Clubs de lectura, menú degustación

A forma de intervir cos adolescentes para proporcionarlles unha identidade lectora pode revestir moitas formas. Algunhas das chaves que favorecen esa intervención e a nosa mediación toma corpo nos clubs de lectura, unha actividade promovida desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares dentro do programa Hora de Ler que pretende apoiar as comunidades educativas no empeño por construír unha sociedade lectora.

Anxos Paz García
Coordenadora do club de lectura Aquí lemos xunt@s do CPI Progreso de Catoira
ninepaz@edu.xunta.es

Clubs de lectura: menú degustación

As persoas ás que nos gusta ler compartimos pertenza a un grupo que experimenta sensacións que só outros iniciados poden entender. É tal o poder desta rede que tecemos que andamos á procura doutras persoas que tamén experimentasen o poder e a maxia da lectura. Ademais de buscar entre outros humanos a aqueles que pertenzan ao noso grupo, tamén lanzamos as redes para ver se alguén máis cae rendido. Aos que nos pasa isto é porque nalgún momento da nosa vida experimentamos o poder dunha lectura, noites alongadas caendo de sono pegada a un libro, ler ás agachadas cando debías estar a facer algo máis urxente ou importante, o cheiro amigo dun libro novo, as palabras tabú que nos descobren mundos ou experiencias que non nos atrevemos a imaxinar e aqueles libros que foron portos onde refuxiarnos cando o exterior nos puña a proba.

E cando ademais de lectoras somos profesoras, non queda outra que intentar contaxiar o virus que sabemos por experiencia cantas portas e cantas xanelas abre.

Adolescentes: modo de emprego

Ah, pero falamos de adolescentes! Eses seres que se están acomodando nas costuras dun mundo ben incómodo e incomprensible, tan agresivo para quen aínda non ten formada a coiraza e tan pouco amable para quen non se axusta ao que se espera del.

Ninguén dixo que fose doado; contaxiar algo que nos gusta non vai ser á forza, do mesmo xeito que, se che gusta o queixo, non vas conseguir que a alguén lle guste só obrigándoo a comer roquefort. O primeiro é que haxa fame e logo ofrecerlle unha boa táboa de queixos para que poida escoller; e claro, o primeiro escóllese pola vista e polo olfacto (non desprecemos os sentidos); non teñen que ser os queixos máis exclusivos, só hai que evitar os que estean en mal estado e poidan provocar danos e estar atenta ás intolerancias: se alguén é alérxico á lactosa, haberá que buscar produtos axeitados.

Escoitando e dando voz

Cando os xoves pola tarde me xunto co alumnado que vén ao club de lectura, atópome con persoas que se achegan por razóns moi diversas, algunhas xa teñen o virus dentro, xa descubriron a satisfacción e queren máis, queren que lles abras máis mundos e aprecian como hai outras persoas a quen lles ocorre o mesmo; outras persoas coma elas coas que poden falar abertamente do que lles pasa cando len ou de cales son as lecturas que as fan vibrar. Sentirse aceptado e valorado no grupo e descubrir outros “pares” con quen vincularse, velaí a cuestión. Pero non todos os adolescentes que se achegan o fan porque xa están enganchados, non. Moitos fano porque o club é un lugar acolledor, onde non son xulgados pola súa capacidade intelectual ou pola roupa que leven ou o status que teñan. Aquí poden simplemente estar, formar parte, sentirse identificados; cando falamos de rapaces que non teñen éxito social ou nos estudos, o club é un refuxio onde se senten apreciados e onde ocupan o mesmo lugar ca outro alumnado de máis éxito. Onde se falan de ti a ti e onde descobren un fío común que une a adolescentes con orixes sociais moi distintas e con capitais culturais de partida moi desiguais.

