Leer en el centro escolar. El plan de lectura

Gemma Lluch e Felipe Zayas. Editorial Octaedro, Colección Recursos Educativos. Barcelona, 2015. 155 páxinas.

Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
CFR da Coruña

A Lei 10/2007, do 22 de xuño, para a lectura, o libro e as bibliotecas formula que “os plans de fomento da lectura considerarán a lectura como unha ferramenta básica para o exercicio do dereito á educación e á cultura, no marco da sociedade da información e destacan o interese xeral da lectura na vida cotiá da sociedade, mediante o fomento do hábito lector”. A lectura adquire, deste xeito, unha importancia fundamental nos procesos de maduración e socialización do individuo.


Acadar competencia lectora posibilita que as persoas accedan ao coñecemento e se integren e participen nunha sociedade na que as mensaxes son cada vez máis complexas e a información cotiza á alza.


A escola é consciente de que, para desenvolver destrezas de lectura no alumnado que lle faciliten enfrontarse en contextos diversos a textos heteroxéneos, é preciso articular plans de lectura nos que participe e se implique a totalidade da comunidade educativa. Este libro, avalado pola solvencia de profesionais do ámbito da didáctica da lingua e literatura tan recoñecidos como Gemma Llulch e Felipe Zayas, ofrece orientacións prácticas para programar as propostas de lectura nun centro e incorporalas nun PLC (plan de lectura de centro) programado a longo prazo.


O libro actualiza o concepto de competencia lectora segundo o marco de PISA, caracteriza as diferentes situacións e finalidade da lectura, insiste na importancia da biblioteca escolar como espazo de aprendizaxe e axente dinamizador das actividades de fomento da lectura, ofrece pautas para construír e avaliar o plan de lectura de centro e presenta propostas de actividades de lectura e escritura que se poden desenvolver no centro escolar.


Este manual sobre a planificación da lectura no centro escolar presenta unha información esmiuzada e completa de exemplos e actividades, cadros e gráficos que facilitan o seguimento do discurso e posibilitan unha aplicación inmediata das propostas cara á aula.

Sección: