Fasquía

Un proxecto fotográfico comunicativo e horizontal
Nestes tempos tan acelerados onde parece que todo se mide en resultados rápidos e innovadores, consideramos necesario facer unha reflexión sobre os principios metodolóxicos que sustentan a nosa profesión e formación. Por iso presentamos as nosas conclusións de Fasquía, un traballo fotográfico desenvolvido no marco dos programas Proxecta, no que as tecnoloxías se puxeron ao servizo dun proceso de ensinanza- aprendizaxe onde o diálogo foi o piar básico.

Andrea Herrero, profesora de Lingua e Literatura Española no IES Praia de Barraña (Boiro)
Berta Gómez, profesora de Francés no IES A Cachada (Boiro)
sonandreaherrero@gmail.com
 

 

Que é Fasquía?

Fasquía é un termo empregado na carpintería de ribeira para referirse á estética do barco,“ter ou non ter boa fasquíadin os mariñeiros por aquí. Pero para nós Fasquía tamén lle dá nome a unha experiencia didáctica e persoal marabillosa que se desenvolveu no marco de Fotografía en curso 2015-2016 (un dos Plan Proxecta promovidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e coordinado polo CGAI), da man dun grupo de quince estudantes de cuarto da ESO do IES A Cachada de Boiro.

Desenvolvendo a idea

Sabiamos que o obxectivo de Fotografía en curso é, ademais de dar a coñecer o valor artístico e cultural da fotografía e do patrimonio fotográfico contemporáneo, fomentala como ferramenta para redescubrir e darlle a coñecer ao mundo as contornas dos centros participantes, así que decidimos elaborar un proxecto que nos permitise participar no programa. A idea partiu do desexo de poñer en valor algo que para os nosos estudantes é tan cotián como identificativo: a construción de embarcacións. Quixemos dar a coñecer un estaleiro, pero non un calquera, un onde a modernidade e a tradición van da man: os Asteleiros Triñanes. Aquí conviven a carpintería de ribeira co poliuretano. Retratar un espazo coma este suporía unha homenaxe a parte da memoria colectiva de Barbanza.

Cumprindo obxectivos etapa a etapa

O proxecto gustou e foi un dos dous seleccionados na modalidade na que contabamos cos obradoiros dun fotógrafo profesional, neste caso, José Caruncho. E entón todo comezou. A práctica do proxecto estruturouse inicialmente en tres etapas:

Unha primeira, de outubro a marzo, con dous obxectivos: aproximarse á linguaxe fotográfica e crear textos fotográficos e/ou lingüísticos. Para iso, combinamos clases expositivas sobre teoría e historia da fotografía cunha serie de prácticas fotográficas e de creación lingüística individuais e colectivas con diferentes ferramentas (dispositivos móbiles, cámaras, blog do Proxecta...) e dinámicas (composicións poéticas narracións, textos expositivos a partir de fotografías propias ou alleas...). A dinámica consistía en:

  • 1) ver fotografías do patrimonio contemporáneo
  • 2) facer fotografías atendendo a unha característica formal e unha temática, por exemplo, fotografías de espazos baleiros con amplitude de campo
  • 3) crear textos vinculados a algunha das imaxes vistas ou feitas.

Moraima na práctica de espazos baleiros

 

As fotografías e os textos eran nomeados e titulados por cada estudante e gardados en arquivos en liña compartidos. Pero, chegados a este punto, xa sentiron a necesidade de lle ensinar as súas creacións ao resto, aos que non participaban en Fasquía, e decidimos utilizar unha rede social para ver como nos sentaba a mirada dos demais.

Unha segunda etapa, de marzo a xuño, na que coa colaboración do fotógrafo José Caruncho xa entramos na realización concreta do proxecto, de Fasquía. Con el (o seu equipo fotográfico e o noso) saímos fotografar ata obter o bruto necesario para facer a escolma das cincuenta fotografías que formarían parte da exposición que o CGAI nos requiría como punto final do proxecto. Nesta etapa xa comezamos a traballar coas fotografías impresas e con cartolinas coas que simulabamos as paredes da sala de exposicións do Concello de Boiro.

O grupo con José Caruncho na segunda sesión nos Asteleiros Triñanes

 

A terceira etapa desenvolveuse no mes de xuño e consistiu na preparación da exposición (conversas co Concello de Boiro para cubrir necesidades loxísticas, deseño da cartelería, anuncio a medios...). Para todo isto, o grupo dividiuse en equipos de traballo con tarefas e temporizacións moi concretas. Só quedaba a inauguración e para isto sumamos as familias, que participaron na elaboración do cátering da gratificante inauguración da que deu noticia a TVG e que resultou un éxito.

