Últimas novas
Hoxe o alumnado de 1º ESO acompañado polo profesorado do departamento de Tecnoloxía participou nun interesante obradoiro en liña deseñado dende o INCIBE (Instituto Nacional de Ciberseguridade) co obxecto de aprender a detectar sinais de fraude e engano en páxinas web, chats e redes sociais. Malia a indudable utilidade das TIC é importante saber protexernos de estafadores e ladróns de datos persoais e identidades.
Levan para casa unha pequena folla de tarefas para practicar en familia.
Cousas que nos quedaron claras:
- Fixarnos nas direccións de internet e comprobalas cun comprobador de URL.
- Desconfiar de versións gratuitas de aplicacións de pago e de ofertas moi suculentas.
- Regalos moi golosos e urxencias de tempo tamén son signos claros de páxinas web fraudulentas.
- Ollo coas invitacións de descoñecidos.
- E ante calquera dúbida falar cos nosos pais, profesores ou contactar co propio INCIBE
Entre todos podemos facer de internet un espazo máis seguro e amigable.
Informamos que quedan varias prazas libres no ciclo superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede (ASIR). As persoas interesadas poden poñerse en contacto co centro.
Lémbrase que desde a Consellería de Educación, consideran aos medios electrónicos ferramentas válidas para que os centros educativos se comuniquen coas familias. Neste caso, se o centro opta por unha comunicación de este tipo, a comunicación obrigatoria para algúns procedementos ten que ser o sistema de información Abalar ou a aplicación AbalarMobil.
Polo tanto, solicitamos aos responsables dos alumnos (pais, nais ou titores legais) que descarguen dita aplicación nos seus teléfonos móbiles para, deste xeito, facilitar dita comunicación.
A dirección.
Publícase o calendario de xuño coas datas sinaladas e información relevante.
* inclúe información sobre datas de avaliación, devolución de equipos e libros de texto, entrega de notas e reclamacións.
NOTA: A saída as 14:00 h será para alumnado que non fai uso do transporte escolar. O horario do saída do alumnado que sí usa o transporte escolar está a expensas da confirmación da compañía concesionaria.
Publicada a oferta de ciclos de Formación Profesional en Galicia e prazas dispoñibles para admisión.
Lembra que aquí no IES Xulián Magariños ofertamos un Ciclo Básico de Comercio e na familia de Informática e Comunicacións o ciclo medio de Sistemas microinformáticos e redes e o Ciclo Superior de Administración de sistemas informáticos en rede cunha gran demanda de profesionais.
Se te queres matricular en 1º curso dos nosos ciclos de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior ten en conta estes prazos, xa que tes que pasar un proceso de admisión. A presentación de solicitudes de admisión irá do 23 de xuño ao 5 de xullo as 13:00 horas!
TODA A INFORMACIÓN SOBRE O PROCESO DE ADMISIÓN EN https://www.edu.xunta.gal/portal/node/37232
Durante esta semana estanse a organizar no centro diversas actividades de Orientación ao noso alumnado, con especial atención ao alumnado de 4º ESO e bacharelato. Trátase de que coñezan polo miúdo as diferentes opcións que se lles presentan o próximo ano académico. Ademáis de charlas especificas para cada nivel, o venres teremos dúas mesas redondas onde exalumnado do centro falará da súa experiencia nos estudos de Formación Profesional e Universitarios. E hoxe no ximnasio tivo lugar a "Feira das optativas", unha actividade na que o profesorado dos diferentes departamentos aclara as dúbidas do alumnado respecto das características, contidos e idoneidade das diferentes materias ofertadas como optativas. Houbo unha boa participación, esperamos que moitas das dúbidas quedaran aclaradas.
Estimadas familias:
Queremos informarvos dunha nova aplicación de préstamos de libros dixitais E-ELBE 2 que lanza a Consellería de Educación, que dará ao alumnado a oportunidade de ler en liña ou descargar temporalmente ata 3.000 títulos entre os que se atopan moitas lecturas obrigatoiras dos cursos. É ademais moi interesante porque da acceso a libros actuais en galego, castelán e inglés.
Nos próximos días explicaremos nos diferentes grupos como funciona. O alumnado precisa dun contrasinal que lles permitirá rexistrarse e que nos enviaron desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares. De todos os xeitos, tedes aquí a información precisa para que comecedes a coñecer a plataforma E-ELBE 2.
