Iniciándonos nun PDI por medio de webquest

Aínda que de entrada poida parecer que unha webquest non ten cabida dentro dun apartado de innovación educativa, con este traballo tratamos de xustificar o destacado protagonismo que estas poden chegar a desenvolver na mellora da calidade educativa ao facilitarnos a inclusión e adaptación de novas metodoloxías no ensino.

María Sánchez Seco
Mestra de educación primaria no CEIP As Mercedes de Ourense
mariasan@edu.xunta.es

Norberto Blanco Dorrío
Mestre de Pedagoxía Terapéutica no CEIP Manuel Sueiro de Ourense
nbdorrio@edu.xunta.es

 

Traballo realizado nunha licenza de formación no curso 2014/15

 

Contextualización

As novas metodoloxías educativas propoñen que o alumnado sexa o artífice e creador da súa propia aprendizaxe, é dicir, que pase a ter un papel activo nesta. A aprendizaxe baseada en proxectos céntrase en conceptos e principios dunha disciplina e implica o alumnado en investigacións e pescudas para a resolución de problemas permitindo que sexa este, de xeito autónomo, o construtor do seu propio coñecemento.
Nós, influenciados polas achegas da mestra Rosa Piquín, entendemos que unha boa maneira de iniciarse no traballo por proxectos é a través da realización de webquest (Piquín, 2012), que veñen ser pequenos proxectos documentais integrados que consisten en investigacións guiadas, onde o alumnado non perde tempo buscando información na rede xa que lle facilitamos as fontes coas que ten que traballar.
Ao traballar deste xeito estamos a desenvolver no alumnado habilidades e capacidades cognitivas de alto nivel, tales como coñecemento, comprensión, aplicación, análise, resumo, avaliación… Así desterramos dun xeito moi doado o famoso “corta e pega” que tanto dano ten feito no proceso de aprendizaxe do alumnado.
Por outra banda, esta forma de traballar é idónea para sacarlle maior rendemento aos miniportátiles das aulas Abalar, con tarefas que vaian máis alá da realización de actividades e xogos interactivos. Con estas investigacións na rede, guiadas polo profesorado, a competencia dixital do alumnado vai ser mellorada.
Non se nos escapa que moitos docentes pensan que as webquest son instrumentos metodolóxicos xa desfasados, debido ao tempo que levan introducidos na educación. Nós, pola contra, pensamos que este instrumento está máis en auxe ca nunca e que ten un gran potencial educativo xa que nos permite introducir no proceso educativo, dun xeito organizado e controlado, practicamente todas as novas metodoloxías educativas: aprendizaxe baseada en proxectos, intelixencias múltiples; aprendizaxe baseada en problemas; gamificación; flipped classroom, realidade aumentada… O seu emprego vai depender da capacidade e imaxinación do mestre.
No curso 2014/15 realizamos un curso para Moodle que consta de doce unidades, que se corresponden coas conmemoracións que a Consellería de Educación indica na orde do calendario escolar da educación non universitaria que, como mínimo, se realizarán nos centros escolares e que tamén aparecen reflectidas no novo currículo para educación primaria como “elementos transversais”. Decantámonos pola elaboración deste material despois de constatar que non había nada parecido no espazo Abalar. Asemade engadimos catro unidades máis que abranguen a celebración do Magosto, Entroido, Samaín e Nadal. Todas elas son accesibles desde o espazo Abalar e desde a aula virtual do CEIP Manuel Sueiro.
O curso non é pechado nin está completo, está pensado para que o profesorado o amplíe e modifique segundo as súas necesidades na aula xa que está licenciado como Creative commons BY-SA. Todas as webquest levan o arquivo fonte realizado con eXeLearning, ferramenta de autor moi fácil de empregar, que nos permite colocar as webs creadas na aula virtual do centro dun xeito moi doado.

Ligazón ás webquest no repositorio Abalar

O papel fundamental que xoga o profesorado nesta metodoloxía de traballo será o de guía, axudando o alumnado a completar as webquest de forma óptima segundo as capacidades e destrezas de cadaquén.

Obxectivos

Como obxectivos xerais deste traballo perseguimos os seguintes:

  • Alfabetizar integrando múltiples linguaxes e fontes de información.
  • Ser capaz de realizar un traballo de investigación
  • Desenvolver a capacidade creativa para plasmar a información recollida nas WQ.
  • Usar as TIC na aula, manexando algunhas funcións propias do sistema operativo, Internet a nivel de usuario, empregar programas de edición…
  • Ser quen de pór en liña os traballos realizados.

Os obxectivos específicos que se traballan ao longo destas webquest son os correspondentes aos elementos transversais do currículo de educación  primaria e que se detallan en cada unha delas.

 

Metodoloxía

A metodoloxía na que se fundamenta este traballo é construtivista, onde o alumnado é o artífice e creador da súa propia aprendizaxe, é dicir, que pasa a ter un papel activo nela. Asemade, como as webquest propostas son como pequenos PDI (proxectos documentais integrados) fai que tamén se fundamenten na metodoloxía da aprendizaxe baseada en proxectos, implicando o alumnado en investigacións e pescudas para a resolución de problemas relacionados cos contidos das disciplinas, e permitindo que sexa este, de xeito autónomo, o construtor do seu propio coñecemento.
A nosa sociedade precisa un tipo diferente de alfabetización que integre multitude de linguaxes e fontes de información dispoñibles (Piquín, 2012).