Pero Fasquía non rematou aquí. A forza deste estupendo grupo de estudantes impulsounos a comezar unha campaña de micromecenado para a edición dun libro coas cincuenta fotografías das máis de duascentas disparadas. Conseguímolo.

A estratexia pedagóxica

Por todo, Fasquía foi moito máis ca un proxecto de innovación didáctica. Detrás de Fasquía hai razóns e emocións que explican o noso xeito de entender a educación. Fasquía foi unha viaxe ética e estética onde a fotografía, en tanto que manifestación artística, protagonizou unha estratexia pedagóxica que nos permitiu, ademais de aproximarnos a unha linguaxe, que non por utilizada era coñecida, traballar principalmente a emoción, a comunicación e a reflexión. Tamén loitar contra o ritmo frenético dunha sociedade obsesionada por acadar resultados visibles e cuantificables, unha sociedade que deixa nun segundo plano o proceso de aprendizaxe no que establecemos ese diálogo interno que nos permite descubrir o noso potencial, os nosos límites e a nosa contribución ao grupo, á comunidade.

A fotografía permitiunos recuperar un ritmo de aprendizaxe que criamos perdido, un ritmo mesmo un chisco artesanal e poético. Para isto foi necesario algo máis ca a fotografía, xa que esta en si mesma non proporciona pausa, é evidente que o individuo moderno dispara e consome imaxes de xeito compulsivo. Así que, a esta minoración no ritmo de aprendizaxe da que falamos, contribuíron tamén outras características do proxecto.

A primeira delas ten que ver coa motivación do grupo. Calquera dos estudantes sabía que involucrarse neste proxecto implicaba un compromiso en tempo e enerxía. Sabía que habería que botar horas máis alá das clases e estas non reportarían beneficios académicos cuantificables. Non ía ser fácil. Aínda así, contabamos cun aliado que cada vez está máis desaparecido das aulas: o interese do estudante polo estudado. Unha ausencia terrible en calquera proceso de ensinanza-aprendizaxe contra a que se loita diariamente nas aulas. Afortunadamente, contabamos coa fotografía como motivación- motor do noso alumnado. E nós, como docentes, cun marco onde desenvolver un proceso educomunicativo co que acadar diferentes obxectivos máis alá da descodificación automática das imaxes ou de sabermos utilizar as cámaras. Utilizamos o termo “educomunación” no sentido que recolle a UNESCO (isto é, educar no dominio dos medios e linguaxes para e emisión de imaxes e, tamén, para fomentar a súa recepción crítica), pero insistindo especialmente nas ideas defendidas, no modelo autoxestionario de Kaplún ou, por suposto, nas ideas de Roberto Aparici sobre a alfabetización 2.0.

Este interese pola fotografía funcionou tamén como forza democratizadora que obviaba o expediente académico de cada un dos quince e, con el, moitas inseguridades e complexos. De súpeto, as persoas que non sempre destacan na aula sorprendíanse co aplauso dos seus iguais e cos seus propios descubrimentos. Chega entón o autocoñecemento e a autoestima.

Parte do grupo enmarcando as fotos seleccionadas

 

Outra característica inherente ao proxecto vincúlase á autoxestión. Aínda que o proxecto tivo que axustarse a certas dinámicas, obxectivos e prazos establecidos desde o CGAI (xestor do Plan Proxecta Fotografía en curso), estes eran suficientemente amplos como para poder marcar os nosos propios tempos e contidos. Neste espazo de liberdade e poñendo en común os nosos intereses e límites, o grupo, coordinado por nós, estableceu o plan que se ía seguir sen imposicións, nun diálogo horizontal. O grupo era protagonista dun proxecto que se autoxestionaba e iso foi, ademais dunha responsabilidade, unha ferramenta para utilizar nos momentos nos que a fatiga puxo en risco a vontade de traballo do equipo.

No deseño do plan só tiñamos un condicionante: calquera decisión do grupo tiña que contribuír á montaxe dunha exposición, a oito meses vista, do traballo feito —a idea desta publicación apareceu despois—. Esa era a meta proposta polo CGAI e o grupo asumiuna porque parecía posible. Semella unha obviedade, pero para nós é sumamente relevante marcarnos obxectivos factibles, adquirir só compromisos asumibles contribúe á motivación e a non caer no desánimo. Tiñamos tempo para pensar que queriamos contar coas nosas fotos, como, cando, cantas, onde expoñelas. Esta amplitude no ciclo de aprendizaxe que non de estudo permitiunos, ademais de divertirnos (o famoso docere et delectare), reflexionar e experimentar as diferentes etapas dos procesos creativos e non centrarnos unicamente na elaboración.

Cremos importante tamén que, para valorar a fotografía como expresión artística e como oficio, era imprescindible reflexionar sobre a idea tan errada de que facer fotos nos converte automaticamente en fotógrafos. Xa que logo, traballamos coas fotografías doutros, profesionais e afeccionados, reflexionamos sobre a súa forma e contido, sobre o discurso que as mantiña e, por suposto, fixemos as nosas propias instantáneas, despois de pensármolas moito. Aprendemos a valorar a fotografía e a valorarnos a nós. Chegou a autoestima.

Mais no desenvolvemento do proxecto apareceu un problema. O grupo non apreciaba a súa contorna: consideraban que nada era fotografable, demasiado cotián. Tocou así loitar contra a idea preconcibida de que as fotos bonitas, como as novelas ou as películas, o son pola mera beleza do contido. Para o grupo, Boiro, máis alá dos solpores e dalgún pazo abandonado, non merecía ser fotografado. Houbo que loitar contra esa mirada negativa que lles provoca o cotián. Despois de varias sesións, de forzarse a redescubrir o xa coñecido, temos a impresión de que este prexuízo foi superado.

Facer fotos permitiunos, así mesmo, traballar para o cumprimento dun obxectivo que, como docentes, nos parece básico. Trátase de educar na autoesixencia, na mellora, na cultura do esforzo. Transmitirlles que non todo sae ben da primeira volta e que, unha vez máis, a pausa e a reflexión sobre o traballo son unha ferramenta indispensable para acadar calidade. Polo tanto, despois dunha primeira sesión nos Asteleiros Triñanesescenario do noso proxecto— e logo de ver as fotos, volvemos aos estaleiros querendo suplir as carencias que detectamos para mellorar o resultado. Trátase de revisar, de reescribir, de repousar.

Revisando as fotografías na segunda visita ao asteleiro

 

Entón chegou a hora de seleccionar os brutos do noso proxecto e, con esta etapa, puxéronse en marcha diferentes dinámicas. Algunhas, como as que supón o traballo en equipo presentes desde o inicio, intensificáronse e xurdiron outras de natureza case contraria, individuais. É dicir, a partir deste diálogo-a-tres entre o suxeito, o obxecto e o espectador que establece a fotografía, evidenciouse a diversidade das nosas olladas, a multiplicidade da realidade. Detrás das súas cámaras, cada un dos quince foi descubrindo o seu estilo; unha mirada que os outros tamén recoñecían, respectaban e valoraban. A soidade da fotografía garantiu ese diálogo emocional e reflexivo entre o eu, a realidade e posicionamento do fotógrafo no mundo. A fotografía estáballe permitindo ao grupo establecer unha comunicación non verbal cos conflitos internos de cadaquén e dalos a coñecer aos outros. Conflitos como enfrontarse á desigualdade dos dispositivos (cámaras réflex, compactas, móbiles), ao medo a non estar á altura, a amosar o traballo propio e someterse a xuízo, e mesmo a emitir xuízos negativos. Estabamos a falar entre nós e con nós sen palabras, con imaxes.

Cartel da exposición

Conclusións

Isto foi Fasquía, un diálogo íntimo e colectivo coa nosa contorna, unha conversa pausada coa realidade cotiá duns estaleiros a través dos ollos de quince persoas na súa adolescencia. Foi un diálogo tan gratificante como revelador. Fasquía supuxo para nós como docentes a constatación da urxente revisión dos principios metodolóxicos que sustentan a nosa profesión e formación nestes tempos tan tecnolóxicos como acelerados. Pensamos que é imprescindible preguntarse se a incorporación e uso destas ferramentas tecnolóxicas e a inmediatez e rapidez que lles son inherentes está supoñendo o necesario cambio de modelo que se require ou se son maquillaxe. Tras Fasquía podemos afirmar que unha experiencia baseada nun modelo comunicativo, coa autoxestión, participación e horizontalidade como piares, funciona.

 

 

Bibliografía: 

 

 

APARICI, R. (Coord.) (2010): Educomunicación: más allá del 2.0. Barcelona: Gedisa. KAPLÚN, M. (1998): Una pedagogía de la comunicación. Madrid: Ediciones de la Torre.

KAPLÚN, M. (1998): Una pedagogía de la comunicación. Madrid: Ediciones de la Torre.

Sección: