Skip to Content

Marzo 2024

Adeline  de  María Solar


     Esta novela é unha homenaxe a Carmilla, a primeira vampira literaria, escrita polo irlandés Sheridan Le Fanu  vinte e cinco anos antes de Drácula. Aquela foi unha obra insospeitadamente valente para a súa época, con dúas mulleres novas como protagonistas: Carmilla, convertida na vampira Mircalla, e Laura, a vítima seducida.
    En Adeline Laura vive desde nena agoniada por un estraño don que posúe: ve mortos. Durante anos leva unha vida solitaria no pazo familiar da contorna de Verín. Cando medra, a ansiada vida universitaria en Madrid tampouco é o que esperaba. No regreso estival ao pazo, Laura atopa unha misteriosa viaxeira. A muller é idéntica á que viu en soños moitos anos atrás. Non é un encontro casual. Aquela moza está alí para descubrirlle que o Universo é moito máis inmenso do que percibimos e que os seres ocultos están e estiveron sempre entre nós. "Os non mortos non temos idade. Laura, só quero que saibas que estou en perigo." (sipnose editorial).

    Rosalía non puido explicarlle que cando estaba no cuarto coa nena había un perfume de muller que lle era descoñecido e que, por suposto, a nena non usaba. E tampouco lle puido contar que non conciliaba o sono recordando que no lado da ampla cama onde Laura situou a muller deitada con ela, alí, Rosalía pousara a man e estaba quente. Como se un corpo acabase de erguerse desa zona do colchón.
    Non puido contar nada diso porque Emiliano non queria saber, pois ben sospeitaba que era algo relacionado coas «supersticións populares» sobre o pazo que el tanto negaba.
    Rosalía sabía que non tiña sentido pero dáballe voltas cando caía a noite, mentres pasaban os dias e Laura seguía en choque. Quen si se alterou polo acontecido cando o soubo foi Carmiña. Escoitou a historia por boca de Rosalía coa estupefacción e o medo escritos nos ollos. Mentres llo contaba, persignouse varias veces.
    -Sabes, Rosalía? Necesito os cartos e por iso traballo no pazo, pero se non os necesitase, eu aquí non estaba. Porque hai contos de vello, sabes? E esas cousas que contan os maiores, moitos tómanas por estupideces e supersticións, ou por falta de cultura, pero eu creo que cando o río roa, leva auga. Algo hai. As historias non se inventan porque si.
    -Boh, xa sabes como é a xente falando. Non se lles pode facer caso. A saber o que inventan.
    -É certo, si. Pero dalgún sitio saen as invencións. Repítoche que algo hai. Non se inventa todo.
    Un día despois da conversa, Rosalía atopou allos debaixo da cama de Laura. Estaba segura de que fora Carmiña quen os puxera alí. Sabía para que eran, a súa nai metíallos decote nos petos ou no fondo dos bolsos sen que ela o soubese. Facíao para afastar as malas enerxías, espantar espíritos ruíns e protexela do mal de ollo. En Galicia a superstición é tradición. Carmiña poñíalle os allos a Laura, en definitiva, para que o ser que a nena vira non volvese, fose real ou imaxinario. Tamén observou unha cadeíña pequena cunha cruz atada a unha das madeiras do cabeceiro da cama.
    Pero aí non quedou o asunto. Todo aquilo non lle debeu parecer dabondo. O venres atopouna un tanto estraña. Non deixaba de mirar pola fiestra como se agardase a chegada de alguén.
    O plan do día era que un taxi viñese buscar a Laura e a Rosalía para ir a Ourense a facer unhas análises que recomendara o doutor. Era a razón pola cal faltaba ao colexio. Despois reuniríanse co pai para regresaren xuntos no coche del. Rosalía advertiu o comportamento un tanto hiperactivo de Carmiña desde que chegou á casa ás oito da mañá. (pp.  34-35)

Data: 
Xov, 29/02/2024 - 11:30


page | by Dr. Radut