 

Estrutura

O curso completo de Moodle está organizado en dezaseis unidades sobre as conmemoracións que recomenda realizar nos centros a Consellería de Cultura e Educación. Asemade, tamén se achega unha unidade inicial onde se ofrece a guía didáctica e instrucións para traballar no curso.
Cada webquest consta dos seguintes elementos:

  • Portada: cunha imaxe alegórica e os datos de identificación das WQ.
  • Introdución: nela propomos de xeito claro, breve e “motivador” retos e enigmas que animen o alumnado a realizar o traballo de educación documental.
  • Tarefa: neste apartado concretamos o que o alumnado terá que facer coa información obtida. Describimos claramente cal é o produto final que se quere realizar.
  • Proceso: aquí especificamos todo o que o alumnado ten que facer, cando debe facelo e como debe facelo. Asemade, incluímos os recursos e ligazóns necesarias, así como as ferramentas e axudas que se precisen para realizar a tarefa final. Tratamos de que os recursos sexan atractivos e actualizados. De non existir, nós mesmos os creamos e publicamos na web do noso centro.
  • Avaliación: establecemos unha rúbrica de avaliación que o alumnado coñecerá antes de realizar o seu traballo. Incluímos tamén unha autoavaliación que deberá realizar o alumnado.
  • Conclusión: neste apartado invitamos á reflexión sobre o traballado e aprendido. Del xurdirán novas ideas para desenvolver outros proxectos.
  • Créditos: facemos referencia ao creador deste modo de traballo, Bernie Dodge, e ligamos á súa web. Agradecemos os asesoramentos e colaboracións que tivemos. Por último, facemos referencia a todo o material utilizado tanto de Internet como doutros sitios. Tamén facilitamos o arquivo elp de eXeLearning para que o profesorado usuario destes traballos os poida adaptar ás súas necesidades.

Guía didáctica: neste apartado reflectimos os obxectivos curriculares; os diferentes contidos; as competencias clave; a temporización; os recursos complementarios; a organización de tempo e o espazo...

Alumnado pescudando información

 

Avaliación

En cada webquest, describímoslle ao alumnado como se avaliará o seu traballo e o produto final realizado.
Esta ferramenta permítenos medir o traballo do alumnado mediante unha gran diversidade de criterios graduados. Estes criterios de avaliación son coñecidos polo alumnado antes de comezar a realizar as tarefas. Deberemos recordarlles que lean o apartado de “Avaliación” da webquest antes de comezar a realizar as tarefas.

Táboa 1. Rúbrica de autoavaliación

 

Ademais do traballo individual, avaliaremos o funcionamento do traballo en grupo e de todo o proceso de realización da webquest.
Unha vez presentados os traballos na aula, avaliarase:

  • Traballo en equipo: capacidade do alumnado para levar a cabo a tarefa traballando en grupo.
  • Elaboración do material: avaliarase tamén o resultado do traballo.

Exemplo de rúbrica dunha webquest

 

Consideracións finais

O presente traballo non está pechado nin finalizado, de feito pretende que o profesorado usuario deste o amplíe e modifique segundo as súas necesidades. Esa é a razón de que incluamos nel un titorial de realización de WQ que facilite a creación de novos materiais para o alumnado.
Para rematar, enlazamos a unha das últimas webquest traballadas co noso alumnado na que se pode ver como nela teñen cabida novas metodoloxías como o móbil learning e ferramentas TIC como as de realidade aumentada.
Esta caza do tesouro sobre a Lenda da Lagoa de Antela (entrar como convidado na aula virtual para vela) foi elaborada para traballar a lectura comprensiva co alumnado da aula de apoio, aínda que tamén se puxo en práctica con outro alumnado na Hora de Ler. Sobra dicir que o achegamento do alumnado á realidade aumentada foi moi motivador para todos eles. Para nós é moi gratificante ver como o alumnado ten un subidón de autoestima ao sentirse o verdadeiro artífice e protagonista da exposición das carteis no corredor da biblioteca. Ver como expoñen facilmente os seus traballos, a través dun pequeno cartel, ten para eles un aliciente moi especial ao sentir as reaccións de asombro que os membros da comunidade educativa mostran sobre o seu traballo.

 

 

Exposición dos produtos finais elaborados na webquest

Nós, en todas as webquest, presentamos no apartado de “Conclusións” unha serie de ligazóns a actividades interactivas de lecer para que o alumnado que vai rematando a tarefa proposta siga traballando e non despiste e moleste o que aínda está traballando. Nesta ocasión elaboramos un LIM sobre a lenda con material aportado polo propio alumnado.

 

LIM sobre a Lenda da Lagoa de Antela

Para finalizar, comentámosvos que, unha vez que o alumnado se teña familiarizado con esta forma de traballar, o labor do profesorado será exclusivamente de guía do proceso e dedicarase, fundamentalmente, a resolver dúbidas e atrancos cos dispositivos electrónicos. O alumnado familiarízase rapidamente con esta forma de traballar.

 

Bibliografía: 

 

 

PIQUÍN CANCIO, R. (2012): Proyectos documentales integrados. Plamplona. Fondo publicaciones Gobierno de Navarra (1.ª ed.).