Pero claro, para que isto teña algún interese para eles non se pode parecer ás clases, pasan xa moitas horas escoitando o profesorado, así que hai que inverter os papeis, agora toca escoitalos a eles e facer un esforzo para tirarnos do papel de profes, corrixindo sempre, censurando moitas veces; agora toca escoitar, suxerir, indicar camiños e aceptar que non tomen os que a ti che gustaría. Así que o primeiro é que se expresen. Que aprendan a dicir que algo lles gusta ou non e explicar o porqué. E como somos adultas debemos ser conscientes de que o que nos gusta ou precisamos ler cando temos quince non pode ser o mesmo ca cando temos trinta anos máis e moitas lecturas e vida no lombo e no espírito.

Á procura dos ingredientes para un bo menú

Se temos que esforzarnos por saír do papel de profes que faciamos pola mañá, outro tanto nos toca facer coa escolla das lecturas. Non abonda con que o ambiente sexa bo, hai que ofrecer un bo menú. E para isto non chega con tirar do que tiñamos na neveira ou coa última promoción do supermercado. Hai que aprender, temos que formarnos sobre a composición, os ingredientes, a combinación de sabores e ir ao mercado sabendo o que queremos e contrastándoo co que nos ofrecen. Por último, é imprescindible que o produto que ofrezamos nos guste a nós, non podemos ofrecer un menú que nos resulte aburrido, insípido ou que teña tantos ingredientes que non sexa coherente. Ai, pero nin con isto abonda! Non chega con que nos guste a nós, hai que pensar no gusto dos comensais: podemos servir hamburguesas sabendo que a carne é boa. Non pasa nada por comer algo de comida rápida se con iso abrimos o camiño dos sabores para introducir elementos novos, ben sexa na forma como no tratamento ou ingredientes. Para conseguir isto hai que pasear polos blogs literarios, ver que fan noutros clubs de lectura, consultar catálogos de editoriais e pasar moito tempo nas librerías. Ningún bo xefe de cociña o vai ser sen escoller os ingredientes no lugar de confianza, deixándose aconsellar, tendo en conta o gusto dos comensais e a calidade do produto, do mesmo xeito que non debemos propoñer sempre o mesmo menú: ten que ser variado, ofrecer distintos formatos, achegalos a outras narrativas que lles son máis alleas e ás que por si propios non se achegarían. Ese é o noso labor como mediadores, pero non é o único; hai outro e non menos importante que debe ser atacar os prexuízos. Si, vivimos nunha sociedade con moitos e non debemos deixar que se transmitan sen intervir. Estereotipos sexistas, con heroes valentes e princesas rosas ben sexan presentados na versión máis tradicional ou na máis moderna, aparecen acotío e nós debemos propoñer outros modelos e/ou reflexionar sobre os que aparecen. Outro tanto coa lingua: debe ser un obxectivo noso favorecer a lectura en galego, xa que canto máis lean, máis competentes se sentirán e menos alleo lle será manexar a nosa lingua con naturalidade; así que debe ser o noso labor ofertarlles títulos atractivos, cos que vencer prexuízos. Non sempre é doado atopar títulos que poidan competir coa masiva produción en castelán que ademais ten unha promoción da que carecen os títulos en galego; non andamos sobrados de produción editorial que poida competir nesta franxa de idade, así que tamén desde aquí facemos de mediadores. Non é o noso labor ensinar a historia da literatura, iso facémolo nas aulas, aquí fomentamos o gusto pola lectura, eses fíos invisibles que se tecen e que nos van formando e nos vinculan.

Lectores e consumidores

Outro elemento que debemos ter en conta é a súa formación como consumidores. Si, os lectores somos consumidores de cultura e é conveniente que saibamos manexarnos na mercadotecnia do consumo cultural. A reflexión sobre o que nos leva a escoller unha obra e, polo tanto, mercar un produto debe formar parte da nosa formación como lectores. No noso club, son eles quen escolle as lecturas. Ben, para ser exactos, teñen a última palabra: son eu quen vai ao mercado e se encarga de facer a escolla tendo en conta os seus gustos, as comidas anteriores e a conveniencia de introducir novos sabores ou ingredientes. Ofrézolles entre dez e vinte títulos e dedicamos unha sesión para que escollan o que queren ler; entre os finalistas poden aproveitar para buscar máis información na rede ou buscar elementos a prol ou en contra. Pero non sempre o facemos así. Facer o exercicio de escoller un libro sen saber como é a capa ou sen coñecer o nome do autor provoca máis reflexión que varias charlas sobre consumo responsable. No noso club é un exercicio habitual: son eles quen escollen a lectura, pero deben reflexionar sobre por que o fan, así que unha das lecturas sempre se escolle “a cegas”, é dicir, sen coñecer autoría nin deixarse subxugar polos magníficos deseños da capa e dos premios que levou. Os resultados son sorprendentes.

Lendo na rede, lendo en rede

E lemos en papel, pero sabemos que as lecturas teñen máis dimensións, así que aproveitamos a rede no antes, no durante e no despois. A lectura xa non é só un acto individual, illado, é un acto social. A información que temos sobre a obra cando decidimos lela é infinitamente superior á que tiñamos hai unha década e debemos aprender a buscar esa información, distinguir aquela de calidade para logo poder utilizala. Si, tamén facemos ALFIN nos clubs de lectura. Como as nosas lecturas van ser suxestivas e introducir algún elemento novo, seranos doado provocar que utilicen a rede para buscar esa información suxerida, esas imaxes ou nomes que aparecen nos textos ou esas outras obras que poden vincularse ao que estamos lendo.

Tamén van poder ver as opinións dos demais, ben sexan outros lectores ou editoriais e contrastar a súa propia. Pero a rede tamén se pode utilizar para que eles teñan voz propia, é por isto que tamén procuramos que, ademais do noso blog común, eles creen os seus propios blogs. Descubrirán que hai moitos adolescentes en todas partes do mundo con intereses comúns aos deles. Iniciativas como a de questasleyendo.org son moi interesantes neste sentido, por fomentar o uso consciente de ferramentas dixitais e poñer en valor a voz dos adolescentes na súa dimensión lectora. Os encontros ben sexa virtuais ou reais con outros clubs de lectura promoven esta identidade lectora e axúdalles a crear vínculos con outros adolescentes a través das lecturas. Non todo vai ser fútbol.

Renovando menús cada tempada

Pero ao final de cada tempada cómpre avaliarse. Que funcionou? Por que? Por que non? Aquí avaliámonos todos: o alumnado que sempre dá unha información útil e que debemos ter moi en conta avalíase a si mesmo e achega a súa opinión e ideas sobre a dinámica do club. A coordinadora fai o propio e busca axustar os obxectivos á realidade que ten. Do mesmo xeito que hai que ser ambiciosos na mellora, tamén debemos ser conscientes das nosas limitacións, adaptarnos á nosa realidade. Traballar en contacto cos demais, traballar en rede é nesta altura indispensable. Coñecer as experiencias doutros clubs, probar e adaptalas á nosa realidade, aprender dos demais, avaliar os resultados e comunicar, darlle un escaparate a unha actividade de calidade que facemos alumnado e profesorado fóra de horas lectivas na escola pública.

Así que xa temos comensais, un bo ambiente, temos o menú escollido e temos cubertos e enxoval para facer desta comida unha experiencia agradable, degustemos os saborosos pratos, sabedoras que este alimento fai espíritos libres e persoas conscientes e atentas ao que as rodea. Bon appétit!

 

Enlaces

http://aquilemosxuntos.blogspot.com.es/

http://bega-horadeler.blogspot.com.es/search/label/clubs%20de%20lectura

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

Vídeo resumo dun ano no club de lectura

http://aquilemosxuntos.blogspot.com.es/2015/06/video-resumo-do-noso-ano-lector.html

Sección: