Aprender a investigar

Alfabetización informacional en primaria
Seleccionar información, facer un uso ético dela e xerar contidos quedan atrás moitas veces. A escola ten que asumir esa formación, de xeito que poidamos ter alumnado competente e autónomo nas súas aprendizaxes. As bibliotecas escolares achegan recursos e propostas neste sentido e, como docentes, non deberiamos perder a oportunidade que nos ofrece a materia de libre disposición para incorporar a alfabetización informacional no currículo.

M.ª Isabel Vázquez Rosales
Titora de educación primaria
Membro do equipo de biblioteca
Directora do CEIP Quintela de Moaña
mariaisabelvazquez@edu.xunta.es

Una oportunidade

A introdución da alfabetización informacional (ALFIN) no ámbito escolar posibilita un alumnado competente no tratamento da información e autónomo nos procesos de aprendizaxe.

Coñecer a biblioteca como punto de acceso á información, desenvolver procesos de busca con criterios aprendidos e elaborar documentos a partir da información recollida deben ser aprendizaxes prioritarias desde os primeiros anos de escolarización.

A materia de libre configuración para cuarto e sexto de educación primaria aprobada pola LOMCE ofrece unha oportunidade para introducir a competencia informacional dun xeito sistemático e organizado.

En colaboración con Olga Rodríguez Díaz, directora do CEIP Milladoiro de Malpica, e co apoio e asesoramento de Cristina Novoa Fernández (Asesoría de Bibliotecas Escolares da CCEOU), revisamos e adaptamos para cuarto e sexto de educación primaria a materia de libre configuración Investigación e Tratamento da Información de primeiro e segundo da ESO (Orde do 15 de xullo de 2015).

A esta materia chamámoslle Aprender a Investigar, nome con grande atractivo para o alumnado de primaria.

Como organizar a materia

Debemos entender o carácter interdisciplinar da competencia informacional, polo que desenvolver esta competencia require o deseño de propostas nun contexto real e comunicativo. A metodoloxía de proxectos resulta unha ferramenta indispensable para incluír de xeito contextualizado os contidos da materia, repartidos en cinco bloques:

  • Bloque 1. A biblioteca, punto de acceso á cultura impresa e dixital
  • Bloque 2. Fontes informativas. Localización e selección
  • Bloque 3. Organizarse para investigar
  • Bloque 4. Procura e tratamento da información
  • Bloque 5. Xeración de contidos e comunicación

Os recursos que imos utilizar serán un caderniño para investigar, unha copia individual da CDU para cada alumno e, por suposto, os recursos propios da biblioteca escolar, ademais de diferentes ferramentas dixitais de uso sinxelo.

É recomendable, non obstante, desenvolver actividades preparatorias. Buscar libros dun mesmo autor, clasificar documentos en función da CDU, identificar glosarios, índices, citas e notas a pé de páxina, manexar os blogs de aula, familiarizarse con programas sinxelos de audio, vídeo, imaxe e estatística etc. facilitarán a tarefa.

O carácter integrador da educación informacional permite traballar e reforzar as distintas competencias, polo que aínda que dedicamos unha sesión semanal á Aprender a Investigar, os proxectos iniciados seguirán desenvolvéndose tamén no horario doutras materias, segundo os seus contidos. Así pois, se o obxecto de investigación é a cicloxénese explosiva, a organización para investigar e a localización e selección de fontes informativas vaise desenvolver na hora de Aprender a Investigar, pero o tratamento da información e a xeración de contidos continuarán nas disciplinas implicadas no proxecto, neste caso Ciencias Naturais e Lingua Galega.

Para facilitar a tarefa, o alumnado anotará nos cadernos de investigación antes mencionados as fontes consultadas e os recursos atopados, pero tamén utilizarán os cadernos das distintas materias comprometidas nos procesos.

Imos facer o seguimento dun proxecto desenvolvido neste curso en cuarto de primaria. É unha idade (9 anos) onde os procesos de aprendizaxe informacional adquiridos ata entón empezan a ser conscientes e deben de ser automatizados.

No mes de outubro os equipos de biblioteca escolar e de dinamización da lingua galega do colexio achégannos a petición de preparar a celebración do Día da Ciencia en galego. O curso encargado de desenvolver esta proposta amosa unha selección de experimentos sinxelos e prepara unha exposición oral para presentarllos ao resto do alumnado do colexio.

Sesións preparatorias:

  • Bloque 1. A biblioteca, punto de acceso á cultura impresa e dixital.
    • B1.1. Utilizar a biblioteca como espazo de acceso á información presencial ou virtual.
    • B1.3. Recoñecer e diferenciar os recursos informativos dispoñibles segundo tipoloxía, soportes e formatos.

Faremos algunhas actividades preparatorias na biblioteca escolar. Axudados polas súas CDU e organizados por equipos, a proposta consiste en localizar fondos de diferentes temas.
 

Na aula TIC recordaremos as cinco normas básicas para a busca de información na rede:

  • Os autores deben figurar nun lugar visible.
  • A finalidade ha ser clara.
  • Os vínculos teñen que ser activos e fiables.
  • Ten que estar actualizada.
  • Publicidade? Non.

Tamén aprendemos a buscar imaxes coas diferentes licenzas de uso.

Primeira sesión:

  • Bloque 3. Organizarse para investigar.
    • B3.3. Organizar o traballo no ámbito individual ou grupal e responsabilizarse das tarefas adxudicadas.

Na asemblea de clase discutimos e redactamos un guión das tarefas que se van realizar:

  • Preparar experimentos para facer diante do resto do alumnado.
  • Deseñar e facer os carteis para lle dar publicidade no centro á celebración do Día da Ciencia en galego.
  • Redactar unha biografía sobre a científica M.ª de los Ángeles Albariños, a quen está dedicado o Día da Ciencia 2015.

Acordamos traballar en parellas, para facer máis dinámicas as actividades.

Segunda sesión

  • Bloque 1. A biblioteca, punto de acceso á cultura impresa e dixital.
    • B1.1. Utilizar a biblioteca como espazo de acceso á información presencial ou virtual.
    • B1.3. Recoñecer e diferenciar os recursos informativos dispoñibles segundo tipoloxía, soportes e formatos.
  • Bloque 2. Fontes informativas. Localización e selección.
    • B2.1. Coñecer a organización da biblioteca e a CDU como sistema estandarizado.
    • B2.4. Acceder á rede e coñecer os recursos dispoñibles a través de Internet.

Poñemos en práctica os coñecementos adquiridos sobre a CDU e a formación de usuarios. Na biblioteca escolar buscan información sobre experimentos fáciles de realizar e de explicar, tendo en conta que debemos mostrarllos a todo o alumnado, desde cuarto de infantil a sexto de primaria.

Tamén localizan experimentos na rede, previamente seleccionados polo profesorado e enlazados no blog de terceiro e cuarto curso.

Terceira sesión

  • Bloque 2. Fontes informativas. Localización e selección.
    • B2.10. Avaliar a información recollida.
  • Bloque 4. Procura e tratamento da información.
    • B4.2. Ler de forma comprensiva textos informativos de diferente tipoloxía.
    • B4.3. Valorar a información atopada en función de determinados criterios.
    • B4.4. Extraer a información precisa en función dos obxectivos do traballo.

Unha vez recollida a información, cada parella selecciona un experimento para desenvolver. Entregámoslle unha ficha onde deberán anotar o nome do experimento, o material utilizado, a vistosidade e o resultado final (funciona?).

Ao longo das dúas semanas seguintes realizaremos e avaliaremos na clase os experimentos para seleccionar os máis apropiados, segundo os criterios establecidos.

  • Bloque 5. Xeración de contidos e comunicación.
    • B5.3. Estruturar mediante un guión textos propios, expositivos, descritivos e explicativos, a partir da información reunida.
    • B5.5. Coñecer e aplicar as pautas para a elaboración de materiais de apoio ás presentacións orais.
    • B5.6. Coñecer e empregar correctamente unhas pautas polas que se rexe a forma de citar diferentes fontes.
    • B5.7. Incorporar imaxes aos traballos escritos ou ás presentacións cun tratamento adecuado.

Na asemblea de clase decídese deseñar dúas actuacións con diferentes experiencias, unha para educación infantil, primeiro e segundo de primaria, e outra para terceiro, quinto e sexto de primaria.

Organizan os grupos e preparan os textos orais para presentar e explicar as experiencias.

Paralelamente redactarán a biografía de M.ª de los Angeles Alvariño, oceanógrafa e zoóloga galega e con eses datos farán unha presentación de diapositivas na que non esquecerán citar as fontes consultadas.

Atopamos unha dificultade: non temos imaxes da oceanógrafa con licenza de uso para incorporar á presentación de diapositivas. Optamos por facer retratos dela a partir dunha fotografía.

Nos días previos á celebración, deseñarán carteis ilustrados coa información sobre esta (horario, quendas, nome dos experimentos ) que distribuirán nas entradas do colexio.

O Día da Ciencia en galego o alumnado de cuarto de primaria é o protagonista: na biblioteca escolar, e ao longo de toda a mañá, amosarán a súa presentación dixital sobre M.ª de los Ángeles Alvariño e mostraranlles e explicaranlles os experimentos aos seus compañeiros, segundo o guión elaborado.

Nos días posteriores á celebración realizaranlle unha enquisa a todo o alumnado sobre o que máis lle gustou e, mediante unha ferramenta dixital, crearán uns diagramas de barras para reflectir o resultado.

A avaliación será sobre todo o proceso e incluirá tanto as producións dixitais, artísticas, textuais e orais como a participación no grupo

Conclusións

O Día da Ciencia crea un contexto significativo para a materia Aprender a Investigar e así ocorrerá cos outros proxectos desenvolvidos. Os distintos temas foron abordados para dar resposta a propostas da biblioteca escolar ou da propia titoría, pero sempre achegándonos ao currículo desde distintas perspectivas.

Neste sentido, a necesidade de inserir a alfabetización informacional no currículo faise evidente. A mellora en todas as competencias é innegable, a autonomía que vai adquirindo o alumnado e a capacidade que nos dá para levar os proxectos de aprendizaxe con calma, reflexionando e avaliando todo o proceso, non pode máis que repercutir positivamente na consecución da nosa tarefa como docentes.

 

Sección: