Skip to Content

Blogue de admin

Formámonos en Ciberigualdade

O pasado venres 15 de marzo, catro alumnos de 4º ESO impartíronlle ao alumnado de 1º ESO unha charla formativa sobre os riscos que pode ocasionar un uso inapropiado das novas tecnoloxías.

Juan, Lover, Marcos e Manuel prepararon unha sesión sobre algúns dos problemas máis frecuentes asociado aos móbiles: a sextorsión ou chantaxe coa ameaza de divulgar fotos ou vídeos de contido sexual. A través dunha presentación, de material audiovisual e de exemplos coñecidos e publicados na prensa, explicaron en que consiste, cales poden ser as consecuencias, como se podería evitar e remataron dando unha serie de consellos para facer un uso responsable e seguro das novas tecnoloxías.

O alumnado de 1º ESO mostrouse moi interesado e moi participativo, comentando outros casos coñecidos e facendo preguntas ben acaídas.

Aula nas ondas: entrevista a Clara Rodríguez (2º BAC)

O pasado martes 13 de marzo o noso centro participou nunha nova edición do programa "Aula nas ondas" de Radio Líder Noia.

Os alumnos Pepa Nieto e Rubén García, de 1º ESO, entrevistaron a Clara Rodríguez, de 2º de BAC. Puidemos saber algo máis da súa práctica deportiva, o taekwondo, dos seus premios e recoñecementos e de como compaxina o deporte co estudo.

Picade na imaxe e poderedes escoitar a entrevista.

Lecturas para o 8M

Na Biblioteca fixemos unha selección de lecturas (e audiovisuais) relacionados co Día Internacionala da Muller, que conmemoramos o pasado 8 de Marzo.

Pásate por alí e escolle a túa novela, o teu cómic, a túa película, o teu disco... sobre esta temática.

Ler abre a mente!

“De min para ti”. TITORÍA ENTRE IGUAIS

Comezamos o ano 2024 e botamos a andar o proxecto “De min para ti. Titoría entre iguais”. Esta experiencia estase levando entre alumnado de 2º e 4º de ESO e constitúe unha especie de pilotaxe para desenvolver o plan de acción titorial no noso centro. O punto de partida son unhas exposicións orais que realizou o alumnado de 4º de ESO ao longo do 1º trimestre na materia de Lingua e Literatura Galega sobre temáticas relacionadas coas preocupacións e problemas que afectan a esta franxa de idade: acoso, identidade sexual, trastornos da alimentación, adiccións aos xogos de azar, redes sociais…

Dada a calidade dos traballos e a habilidade discursiva das nosas mozas e mozos, as titoras de 2º de ESO pensamos que sería unha oportunidade fantástica para que compartisen esta información cos niveis inferiores. Por outra banda, o feito de que sexan compañeiras e compañeiros os protagonistas destas charlas favorece unha maior atención e mellor acollida por parte do alumnado que as recibe.

Así que comezamos xaneiro con Martiño Saa que lle falou ao alumnado de 2º do perigo dos xogos de azar online e con Naiala Santos que tratou o tema das redes sociais.

 

Visita a Escolas Técnicas da Universidade de Vigo

O pasado 10 de xaneiro, o alumnado de Tecnoloxía e Enxeñaría de Bacharelato do IES Virxe do Mar visitou a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo. Realizaron obradoiros de combustión e intelixencia artificial, e visitaron un laboratorio de Robótica e Automática. Tamén recibiron información sobre a súa oferta formativa e puideron percorrer as súas instalacións. Queremos transmitir o noso agradecemento aos responsables de ambas Escolas pola atención que nos prestaron. Esta actividade foi organizada en colaboración co departamento de Tecnoloxía do IES do Son.

Sorteo cesta de Nadal

A cesta será entregada o próximo venres 29 de decembro nas oficinas do instituto en horario de mañá.

Se vostede posúe a rifa gañadora e non pode acudir ao centro ese día pregámoslle nos indique, empregando o correo do centro ou chamada telefónica, outro momento para facerlle entrega da mesma. Grazas pola colaboración co noso alumnado.

 ies.virxedomar.noia@edu.xunta.gal

Teléfono: 881 866831

Distribuir contido


by Dr. Radut