Skip to Content

Artigos

2º ESO. Roteiro do Castro. - Sub Categories

  • Praia do Dique (0)
  • Punta do Dique e praia de Arealonga (0)
  • Atalaia (0)
  • O Castro de Baroña (0)
  • Coído entre Punta Cabra (0)
  • Parroquia de Baroña (0)
  • Praia de Fonforrón (1)
  • Balcón de Pilatos (0)
  • Capela da Virxe do Carme (0)
  • Porto do Son, a vila (4)

VOCABULARIO DA SOSTIBILIDADE

29/06/2019

O alumnado de 2ESOB, na materia de Lingua Galega, no marco das actividades da Ruta aos Castros e do tema interdisciplinar da Sostibilidade, realizou un Vocabulario da Sostibilidade. Melloraron así a súa competencia lingüística, o dominio da definición e, por suposto, a conciencia do compromiso co entorno e o planeta. Creando xuízo crítico que xera accións!

 

 

VOCABULARIO DA SOSTIBILIDADE

More presentations from etikeles

O VÍDEO DA RUTA DOS CASTROS 2018-19

28/02/2019 08:44

Sobran as palabras. Este vídeo conta de nós, do noso insti. Da nosa idea do que debe ser a educación. Do que pode ser máis alá dun currículo excesivo e inabarcable. 

 

Roteiro a Baroña from SonCine on Vimeo.

ROTEIRO DO CASTRO 2018-19

13/02/2019
13/02/2019

Hoxe agasallounos o sol! Non só polo día tan fermoso, senón porque a ruta dos Castros foi unha expeciencia ben fermosa Sorriso Bravo polo ciclo, polo alumnado de 2º de ESO, e mil grazas a DISCAMINO!!!! A vila, a Atalaia, Fonforrón, a Arnela, as praias, o Castro... foron hoxe a aula. Un espazo de aprendizaxe, de convivencia, de valores! SonCine montará un vídeo, xa veredes como loce o sol! Logo virán proxectiños que enriquezan a saída!

 

 

 

 

 

 

 

 

O MUSEO MAREA DENDE ONDA PERSEVEIRA!

10/07/2018

A comezo de curso o alumnado de 2º de ESO fixo a “Ruta da pedra, a auga e a memoria”, que partía da praia do Dique e finalizaba no IES de Porto do Son. Unha das paradas deste roteiro foi o Museo Marea. Na materia de ITI Lois, Joel, Noel e Pablo completaron o que aprenderon na saída e agora cóntannolo en Onda Perseveira!

 

XOGOS PARA AS RUTAS

10/07/2018

Como na “Ruta da Auga” en 1º de ESO, neste curso os rapaces e rapazas que estamos xa en 2º fixemos outro roteiro, neste caso dende  a praia do Dique ata o IES, pasando polos Castros de Baroña  e visitando o Museo de interpretación dos Castros e o Museo do Mar do Concello de Porto do Son. Forma parte dun proxecto interdisciplinar que desenvolvemos no centro dende diferentes áreas..
Dende a materia optativa de Promoción de Estilos de Vida Saudables quixemos facer a nosa aportación recompilando e mesmo deseñando xogos para realizar nalgunha das paradas técnicas das rutas (mellor nalgunha das praias que percorremos) e incluso os puxemos en práctica para ver cal deles eran os favoritos para formar parte do noso documento, estes son os gañadores:

NOME DO XOGO: O Furón
FONTE DO XOGO: popular, as avoas, a familia...
QUEN O RECOMPILOU: Uxía, Adriana e Martina de 2º de ESO B.
MATERIAIS: unha corda, balón, pano...
DESCRICIÓN DO XOGO: todos sentados formando un círculo, unha persoa está fora do círculo cun "testigo" (corda, pano, balón....), mentres os xogadores do círculo permanecen cos ollos pechados e cantan unha canción: “ O furón pasou por aquí eu non o vin eu non o vai se non fora polo furón caería nun colchón, mans arriba, ollos pechados, pernas abertas e un tellado,... (mentres se representa con mímica ollos pechados sempre) e por último cóntase, do 1 o 5.... Mentres o resto de xogadores canta o furón (xogador que leva o "testigo") coloca o balón, pano,... detrás dun dos xogadores o xogador que o recolle levántase e intenta coller e tocar ó furón, este ten que dar a volta completa ó círculo antes de sentar no lugar que deixou o xogador.
Se o furón é tocado co "testigo" volve apandar. Se o furón senta no círculo, o xogador que saíu perseguindo o furón é no novo furón. Non se permite correr por dentro do círculo ou saltar ós xogadores do círculo. O número dos xogadores non pode ser moi grande para que todos participen.


 

NOME DO XOGO: A INVASIÓN FREESBEE
FONTE DO XOGO: clases de Educación física de 1º da ESO.
QUEN O RECOMPILOU: Ismael, Borja e Ángel de 2º de ESO B.
MATERIAIS: un freesbee ou un balón de rugby, petos para diferenciar os equipos.
DESCRICIÓN DO XOGO: dividimos o grupo en dous equipos e pintamos ou marcamos un espazo no chan con dúas liñas de gol, cada equipo debe marcar gol traspasando a liña de gol do equipo contrario e recibindo claramente e non de rebote o balón ou o freesbee, así mesmo deberán evitar que o equipo contrario lle marque gol.
Non se pode correr co móvil na man, este ten que avanzar ata a zona de gol mediante pases, dos xogadores.
O número dos xogadores non pode ser moi grande para que todos participen 5 ou 6 por equipo.
Se estando na zona de gol e se recibe o móvil pero este cae o chan o gol non sobe ao marcador.


NOME DO XOGO: Balón prisionero ou pelota sentada.
FONTE DO XOGO: clases de Educación física de 1º da ESO.
QUEN O RECOMPILOU: Andel, Brais e Antía de 2º de ESO A e D.
MATERIAIS: un balón de espuma ou que non faga dano ao lanzar, petos para diferenciar os equipos.
DESCRICIÓN DO XOGO: dividimos o grupo en dous equipos e pintamos ou marcamos un espazo no chan con límites para non andar a correr sen xeito pola praia. Un dos equipos leva o balón e o xogo consiste en tocar con el os membros do outro equipo, no momento que son tocados co balón sentarán no chan; poden ser salvados se collen o balón ou llo pasan os do seu propio equipo cando o recuperen.
Non se pode correr co móvil na man, este ten que avanzar mediante pases, dos xogadores.
Permítese lanzar o balón ao xogador sempre e cando a distancia non exceda de dous metros.
Gana o equipo que consiga sentar todos membros do equipo contrario.
O número dos xogadores non pode ser moi grande para que todos participen, 5 ou 6 por equipo.


 

NOME DO XOGO: Palmeado.
FONTE DO XOGO: inventado polos alumnos.
QUEN O RECOMPILOU: Marcos e Edgar de 2º de ESO A.
MATERIAIS: ningún.
DESCRICIÓN DO XOGO: Dividimos o grupo en dous equipos enfrentados e colocados sobre cadansúa liña pintada ou marcada no chan que pode  estar separada entre 5 e 10m. Todos os membros do equipo teñen a man estendida coa palma da man cara arriba. Un xogador dun equipo vai cara o equipo contrario e choca a súa man coa doutro xogador (escolle a quen quere) o xogador que é chocado debe tentar "pillar" o xogador que chocou antes de que sobre pase a liña marcada do seu equipo.
As palmadas non poden ser fortes para que non se fagan dano.
Non se permite amagos que fagan que os xogadores non saiban cal é o xogador que ten que saír.
Os xogadores non se eliminan cando se gaña se anota un punto, gaña o equipo que chegue antes a 10 puntos.
O número dos xogadores non pode ser moi grande para que todos participen 5 ou 6 por equipo.



NOME DO XOGO: Atrapa la bandera
FONTE DO XOGO: internet; Wiki How
QUEN O RECOMPILOU: Pablo, Olalla e Ana de 2º de ESO A.
MATERIAIS: unha bandeira ou panos e petos para diferencialos equipos.
DESCRICIÓN DO XOGO: dividimos o grupo en dous equipos e entrégaselle unha bandeira a cada un. O obxectivo do xogo e atrapar a bandeira do equipo contrario e levala o teu campo.
Se un xogador do equipo contrario te "pilla" estando no seu campo, debes volver ao teu.
Se te pillan que bandeira debes ir á prisión e agardar a que un xogador do teu equipo te salve.
Non se pode estar máis de un minuto seguido coa bandeira vixiada.

 


 
NOME DO XOGO: "Pinturillo in the sand"
FONTE DO XOGO: inventado.
QUEN O RECOMPILOU: Pablo, Ana e Olalla de 2º de ESO A.
MATERIAIS: ningún.
DESCRICIÓN DO XOGO: os xogadores divídense en dous grupos. A un xogador daráselle unha palabra e terá que debuxala para que os membros do seu equipo a adiviñen.
Non se poden debuxar letras.
Os dous equipos debuxan á vez; anota un punto o equipo que primeiro adiviñe.
Pódense poñer categorías diferentes como obxectos, animais, películas, deportes...
Debúxase na area e pode axudarse dun pau ou non.

 



NOME DO XOGO: Transportar bólas de area.
FONTE DO XOGO: internet.
QUEN O RECOMPILOU: Area, Claudia e Miguel de 2º de ESO A.
MATERIAIS: ningún.
DESCRIPCIÓN DO XOGO: divídense os xogadores en equipos de 3 ou 4 persoas. O xogo consiste en facer bólas de area e transportalas dende a beira mar ata uns círculos que previamente marcamos.
Cóntase o número de bólas que en certo tempo consegue cada equipo.
Só serán válidas as bólas que estean enteiras.
Comezar deixando máis tempo e logo podemos rebaixar o tempo para facer as bólas para aumentar a complexidade.


 

AS PALABRAS DAS REDEIRAS

25/06/2018

Xa van alá cinco anos dende que dende SonCine nos compartiron o traballo audiovisual que o alumnado de 3º de ESO fixo sobre as redeiras da Asociación Virxe do Mar, con sede en Porto do Son e que agrupa a redeiras do Son, Portosín, Aguiño e mesmo Ribeira. Viñan de recibir un premio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, promovido pola Secretaría Xeral de Pesca, como recoñecemento ao seu labor de formación e difusión do seu oficio.

 

Redeiras from SonCine on Vimeo.

Agora, termando do fío, ganduxamos e botamos as redes para pescar palabras, as palabras das redeiras!

 

Os alumnos e alumnas de 2º de ESO A, a partir dese vídeo, estudaron e recompilaron o léxico. Estas son as voces coas que podedes escoitar nos peiraos de Porto do Son e Portosín. Son voces de muller, que veñen das avoas, das nais... Con vontade de futuro!

 

 

Agulla de atar: barra fina  de metal ou doutro material, acabada en punta por un extremo.

 

Áncora: instrumento con dúas puntas, un brazo horizontal e unha cadea que se bota ao fondo do mar para inmobilizar as embarcacións grandes.

 

Aparello: dispositivo utilizado para capturar o peixe, formado por redes ou por palangres.

 

Apuntalar: poñer puntais a algo para facelo mais firme.

 

Armador/armadora: persoa que equipa ou posúe embarcacións para a pesca ou o comercio.

 

Argola: espazo que hai na rede onde van colocadas as cortizas e os chumbos.

 

Atar: 1.Facer un nó. 2. Reparar ou coser un aparello.

 

Atador/a: persoa que ata.

 

Arte: 1. Conxunto de redes que conforman un aparello. 2. Nome que aplica a diversos aparellos de pesca que están constituídos por redes provistas dun cope.

 

Banquiño: superficie na que sentan as redeiras.

 

Bolo: tipo de peixe.

 

Boliche: arte de pesca que practica o arrastre e que substituíu a secada e o xeito. Semellante á xávega coa rede máis curta.

 

Costura: conxunto de puntadas que unen unha peza da rede. con outra ou dúas partes da mesma peza.

 

Chicote: cabo de arrastre dalgunhas redes de pesca. 

 

Chumbo, (“plomo”): peza ou conxunto de pezas deste material que se pon na tanza ou no extremo das redes de pesca para que vaia ao fondo.

 

Doncela: peixe mariño da familia dos lábridos, de corpo alongado, ollos pequenos en relación ao corpo, cor castaña, azul ou verde escuras no lombo, cunha banda alaranxada desde a cabeza ata a aleta caudal, que habita no litoral sobre fondos rochosos, areosos e baixío. 

 

Ganduxar ("hilbanar"): unir con ganduxos (costuras de puntadas longas feita nunha tea antes da costura definitiva.) o que se cose despois. 

 

Liñó: 1.Costura de fíos dobres ou moi grosos que une os panos da rede. 2. Arte de pesca  consistente nun fío ou tanza, xeralmente de nailon, cunha chumbada e varios anzois empatados no extremo. 

 

Malla: cada un dos aneis ou voltas que nunha rede, van entretecidos un a outro formando entre todos unha peza. Aberturas cadradas formadas por fíos nunha rede e os nós que a forman. 

 

Mediomundo: arte de pesca consistente nun aro de ferro e de madeira, do que colga unha bolsa cónica e semiesférica  que se estende desde unha pequena embarcación, formando un cerco redondo no que quedan atrapados os peixes. onsistente nun aro de ferro e de madeira, do que colga unha bolsa cónica e semiesférica. 

 

Miño: aparello de pesca feito de tres panos de rede, semellante ao trasmallo, aínda que máis alto e de fío máis delgado, que se emprega para pescar peixe plano e crustáceos. 

 

Nasa: aparello de pesca que consiste nunha especie de gaiola, normalmente de forma cilíndrica, feita de madeira, metal, xunco ou vimbio e recuberta de rede, disposta de tal maneira que permite a entrada do peixe ou do marisco pero non a súa saída. 

 

Navalla: 1.Molusco bivalvo. 2. Coitelo cunha folla que se pode dobrar e gardar na rañura que ten o mango. 

 

Pano: cada peza de rede que forma o aparello. 

 

Perlón: peixe da familia dos tríglidos, de corpo alongado, espiñas no opérculo, cor principalmente vermella, e cunha mancha negra na primeira aleta dorsal. 

 

Rastro: arte de pesca formado por un angazo de ferro que se arrastran polo fondo para levantar o marisco. 

 

Redeira: persoa encargada de facer e amañar as redes. 

 

Relinga: 1. Tralla gorda que vai na parte de barlovento da vela para reforzala. 2.  Cada un dos cabos en que van colocadas as cortizas e a chumbada nas redes de pesca. 

 

Saia: prenda que poñen arredor da cintura para meter os obxectos de traballo nos petos. 

 

Tralla: cabo que vai unido ás cortizas e ás chumbadas das redes. 

 

Vetas ("betas"): arte de pesca. Están feitas dun só pano de fío de nailon. Utilízanse empalmadas unhas con outras polas trallas.

 

Foi tamén un traballo de reflexión sobre as redeiras e o seu oficio. E fóronnos contando: 

 

"Este oficio é pouco valorado e moi sacrificado debido as condicións nas que traballan. Elas dependen dos barcos e das súas necesidades. O traballo ensínase de xeración en xeración e nalgúns casos é hereditario. Ao contrario doutros empregos este non se ensina en academias ou centros de formación ou ensino.” (Mariña, Adrián e Ismael). 

 

“O traballo das redeiras (atadoras) é un oficio relacionado co mar que consiste na fabricación ou arranxo de redes ou aparellos. Este oficio xaprovén de xeracións pasadas, como a das nosas avoas. Xeralmente eran as mulleres quen exercían o traballo, mentres que os homes ían navegar. A xornada empezáballes moi cedo pola mañá ata ao mediodía, máis ou menos. Cada unha ten o seu material de traballo e a súa tarefa que debe realizar ese día.”  (Pilar Prieto e Valeria Lorenzo)

     

FONFORRÓN, A PRAIA, A HISTORIA E AS LENDAS

24/06/2018

O alumnado de 2º de ESOB, na materia de Lingua Galega, no marco do proxecto da Ruta realizada a comezo de curso, investigou sobre unha das paradas, a praia de Fonforrón. En equipos, desenvolveron as súas procuras a partir de fontes de información orais e escritas. Logo gravaron os guións realizados na nosa radio, Onda Perseveira. 

Con eles aprendemos sobre o areal, a súa historia e as súas lendas. Como acontece con todo aquilo que é contado, as lendas transmítense con variantes que dan conta da diversidade con que vai medrando o imaxinario popular. Podedes escoitar os podcast aquí.

 

LANZANDO REDES! POR QUE VISITAR OU VIVIR EN PORTO DO SON?

20/06/2018

Estivemos enredados en abril e maio coa migración do blog de biblioteca de Blogaliza a Worpress e coa creación do blog Onda Perseveira e claro, con tanta faena, aínda traemos agora o programa Lanzando Redes que se gravara na Semana Cultural.

Naquel obradoiro con Javier Prado, enmarcado no proceso de formación do proxecto piloto Radio na Biblio, os alumnos e alumnas do club de lectura investigaron, crearon un guión e gravaron este programa co obxectivo de lanzar redes. Contábannos de Porto do Son, do seu patrimonio, das súas festas, do que ofrece este concello e, como non,  tamén do noso instituto e das nosas actividades. 

O club de lectura colabora dende Onda Perseveira co Proxecto das rutas!

Pois iso, botando redes para que os oíntes nos visiten! 

Aquí vos deixamos con Suso, Franco, Érika, Indra e Clara. Por certo, Franco acababa de incorporarse ao noso centro. Recén chegado de Arxentina, facía a súa inmersión no galego ao grande, dende a radio!

 

RUTA DA PRAIA DO DIQUE ATA O IES

03/01/2018

O xoves 20 de decembro o alumnado de 2º de ESO fixo a súa segunda ruta para o traballo por proxectos: a RUTA DO MAR, A PEDRA E A MEMOIRA, dende a praia do Dique ata o IES . O ano pasado, A RUTA DA AUGA, do IES ata Cans, pasando pola Aguieira, como veñen de facer os rapaces e rapazas de 1º de ESO. 

Foi unha xornada luminosa, o sol foi espallando a néboa da mañá. Esa luz especial que xorde da proximidade do mar e o Barbanza. Un agasallo para rematar o trimestre. 

Comezamos no Dique. A experiencia de Pepe, o profesor de Educación Física, ía abrindo o grupo. 78 rapaces e rapazas que traballarán en varias materias esta ruta. Pouco a pouco, será un proxecto que irá enriquencéndose cos anos (se vai callando, claro). O entorno tranfórmase en aula na que traballar a natureza, o respecto e a responsabilidade que temos con ela e coas xeracións vindeiras (os efectos devastadores do lume saen ao encontro, inevitablemente. A memoria. O mar que é memoria, alimento, inspiración, temor, pero tamén traballo e futuro. A pedra conta lendas, conta arte, conta xeitos de vivir. Por aí andamos e andaremos en 2º de ESO neste 2018. Aquí vos deixamos algunhas imaxes:

 



by Dr. Radut