ACCESO Á BIBLIOTECA (sen contrasinal o único que poderedes facer polo de agora é consultar o catálogo)
INFORMACIÓN
Neste mes de xaneiro estamos a ter un interesante ciclo de charlas científicas e de orientación para o noso alumnado de bacharelato que abranguen temas tan interesantes como a elaboración dos manuscritos medievais, o tratamento e valorización das augas residuais, os principios de funcionamento e usos do laser, ou o impacto medioambiental da industria. Non deixamos de insistir en que un gran nicho do traballo no futuro está na reciclaxe, recuperación de materias primas, e reducción de impacto medioambiental. Tamén tivemos unha charla específica para alumnado de 2º de bacharelato sobre a realización das ABAU e orientación para a escolla dos seus estudos universitarios. Grazas a todos os poñentes, profesores e catedráticos da USC: Anuska Mosquera, Francisco J. Pena , Sandra Piñeiro, Raúl de la Fuente e Almudena Hospido.
O pasado venres o alumnado de 4º ESO foi de excursión a Santiago onde percorreron a zona vella seguindo un completo itinerario organizado polos departamentos de Galego, Educación Plástica e Xeografía e Historia.
ITINERARIO PERCORRIDO POLA COMPOSTELA LITERARIA E MONUMENTAL 17 /12 2021
1. Casas Reais. Sociedade Económica de Amigos do País (organización académica e cultural do século XIX onde estudaron autores do Rexurdimento como Rosalía de Castro ou Aurelio Aguirre e centro de encontro dos intelectuais e escritores do momento como Eduardo Pondal. Nos seus escenarios Rosalía interpreta con 15 anos “Rosamunda” con grande éxito de público)
2. Praza de Cervantes (chamada no s. XII Praza do Foro por ser lugar de pregóns) e Igrexa neoclásica de San Bieito do Campo de Prado Mariño do s.XVIII, unha xoia do Neoclásico galego)
3. Praza de Abastos: visita a toda unha institución en Compostela. Construída en 1941 polo arquitecto Joaquín Vaquero Palacios a partir do primixenio edificio que data de 1873 e do que aínda se conserva o enlosado de granito e a muralla con escalinata.
4. Facultade de Historia e Xeografía. Visita ao edificio e á biblioteca
5. Catedral e pazos renacentistas da cidade vella, coas súas ruelas e perspectivas barrocas
6. Biblioteca municipal Anxel Casal.
7. Antigo cárcere municipal, centro de reclusión na ditadura.
8. Paseo da Alameda e homenaxe ás irmás Fandiño Ricart, máis coñecidas como as dúas Marías. Lectura dun texto elaborado pola alumna Nuria Juncal.
E tamén o venres pasado o alumnado de 1º ESO puido disfrutar da visita a dous museos emblemáticos de Santiago, o museo do Pobo Galego e o museo de Arte Contemporánea. Axentes infiltrados nos informan de que o pasaron estupendamente. Tedes máis información no Facebook do centro.
O alumnado de 2º de Bacharelato do noso centro da optativa de TICS (Tecnoloxías da Información e da Comunicación) coordinados pola súa profesora, Leticia Riestra están a desenvolver unha páxina web para dar a coñecer referentes mulleres nas carreiras do ámbito STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) co obxectivo de fomentar este tipo de estudos entre as nenas posto que este tipo de carreiras adoitan ser realizado por un perfil máis masculino.
Este proxecto englóbase dentro do concurso internacional "WISIBILÍZALAS" organizado pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona que busca dar a coñecer gran cantidade de mulleres que rompen estereotipos, que inspiran e que traballan cada día para conseguir que o potencial femenino sexa cada vez máis visible na nosa sociedade.
Deste modo, o alumnado fará diferentes entrevistas a mulleres enxeñeiras, científicas e matemáticas para preguntalles sobre a súa experiencia personal e profesional e para pedir consello sobre como poder romper o famoso teito de cristal das mulleres.
Unha vez teñan rematadas as entrevistas, crearán unha páxina web onde mostrarán os interesantes perfís obtidos ademáis doutras actividades paralelas que tentarán de ir realizando ao mesmo tempo.
E todo isto empregando a tecnoloxía e a informática empregando software libre para o desenvolvemento da páxina web, para a realización de videochamadas online así como a gravación das mesmas... pasando polo emprego de ferramentas para a edición de vídeo, imaxe e son así como software colaborativo para a creación de documentos.
Así, poderán traballar en moitas áreas dun xeito completamente práctico seguindo o paradigma do traballo basado en Proxectos e co claro obxectivo de conseguir dar a coñecer todas estas mulleres que desenvolven unha grande labor para a sociedade pero que permanecen ocultas.