Achegándonos á ciencia e á literatura por medio da fotografía

Neste artigo detállase a experiencia levada a cabo no IES de Valga no curso 2014/15 dentro do marco do plan Proxecta, Fotografía en Curso. Esta experiencia didáctica está orientada a coñecer o mundo da fotografía e relacionalo coa literatura e a ciencia dun xeito creativo, utilizando o traballo cooperativo. O obxectivo final é que o alumnado sexa quen de crear fotografías e elaborar textos coas ferramentas adquiridas ao longo do proceso de aprendizaxe.

Margarita Santiago Pazos,
Profesora de Matemáticas, IES de Valga (Pontevedra)
titoria3c@gmail.com

 

Introdución

Día a día, os docentes impartimos a nosa materia nas aulas e poñemos toda a nosa enerxía para que o alumnado aprenda Matemáticas, Lingua ou Filosofía..., pero poucas veces traballamos en equipo en proxectos que interrelacionen varias materias, non porque non nos interese, senón porque o currículo de cada materia é moi amplo e hai que dedicar todo o tempo do mundo para acabar o temario a tempo.

No centro no que traballo desde hai dous anos, o IES de Valga, hai moita xente con interese en facer algo máis que dar clase, xente moi dinámica e con ganas de colaborar en proxectos diferentes que acheguen outras formas de aprender, xente á que non lle importa traballar moitas máis horas porque sabe que non hai  mellor satisfacción que ver o alumnado motivado por aprender.

Neste contexto, dous profesores decidímonos a solicitar o plan Proxecta de Fotografía en Curso e formar un pequeno grupo para traballar. No proceso tivemos que deixar algunhas persoas interesadas fóra do proxecto, xa que a modalidade só permitía que fósemos catro os que formásemos o grupo.

Por que escollemos o plan de Fotografía en Curso? Nos últimos anos a fotografía pasou de ser unha afección algo cara e de cadencia lenta (fotografía analóxica, con carrete que hai que revelar e positivar sobre soporte de papel e, por suposto, esperar uns días para ver o resultado final) a algo accesible, inmediato e con facilidade de almacenaxe, coa aterraxe da fotografía dixital e dos teléfonos móbiles. Esta aceleración e masividade do proceso fotográfico fai que a reflexión sobre a toma de imaxes e linguaxe gráfica sexa case inexistente, co que se perden unhas valiosas ferramentas como son: a visión pausada, a análise, a crítica, a reflexión, o recoñecemento de pautas, a descrición, a formulación de hipóteses..., elementos todos eles propios da investigación científica, da matemática e algúns da creación literaria, da filosofía etc. Foi por ver todo isto e moito máis polo que o programa de Fotografía en Curso nos pareceu idóneo para o noso alumnado.

 

Obxectivos

  • Achegarnos á aprendizaxe cooperativa.
  • Achegarnos á arte da man da fotografía.
  • Afondar no proceso dedutivo.
  • Educar a sensibilidade artística.
  • Aprender interactuando e construíndo.
  • Crear textos literarios.
  • Relacionar imaxes e emocións.
  • Desenvolver a creatividade e a imaxinación.
  • Difundir os resultados da experiencia.

 

Materiais e método

Comezamos a traballar con moita ilusión en novembro de 2014. No grupo  había un profesor de Filosofía, unha profesora de Lingua Galega, un de Latín e unha de Matemáticas. Presentámoslles o proxecto  a tres grupos de cuarto da ESO e a un grupo de cinco persoas en segundo de bacharelato. Os grupos foron escollidos de tal xeito que cada un de nós impartía clases nun deles e eu como coordinadora  impartíaas en todos os grupos de alumnos.
O obxectivo era coñecer a linguaxe fotográfica e utilizala para fotografar e retratar a vida no concello de Valga.

3.1 Lectura de imaxes, álbums
Presentámoslle a web ao alumnado e comezamos a traballar a observación e a reflexión. Comentando as emocións que lle espertaban as fotografías do fondo fotográfico, analizamos pautas para descubrir que elementos na imaxe espertaban as diferentes emocións. Comezaron a crear álbums como o que se ve nesta imaxe, con temáticas escollidas por eles mesmos, e esta forma pautada de achegárense á linguaxe fotográfica axudoulles a moitos deles a facer máis tarde a súa propia práctica de xeito coherente. Utilizamos este recurso para conmemorar o Día da Paz.


Neste álbum queremos mostrar e levarlles a contraria a todos os que pensan que o azul é unha cor fría, porque nas nosas vidas desde un momento a agora o azul é unha cor cálida


3.2 Espazos baleiros
Outra das prácticas fundamentais foi a de Espazos baleiros. Nun primeiro momento, a práctica non motivaba o alumnado, xurdían comentarios tales como: “que interese pode ter esa foto se non hai xente, non hai nada?”, pero pouco a pouco, tras reflexionar sobre o que o autor quería conseguir con eses amplos espazos baleiros, e como o conseguía, comezaron a identificar elementos e emocións que se repetían e que seguramente eran os que o fotógrafo quería transmitir cando tomou esa imaxe. Deste xeito foron aprendendo que elementos axudaban a provocar ese tipo de sensacións en cada imaxe. O seguinte paso foi que eles mesmos creasen os seus espazos baleiros. Primeiro decidían en grupo que emocións querían conseguir e, a continuación, buscaban un lugar no centro de ensino para facer a fotografía; antes de executar o primeiro disparo (isto era o máis difícil), tiñan que decidir a que distancia situarse, o encadramento, ter en conta a luz, a altura do horizonte, os elementos que ían estar na imaxe etc. e escribir todo este proceso creativo. A fotografía seguinte é un exemplo desta práctica.


3.3 A fotolectura  mensual
O paso seguinte foi o da creación literaria, observando unha fotografía había que preguntarse: que che suxire esta fotografía? Que historia de dúas ou tres liñas poderías contar vendo isto? Que historia un pouco máis ampla che suxire? Atreveríaste a facer un poema da imaxe? Esta práctica foi moi ben acollida polo alumnado e isto fíxonos pensar en propoñérllela a todo o centro e a todo o profesorado. Todos os primeiros de mes, escolliamos unha imaxe do fondo fotográfico de Fotografía en Curso e mandabámoslla por correo electrónico a todo o profesorado do centro por se quería participar: dúas profesoras de Lingua Castelá  xuntáronse ao proxecto. A esta rutina mensual chamámoslle Fotolectura mensual. A continuación podes ver exemplos de fotolectura da fotografía Barcelona de Humberto Rivas:

 

 

Es aparentemente un edificio antiguo, situado en una esquina. Tiene dos ventanas, una a la derecha y otra a la izquierda; en la pared de esta hay una nota pegada y por debajo de una de las puertas hay algo de luz.

Laura Castiñeiras García,  1.º ESO

 

Corría el año 1966, Cristina doblaba la esquina de una casa nueva, con la carretera nueva, acababa de cumplir 20 años e iba de camino a la estación para coger un tren que la llevase de viaje lejos de ese lugar. José doblaba la otra esquina de una casa nueva, con la carretera nueva, tenía 19 años e iba camino a aquel bar donde cada noche había un concierto diferente. Ambos llevaban apuro e iban pensando en distintas cosas; ella, en todo lo que haría tras llegar a aquel lugar, él en el género de la música de hoy, si sería su favorito o una que no le gusta. Cuando volvieron a la realidad ambos estaban en el suelo, de repente se oyó que un tren pitaba y Cristina se fue sin disculparse ni nada. Hoy estamos en el año 2015, Cristina doblaba la esquina de una casa deteriorada por los años con la carretera a medias y una parte recién pintada, y una señal. Tenía 69 años recién cumplidos y venía de la estación tras hacer un viaje larguísimo por todo el mundo. José doblaba la otra esquina de una casa deteriorada por los años con la carretera a medias y una parte pintada, y una señal. Él tenía 68 años e iba triste caminando por la calle ya que había cerrado aquel bar donde cada noche había un concierto diferente. Ambos iban pensando en lo suyo y cuando volvieron a la realidad estaban en el suelo...

Olalla Fabeiro Iglesias, 4.º ESO

 

3.4. Aurea dicta

Outra práctica moi interesante foi conectar fotografías de espazos baleiros, dos álbums de Fotografía en Curso, coa lingua latina. Para isto o que propuxemos foi elaborar unha presentación en Prezi individual, onde o alumnado fixese constar a súa lectura da fotografía, acompañada sempre dun ou varios aurea dicta (ditos de ouro), esas frases lapidarias latinas que aínda hoxe en día se usan con certa regularidade e que transmiten perfectamente parte da sabedoría da civilización romana.
Chegamos á conclusión de que as fotografías de espazos baleiros se comportaban na súa estrutura como os aurea dicta: poucos compoñentes que distorsionen o significado que ofrece a fotografía, cun contido formal moi reducido e directo, e cun semantema cargado de posibilidades e cunha profundidade de pensamento importante.

3.5 App Inventor

No curso 2014/15 dous de nós participamos noutro grupo de traballo co obxectivo de crear unha aplicación para móbil, o tema escollido foi unha ruta por Valga. Fusionamos os dous proxectos para que o alumnado participase ofrecendo as súas fotografías.

Avaliación da experiencia

Os aspectos negativos que observamos son que o tempo necesario para levar a cabo este tipo de experiencias didácticas é considerable e ás veces non dispoñemos del, o alumnado de segundo de  bacharelato non está tan motivado coma o resto do alumnado xa que focaliza todas as súas enerxías en acceder á Universidade. Necesítanse cartos extra para poñer a funcionar este tipo de proxectos.
Pola contra, os logros máis significativos no proceso de aprendizaxe son os seguintes:

  • A participación do alumnado que normalmente non participa na aula.
  • O traballo en grupo mellora o proceso de aprendizaxe.
  • A mellora nas destrezas individuais.
  • O aumento da motivación por parte do alumnado e do profesorado.
  • A mellora da autoestima.
  • A mellora na creación literaria co uso de imaxes como estímulo.
  • O desenvolvemento de estratexias axeitadas para a resolución de problemas.
  • A mellora na relación alumnado-profesorado.

A exposición final e os textos elaborados polo alumnado foron un método moi bo para avaliar o traballo xerado durante todo o curso e para implicar as familias no traballo dos seus fillos. O alumnado valorou positivamente a experiencia e gozou especialmente das saídas didácticas e da elaboración da exposición final. A un 90 % gustaríalle repetir a experiencia.

Conclusión

Para finalizar o proxecto preparamos un par de saídas polo concello de Valga para fotografar o patrimonio cultural. O punto final foi unha exposición no Auditorio de Cordeiro, en Valga, na que mostramos parte do traballo do alumnado.  Para facela tivemos que solicitarlle as instalacións ao concello. As imaxes foron tamén acompañadas por textos literarios e ditos de ouro. A exposición tivo moi boa acollida entre a poboación de Valga.

A experiencia  valorámola positivamente, a participación e implicación do alumnado e do colectivo escolar en xeral foi moi alta. Que botamos en falta? Fundamentalmente un orzamento económico que acompañe o plan para mercar o material necesario, como unha cámara réflex, marcos para as fotografías etc; a pesar disto inxeniámosnolo para poder traballar, a combinación de traballo individual e traballo en grupos heteroxéneos funcionou moi ben no marco colaborativo.  Durante todo o proceso puidemos observar como o alumnado adquiría esas pautas de observación, reflexión e descrición que pretendiamos ao principio do proxecto. Conseguimos integrar “lectura, escritura, cálculo, expresión plástica etc. que dá lugar á aprendizaxe globalizada” (Zabala 2008).
 

 



 

Sección: