Da introdución e integración das TIC á educación dixital

Este artigo fai referencia aos aspectos máis relevantes das políticas relacionadas coas tecnoloxías da información e da comunicación (en diante, TIC) no ensino obrigatorio na Comunidade Autónoma de Galicia. Desde a necesidade de que as TIC tivesen presenza nos centros de ensino ata a aposta pola educación dixital.

M.ª Elena Añel Cabanelas,mestra de Pedagoxía Terapéutica
cabanelas@edu.xunta.es
Manuela Raposo Rivas, profesora da Universidade de Vigo
mraposo@uvigo.es
 

Políticas TIC no ensino desde os oitenta ata hoxe

As actuacións por parte dos distintos gobernos en materia educativa implican, nas últimas tres décadas, unha preocupación polas TIC que se deixa ver nas distintas propostas reflectidas na normativa en momentos puntuais da historia recente da educación. En relación coas diferentes iniciativas desenvolvidas en Galicia para favorecer a integración dos medios audiovisuais e informáticos e as novas tecnoloxías nas prácticas escolares, hai que sinalar que a nosa comunidade presenta unha historia importante en iniciativas,  pero cun crecemento descontinuo.

Seguindo a clasificación de Cid e Pato (2013:27), comprobamos que a primeira iniciativa foi o Proxecto Abrente en 1984,  posteriormente o Proxecto PANTEG (Plan de aplicación das novas tecnoloxías á educación galega) no ano 1992, seguidos do Programa NMAI (novos medios audiovisuais e informáticos) en 1993, e o Proxecto Grimm ou Aponte nos anos 1994 e 1998, respectivamente.

Figura 1. Proxectos da década dos oitenta e dos noventa
Fonte: Añel-Cabanelas, 2015, p. 98

 

Xa no ano 1998 estamos ante o nacemento de Siega (Sistema de Información da Educación Galega), que abarca numerosos programas co obxectivo de conectar a Internet e dar un servizo de calidade a 1140 centros de ensinanza pública. Siega é un proxecto integral que se desenvolve a través de seis grandes accións:  a Rede da Educación Galega (Reduga), os recursos educativos, a Plataforma de Teleformación Galega (Platega), a Unidade de Atención a Centros da Educación Galega (Uacega), servizos educativos multimedia (SEM) e a e-Administración.

O protagonismo destas políticas autonómicas é de primeira orde xa que destas  dependen non só a dotación de recursos tecnolóxicos e desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicacións nos centros educativos do seu ámbito rexional, senón tamén os plans de formación do profesorado, a produción de contidos e materiais dixitais, así como o impulso de proxectos e experiencias de innovación pedagóxica coas TIC, tal e como afirman Area, Sanabria e Vega (2013:76).

Á vista das políticas que actualmente están vixentes nas diferentes comunidades autónomas, seguindo o exposto por Tilve, Gewerc e Álvarez (2009), o  eixe do cambio reside non só na introdución de ferramentas tecnolóxicas, senón nunha nova perspectiva metodolóxica global que atinxa niveis formativos, organizativos e curriculares.

Finalmente, coincidimos coa clasificación  de Raposo, Martínez e Páramo (2013:13) dos plans e programas que se están levando a cabo en canto TIC, que inclúen:

  • Os ámbitos de formación: preparación para o uso, formación de formadores, plans específicos de formación.
  • Dotación: dispoñibilidade de equipos, infraestruturas, mantemento.
  • Innovación: renovación de prácticas diarias, experimentación e creación de recursos, concursos, elaboración de recursos.
  • Información: xestión académica e administrativa de centros, avaliación dos plans TIC.
  • Participación: colaboración e comunicación entre familias, comunidade e redes específicas.

As mesmas autoras fan alusión a que, actualmente, eses ámbitos se sitúan xerarquicamente na realidade, conformando unha figura similar a un pentágono no que a base se constitúe polos ámbitos de dotación e innovación, eixes da gran maioría das políticas. A información e formación residen a un mesmo nivel nos seguintes vértices do pentágono e a participación xunto coa colaboración entre axentes pasa a ser o eixe central deste. As políticas de integración TIC terán unha maior probabilidade de éxito cando todos estes ámbitos converxan nun mesmo nivel, que todos eles sexan á vez base e eixe do anterior e do seguinte.

 

Figura 2. Representación dos ámbitos que atinxen as políticas TIC
Fonte: Raposo, Martínez e Páramo, 2013, p.13

 

En definitiva, as diferentes políticas TIC, unha vez que se dotou de tecnoloxía os centros educativos e se asegurou a súa presenza para evitar a fenda dixital, estanse encamiñando a estimular o seu uso e integración curricular, proporcionando información, creando novas contornas de ensino e aprendizaxe, potenciando a innovación e mellora da calidade, facendo partícipe a comunidade educativa e asegurando a formación do profesorado para o uso didáctico (Raposo, Martínez e Páramo, 2013).

De forma xeral, no contexto galego podemos diferenciar dous momentos no que á introdución das TIC no ensino se refire: un primeiro, na década dos noventa, máis preocupado por introducir as tecnoloxías e, un segundo, ao inicio do novo milenio, onde se produce un cambio educativo xa que a presenza das TIC transforma as prácticas e, en coherencia coas demandas educativas, abre novas posibilidades no sistema educativo en Galicia.

