Skip to Content

Xa está no Xograr: Aquí e Agora 16

AeA 16 chegou  impresa en   dúas caixas de cartón, apenas medio metro de espazo e pouco menos de 10 Kg de peso. Que pouquiña cousa!,  pensaredes. Abofé que non!

Tras desa liviandade están trinta alumnos, que acoden  con presteza ás reunións  nos escasos minutos que teñen de lecer, entre clase e clase,  ao longo das semanas de todo o curso.

Tras desa brevidade agóchase unha escolma de intres previos , unha posta en común de ideas, de escollas, de seleccións feitas ao chou, ou  por sortes e resortes. Aí están fins de semana adicadas a adubar as pezas, a arranxar textos e formas;  aí están noites de reflexión e desacougos,  días  de preguiza e xornadas  de divagación ou clarividencia. Corre o tempo, cadaquén cociña o traballo de seu e cando  os desatinos  xa semellan correxidos chega o ensarillado maio, e xorden novos retos de milimetraxe no ordenador, de adaptación para a presentación , de arranxos  de imaxe  …de demoras e  dúbidas , e sobretodo de decisións: cómpre servir o prato.

Resultado final: velaí o tedes.

AeA 16,  produto de consumo rápido, de consumo inmediato endexamais perecedeiro, sen residuos prexudiciais e con nutrintes para todos nós:

  • Ofértase no noso propio local, o Xograr, e tamén en web www.revistaaquieagora.blogspot.com
  • Adáptase ao horario laboral e ao de lecer
  • Lese a modiño, a chimpos, ás carreiras, do limiar ao fin , de diante para tras ou de atrás para adiante…
  • Agasalla un menú equilibrado  ( ciencias, humanidades, deportes, música, opinión, enquisas,  pasa e repasatempos…..)

Alguén dá máis? Bo proveito !... Nós recuncaremos, seguro!

 

Equipo redacción AeA

 

O noso agradecemento ao Concello de Sarria por subvencionar a impresión da revista



page | by Dr. Radut