Skip to Content

Día da Tradución, Xerome de Estridón e Florencio Delgado Gurriarán

Todos os 30 de setembro celebramos o Día Internacional da Tradución, declarado pola Asemblea Xeral da ONU nunha resolución de 24 de maio de 2017 e promovido pola FIT (Federación Internacional da Tradución) dende a súa creación en 1953.

San Xerome escribindo a Vulgata, José Gutiérrez de la Vega-Museo de Bellas Artes, SevillaCon esta celebración búscase recoñecer o moi importante papel dos tradutores na comunicación e transmisión do coñecemento entre as distintas culturas nun mundo globalizado.

A data elixida coincide coa festividade católica de Xerome de Estridón (IV-V p. C.), tradutor dos textos orixinais bíblicos (en grego, hebreo e arameo) ao latín, responsable da chamada vulgata, texto bíblico oficial da igrexa católica ata o ano 1979.

Esta tamén é unha boa data para lembrar o labor como tradutor  de Florencio Delgado Gurriarán, autor das Letras Galegas 2022. A mediados do pasado século saía do prelo a obra Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, premiada en 1946 pola Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, da que comparte autoría con Plácido R. Castro e Lois Tobío Fernández:

..aínda que se trata da tradución de poemas ingleses e franceses, están “recreados” de tal xeito e adquiren unha expresión e un sentimento tan xenuinamente vernáculos, que pode dicirse que veñen a enriquecer o caudal da poesía galega... non fixeron unha simple tradución ou transcrición... a súa obra é de auténticos poetas... No que se refire ao valor poético deste libro, estimámolo moi superior a calquera intento de tradución das mesmas poesías ao castelán. A tradución lírica do galego, interrompida por séculos e reiniciada na pasada centuria, xustifica esa superioridade...

(Galicia, nº 1105, 12 abril 1950; in PÉREZ, Tania e CAMPOS, Xosé Ramón, Florencio Delgado Gurriarán. Nosa Galicia é máis que toda a Terra, Ir Indo, Vigo, 2022,  pp. 66-7)

Unha mostra do dito témolo neste poema de Verlaine:

Orixinal

Il pleut doucement sur la ville (ARTHUR RIMBAUD)

Il pleure dans mon coeur
Comme il pleut sur la ville ;
Quelle est cette langueur
Qui pénètre mon coeur ?

Ô bruit doux de la pluie
Par terre et sur les toits !
Pour un coeur qui s’ennuie,
Ô le chant de la pluie !

Il pleure sans raison
Dans ce coeur qui s’écoeure.
Quoi ! nulle trahison ?…
Ce deuil est sans raison.

C’est bien la pire peine
De ne savoir pourquoi
Sans amour et sans haine
Mon coeur a tant de peine!

Tradución

Il pleut doucement sur la ville (ARTHUR RIMBAUD)


Chora o meu corazón
E na vila a chover;
¿Que estraño esmorecer
Sente o meu corazón?

Nos tellados, a choiva,
Canta un canto teimoso
Pró corazón saudoso,
¡Doce canto o da choiva!

¿Por que te queixas, di,
Corazón magoado?
Se non es traizoado...
¿Por que te queixas?, di.

Mais non aturo a dor
Que me causa o ignorar.
Que sen querer nin odiar
Sinta tan forte dor.

Poesía inglesa e francesa vertida ao galego por Plácido Castro, Lois Tobío, F. M. Delgado Gurriarán, Galaxia, Vigo, 2005, pp. 172-3.

E se queres ler traducións ao galego de obras da literatura universal consulta o catálogo de Bivir (Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego) na páxina da ATG (asociación de tradutores galegos): http://tradutoresgalegos.com/bivir.html

Feliz día da Tradución!



page | by Dr. Radut