As TIC no ensino coa LOE (2006)

No ano 2006 publícase a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que derroga a anterior LOXSE. Nesta lei xa non se fala de novas tecnoloxías senón de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e en referencia a estas recolle no seu preámbulo que é necesario que a educación prepare adecuadamente para vivir na nova sociedade do coñecemento e poder afrontar os retos que disto derivan.

Na Comunidade Autónoma de Galicia os currículos do ensino obrigatorio están recollidos naquel momento no Decreto 130/2007, do 28 de xuño, que establece o da educación primaria, e o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, que regula as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria e introducen na normativa educativa os conceptos de competencia dixital e tratamento da información

A competencia dixital comporta facer uso habitual dos recursos tecnolóxicos dispoñibles para resolver problemas reais de modo eficiente. Ao mesmo tempo, posibilita avaliar e seleccionar novas fontes de información e innovacións tecnolóxicas, a medida que van aparecendo, en función da súa utilidade para acometer tarefas ou obxectivos específicos.

O tratamento da información e a competencia dixital implican ser unha persoa autónoma, eficaz, responsable, crítica e reflexiva ao seleccionar, tratar e utilizar a información e as súas fontes, así como as distintas ferramentas tecnolóxicas; tamén ter unha actitude crítica e reflexiva na valoración da información dispoñible, contrastándoa cando for necesario, e respectar as normas de conduta acordadas socialmente para regular o uso da información e as súas fontes nos distintos soportes

A normativa de educación primaria do ano 2007 establece que os centros docentes elaborarán e aplicarán o Plan de introdución das tecnoloxías da información e da comunicación que se axustará ás directrices que se publican nesta. Estas directrices aparecen recollidas da seguinte forma:

Enmarcada nas accións que se dispoñen na Lei orgánica de educación, e coa finalidade de que as TIC se incorporen como un recurso máis aos procesos de ensino-aprendizaxe, cada centro educativo deberá elaborar e incluír no proxecto educativo de centro un plan de introdución das tecnoloxías da información e da comunicación que implique un cambio metodolóxico e unha adaptación á realidade para o mellor aproveitamento das posibilidades que as TIC ofertan.

A aplicación das TIC ao traballo da aula convértese nunha peza clave na educación e formación das novas xeracións. A súa importancia social e o lugar preferente que ocupan xa na vida dos nenos e das nenas fai que deban estar presentes nos centros educativos, de modo que aqueles adquiran os coñecementos e habilidades necesarias para abordar con garantía de éxito a súa utilización nos contornos de aprendizaxe, familiares e de lecer.

Trátase de que o alumnado, ao rematar a escolarización obrigatoria, acade unha competencia dixital. Esta competencia consiste en dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información ata a súa transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización das TIC como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse.

Para que isto se poida poñer en práctica con garantía de éxito e de coherencia, resulta necesaria a creación dun plan de introdución das tecnoloxías da información e da comunicación no centro e na aula coa participación activa de todo o equipo docente que, unha vez aprobado, se incorporará á programación xeral anual de centro, e a súa avaliación, á súa memoria. Cada proxecto será único atendendo ás características e ás posibilidades que se poden acadar tendo en conta a situación xeográfica, o tipo de alumnado, a formación do profesorado e as infraestruturas dispoñibles.

Deseñaranse unhas pautas para realizar un seguimento e avaliación do plan, polo menos trimestral, polas persoas coordinadoras de ciclo e —en caso de existir— pola persoa coordinadora do plan, que determinarán, se é o caso, aspectos de mellora.

(Galicia, Decreto 130/2007, p. 11.759).

Na normativa do currículo de secundaria, tamén do ano 2007, atopamos a referencia no anexo VI ao Plan de integración das tecnoloxías da información e a comunicación que é exactamente igual ca o establecido para a etapa de educación primaria, coa a excepción da palabra “introdución” que en secundaria se cambia por “integración”.

En síntese, no ámbito curricular, xa non chega con “meter” as TIC na aula, hai que integralas no quefacer diario como un recurso didáctico máis tanto en mans do profesorado como en mans do alumnado (Raposo, 2002).

Na actualidade, a grande aposta do Goberno galego en materia de TIC no ensino é o Proxecto Abalar, vixente desde o ano 2010. O proxecto xurdiu con grandes expectativas e segue a ser ambicioso xa que busca maximizar o aproveitamento dos recursos e coordinar e impulsar un cambio no modelo educativo apoiado na formación do profesorado e a modernización do ensino. O obxectivo é a conversión dos colexios e institutos galegos en centros educativos dixitais coa finalidade de acadar a plena alfabetización das TIC entre a comunidade educativa, modernizar o sistema educativo galego, mellorar a calidade da ensinanza en Galicia e reducir o fracaso escolar.

Da integración do plan TIC á educación dixital

A Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, coñecida como LOMCE, vén modificar nalgúns aspectos a anterior LOE. Non introduce cambios no que á competencia dixital do alumnado se refire e si que, por primeira vez, se alude de forma superficial na normativa educativa á competencia dixital docente.

