con esta actividade pretendemos mostrarlle ao alumando da ESO o labor determinante do Seminario de Estudos Galegos na construción da identidade galega e na modernización cultural e científica de Galicia.

 Para ver máis fotos pulsar AQUÍ

CHEGADA DO APALPADOR

24/01/2024 18:52

Dende o Equipo de Biblioteca e o equipo de EDLG festexamos a chegada do Nadal ao noso centro! Nesta celebración recuperamos a figura tradicional do Apalpador, personaxe da mitoloxía popular galega. Este baixou das devesas das altas montañas para agasallarnos con ilusión, xoguetes, castañas e… unha enchenta de libros!!

Desexámosvos unhas felices festas, boas lecturas e que o Apalpador vos traia moitos presentes!!

 

EXPOSICIÓN LUZ NA TERRA

26/10/2023 19:33

 

Dende os departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Galega e Literatura e Bioloxía organizamos unha saída para 1º de Bacharelato, o xoves 26 de outubro á Cidade da Cultura, igual que a semana anterior fixeron os nosos compañeiros de 2º de Bacharelato. Asistimos á visita guiada da exposición “Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura”, que se ofrece dentro dos actos de conmemoración do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos no Museo Centro Gaiás.

 

 

 

 

Con esta actividade pretendemos achegar ao alumnado de 1º de bacharelato o seu labor determinante na construción da identidade galega e na modernización cultural e científica de Galicia.

  

 

 

 

 

 

Ao tempo, aproveitamos para ver a exposición de fotografía de “Nicolás Muller. Vento do Norte”, considerado un dos grandes referentes documentais do século XX. Co seu relato desvela unha mirada profundamente humanista e imprescindible.

 

 

  

 

 

 



by Dr. Radut