Unha das grandes propostas da LOMCE é intensificar o uso das TIC e para isto proponse:

  • A extensión do concepto de aula no tempo e no espazo: contornas virtuais de aprendizaxe.
  • A utilización compartida das plataformas dixitais e tecnolóxicas do Ministerio por administracións educativas, centros docentes, profesorado e alumnado.
  • A selección de recursos dixitais de calidade, e recoñecemento das achegas da comunidade educativa que cumpran certos requisitos de calidade.
  • O establecemento de estándares de interoperatividade.

O Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia comparten a mesma redacción en canto ao proxecto de educación dixital dos centros se refire. Desta forma, tanto o artigo 19, no caso do decreto de primaria, como o artigo 39, no caso do decreto de secundaria expoñen que:

1. A consellería con competencias en materia de educación promoverá o uso das TIC na aula como medio didáctico apropiado e valioso para desenvolver as tarefas de ensino e aprendizaxe.

2. Os contornos virtuais de aprendizaxe que se empreguen nos centros docentes sostidos con fondos públicos facilitarán a aplicación de plans educativos específicos, deseñados polos centros docentes para a consecución de obxectivos concretos do currículo, e deberán contribuír á extensión do concepto de aula no tempo e no espazo.

3. A consellería con competencias en materia de educación ofrecerá plataformas dixitais e tecnolóxicas de acceso para toda a comunidade educativa, que poderán incorporar recursos didácticos achegados polas administracións educativas e outros axentes para o seu uso compartido.

4. Os centros docentes que desenvolvan o currículo completo nun contorno dixital deberán establecer un proxecto de educación dixital que formará parte do seu proxecto educativo e deberá contar coa aprobación da consellería competente en materia educativa, segundo o procedemento que se estableza.

Conclusións

Logo do paso do tempo desde as primeiras políticas TIC no ensino, tanto no ámbito  estatal como autonómico, á vista de varios estudos revisados, e tomando como referente a investigación de Añel-Cabanelas (2015), podemos concluír que o marco normativo condiciona máis ben pouco as actuacións diarias dos docentes.

Foi, sen dubida, necesario que existisen as políticas que introduciron as TIC nos centros. O fornecemento de tecnoloxía e a súa actualización foron e deben seguir sendo obxectivos dos gobernos e motivo principal de investimento no ensino público.

Máis alá disto, o estudo da vida “útil” do Plan de integración das TIC, de obrigada existencia nos centros educativos entre os anos 2007 e 2015, lévanos a concluír que o verdadeiro cambio está en mans do profesorado. Tal e como indican datos relevantes do estudo, a existencia deste documento no centro non implica o aproveitamento das TIC na realidade das aulas.

É acertado vincular a metodoloxía docente mediada polas TIC coa calidade do ensino. Actualmente esta vinculación demóstrase a través da boa vontade do profesorado que, con autoformación, coñecemento, motivación e preocupación polo ensino, está ofrecendo actuacións innovadoras con excelentes resultados, independentemente do que a cambiante normativa estableza para os documentos do centro.

 


 

Bibliografía: 

 

 

AÑEL-CABANELAS, M. E. (2015). O Plan TIC no ensino obrigatorio: análise dun lustro. Tese. Universidade de Vigo.

ÁREA, M.; SANABRIA, A. e VEGA, A. (2013). “Las políticas educativas TIC (Escuela 2.0) en las comunidades autónomas de España desde la visión del profesorado”. Campus Virtuales, 1, II. Revista Científica de Tecnología Educativa [en liña]. [Ref. do 8 de marzo de 2015]. Dispoñible en: http://goo.gl/qhiahJ

CID, T. E PATO, S. E. (2013). “Proyectos de integracion de las TIC en el sistema educativo gallego: revisión histórica y situación actual (25-46)”, en VARIOS (2013) (coords.), As TIC no ensino: políticas, usos e realidades. Santiago de Compostela: Andavira.

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA. Balance Abalar 2010-2014. Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica) [en liña]. [Ref. do 17 de marzo de 2015]. Dispoñible en: http://goo.gl/WNQWZC

ESPAÑA. Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), Boletín Oficial do Estado, 106.

ESPAÑA. Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, Boletín Oficial do Estado, 295.

GALICIA. Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 132.

GALICIA. Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 136.

GALICIA. Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 171.

GALICIA. Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 120.

RAPOSO, M. (2002) Novas tecnoloxías aplicadas á educación: aspectos técnicos e didácticos. Vigo: Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.

RAPOSO, M.; MARTÍNEZ, M. E. e PÁRAMO, M. B. (2013). “De la era de dotación a la de participación en las políticas TIC españolas (9-24)”, en VARIOS (2013) (coords.), As TIC no ensino: políticas, usos e realidades. Santiago de Compostela: Andavira,.

TILVE, M. D.; GEWERC, A. e ÁLVAREZ, Q. (2009) “Proyectos de innovación curricular mediados por TIC: un estudio de caso”, Revista Latinoamericana de Tecnología Educativa, (8: 1), pp. 65-81.

Sección: