Experiencia lectora nun centro penal

Preséntase a experiencia do club de lectura da EPAPU Nelson Mandela do Centro Penal da Lama, que se iniciou no curso académico 2015/16. Detállanse os seus obxectivos e refírese o seu funcionamento, a través do cal se procura abordar cuestións vinculadas coa lectura, a literatura e a cultura en xeral, á vez que acolle un espazo de reflexión e convivencia.

Eulalia Agrelo Costas
EPAPU Nelson Mandela (A Lama-Pontevedra)
eagrelo@edu.xunta.es

 

A EPAPU Nelson Mandela sitúase no Centro Penal da Lama (Pontevedra) e forma parte da rede de centros educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Os máis de cincocentos alumnos que acolle cada ano académico repártense nas seguintes modalidades formativas: español para estranxeiros, consolidación de ensinanzas básicas iniciais (nivel 1 —albafetización— e nivel 2 —primaria—), educación secundaria para adultos e bacharelato (modalidade semipresencial). Este alumnado é maioritariamente masculino e defínese pola súa heteroxeneidade, debido a que procede de máis de corenta nacionalidades diferentes e ten unha formación académica moi dispar.

En contextos de encerro, a escola funciona coma unha institución dentro doutra, o que supón conxugar prácticas e marcos formativos entre o sistema penal e o sistema educativo con lóxicas de funcionamento diferentes. Neste sentido, Gladys Susana Blazich (2007) indica que o primeiro se asenta no castigo e na disciplina, base do dereito penal e as prisións, mentres que o segundo parte da lóxica do desenvolvemento integral dos suxeitos, base da educación. A relación entre estes dous sistemas adoita ser complicada, malia ser innegable a relevancia das accións educativas para a rehabilitación do preso e a súa posterior reinserción social.

Co propósito de favorecer o proceso resocializador dos internos, creouse un club de lectura na EPAPU Nelson Mandela coa axuda achegada pola citada consellería para esta finalidade. É esta unha iniciativa a través da cal achegarlles as posibilidades formativas da lectura e facelos partícipes da súa capacidade para fomentar valores, propiciar as relacións interpersoais e estimular as emocións e a afectividade tan necesarios nun centro educativo instalado nunha prisión. Un enclave que determina unha valorización aínda maior da capacidade terapéutica da lectura por crear espazos de liberación pois, como apunta Michèle Pètit en ¿Para qué sirve leer?:

Leer, o escuchar leer en voz alta, sirve para abrir esos espacios, todavía más a aquellos que no disponen de ningún territorio personal. En contextos violentos, una parte de ellos escapa a la ley del lugar, se abre un margen de maniobra. Porque lo que describen cuando evocan esa salida fuera de la realidad ordinaria provocada por un texto no es tanto una huida, como se dice a menudo de manera desprecitativa, como un salto hacia otro lado donde la fantasía, el pensamiento, el recuerdo, la imaginación de un futuro llegan a ser posibles (Pètit, 2015, p. 51).

A nosa proposta lectora vertebrouse por medio da educación literaria, entendida como unha metodoloxía de traballo que permite alcanzar saberes culturais, literarios e sociais, de xeito que contribúan ao intertexto individual do lector e á súa activación ante a lectura dunha obra literaria (Roig, 2013). A partir desta metodoloxía, establecéronse seis obxectivos fundamentais: educar desde a literatura; fomentar o hábito lector; apreciar a lingua, a literatura e a cultura de Galicia; propiciar a reflexión e o debate; favorecer actitudes de participación, convivencia, tolerancia, colaboración e respecto; e promover valores conducentes á formación de cidadáns inclusivos, sobre todo, aqueles incluídos por S. H. Schwart (1992, 2001) nos tipos motivacionais do universalismo (comprensión, tolerancia, igualdade, solidariedade, protección do medio, paz e xustiza) e a benevolencia (honestidade, amizade e responsabilidade).

Esta experiencia lectora constou de tres fases que se desenvolveron entre os meses de novembro de 2015 e xuño de 2016, a través dunha sesión de periodicidade quincenal fixada das 16:30 ás 19:00 horas. Na primeira das fases conformouse un grupo lector de trinta alumnos, ao que se lle explicou o funcionamento do club de lectura e presentou o fondo da biblioteca do centro educativo e da biblioteca central da prisión. As seguintes sesións desta fase exploratoria, que concluíu no mes de decembro, orientáronse ao coñecemento dos participantes a través das súas lecturas. Isto permitiu crear un espazo desde o que exteriorizar o eu, amais de tender pontes cara ao outro, porque o comentario das obras literarias contribúe a desvelar puntos de unión e distanciamento entre as persoas.

Con esta exposición sobre os seus hábitos e gustos como lectores, evidenciouse que a maioría lía só obras en lingua castelá e case sempre títulos inscritos baixo a etiqueta de best-seller. Estas intervencións acompañáronse da lectura de textos literarios para perfilar con máis detalle o seu gusto lector e descubrirlles outras lecturas, desde as que convidalos a entrar en obras de referencia e arrequecer o seu intertexto lector (Mendoza, 2001), co obxectivo de mellorar a súa competencia literaria para vincular a actividade de recepción coas peculiaridades do discurso literario.

Este exercicio prospectivo revelou a disparidade do seu nivel lector e referentes literarios, polo que se descartou a opción “do libro único” e se optou por recorrer ás constelacións literarias propostas por Guadalupe Jover (2009) para fixar unha axeitada selección literaria. A partir dunha unidade temática deseñouse un itinerario de lecturas aberto que conxugase textos actuais e clásicos de distintos ámbitos lingüísticos, así como de diferente extensión e dificultade lectora. Isto complementouse cunha serie de actividades que propiciou a interrelación de saberes conducentes á habilidade lectora, á elaboración de inferencias, á ampliación de coñecementos e á interacción entre os integrantes do grupo.

A segunda fase xirou ao redor da constelación literaria do medo e do misterio por seren temáticas do seu agrado. O seu corpus acolleu obras de calidade literaria e de diferente complexidade lectora, que estivesen publicadas en castelán ou galego. Os títulos seleccionados foron: Cuentos 1 e Cuentos 2 (castelán)/O escaravello de ouro e outros contos (galego), de Edgar Allan Poe; Los mitos de Cthulhu (castelán)/Relatos de terror e relatos fantásticos (galego), de Howard Phillips Lovecraft; Drácula (castelán e galego), de Bram Stoker; Dr. Jekyll and Mr. Hyde (castelán)/Dr. Jekyll and Mr. Hyde ou o eterno prometeo (galego), de Robert Louis Stevenson; e Frankestein (castelán e galego), de Mary Shelley.

Estas obras presentáronse coa achega de información relativa á biobibliografía dos seus autores, que se ilustrou con imaxes, así como cunha exposición do seu argumento para incentivar a chamada á lectura. En función do seu nivel de comprensión lectora, aconsellóuselles unha obra completa ou unha escolma de relatos. Nos seguintes encontros, á vez que fluía o intercambio de lecturas, abordábase cada unha das obras desde múltiples perspectivas —os paratextos, asunto, tema, modalidade textual, partes que había que destacar, lectura de fragmentos escollidos...—, ademais de formulárense cuestións encamiñadas á interpretación e valoración estética das obras. Neste sentido procurouse estimular o intertexto lector para favorecer a aparición de conexións discursivo-textuais e receptivo-comprensivas para promover a construción de significado e a comprensión-interpretación (Mendoza, 2001).

Ao observarse certo rexeitamento cara ás obras escritas en galego, fíxose unha aproximación á historia da lingua galega e ao conflito lingüístico, amais de incidirse na súa rica literatura. Para seducilos a entrar nela, recorreuse a un título xuvenil, que podería ser considerado un deses libros anzol que teñen como meta “pescar lectores” para lograr progresivamente “lectores formados y críticos” (Cassany, Luna e Sanz, 1994, p. 508). Tratábase de Cartas de inverno, que Agustín Fernández Paz escribiu influenciado polos clásicos do misterio e do terror, pero desde un universo compositivo repleto de galeguidade. A lectura desta historia de terror psicolóxico demostroulles que tiñan competencia suficiente para ler en galego e que, desde esta lingua, tamén se escribían atractivas narracións de calidade. Por petición deles, introducíronse outras pezas narrativas de Fernández Paz da mesma temática —Aire negro, Tres pasos polo misterio, As fronteiras do medo e A neve interminable—, ademais doutras como Á lus do candil, de Ánxel Fole; Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao e Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.

Estas ficcións tamén motivaron unha viaxe imaxinaria por toda Galicia a través dun gran mapa, no que se situaron as diferentes escenas e lugares recreados, actuando como guía o alumnado procedente ou coñecedor dese enclave. A aparición de seres estraños, dos petróglifos e outras mostras arqueolóxicas, de referentes culturais galegos etc. levounos a abordar cuestións relativas á riqueza material e inmaterial de Galicia, especialmente, aquela anoada ás crenzas, saberes, restos... máis antigos e ancestrais. Para isto servíronse sobre todo de recursos tradicionais (mapas, enciclopedias, revistas...), debido a que o emprego das novas tecnoloxías é moi reducido e non hai acceso a Internet nas aulas.

Os encontros lectores dos meses de xaneiro e marzo complementáronse coa proxección dos filmes de misterio El último escalón, de David Koepp e Trece badaladas, de Xavier Villaverde, que permitiron afondar en aspectos xa analizados a través das obras literarias e fixarse nas similitudes e desemellanzas que ofrecen estes dous medios artísticos para captar e influír no lector/espectador. Tamén houbo internos que levaron esta experiencia lectora ao terreo creativo e realizaron trísceles, marcapáxinas e caixas con motivos celtas, alén de pequenos textos literarios.

Na terceira fase procurouse unha maior implicación do alumnado no deseño da seguinte constelación literaria que xirou ao redor da Guerra Civil española. Iniciouse coa lectura dos relatos “A lingua das bolboretas”, “Un saxo na néboa” e “Carmiña”, da colectánea A lingua das bolboretas, de Manuel Rivas, á que lle seguiu a proxección da película homónima de José Luis Cuerda. Tras referírmonos á refundición deses tres relatos na súa versión fílmica, abordáronse aqueles aspectos alusivos ao conflito do 36 que neles se recollían e que foron amplificados por un relatorio impartido por un traballador ocupacional do cárcere, especialista en historia, que se apoiou en diversas fontes gráficas e audiovisuais.

A partir dos contidos abordados nas sesións previas, o profesorado e o alumnado configuraron unha constelación literaria asentada nas seguintes obras galegas —Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro; Os mortos daquel verán, de Carlos Casares; As rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello; O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas; Non hai noite tan longa, A viaxe de Gagarin, Noite de voraces sombras e Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz; e Lola Touza, de Vicente Piñeiro— e casteláns —Los girasoles ciegos, de Alberto Méndez; Las bicicletas son para el verano, de Fernando Fernán Gómez; Por quien doblan las campanas, de Ernest Hemingway; La forja de un rebelde, de Arturo Barea; e Soldados de Salamina, de Javier Cercas—.

Realizouse unha aproximación ao seu contido e orientouse a súa asignación para que procedesen á lectura individualizada. Nas seguintes sesións atendeuse á tipoloxía textual, peculiaridades formais e recursos expresivos destas obras, ademais de propiciarse a elaboración de hipóteses de significado e a creación de inferencias. Nesta ocasión resultou moi fecunda e proveitosa a activación de saberes a través do recoñecemento de feitos ou personaxes históricos recreados nas ficcións e mesmo da referencia a mostras literarias e culturais dos tempos da Segunda República, especialmente, a aquelas vinculadas co movemento galeguista prebélico. A necesidade de iluminar certos aspectos tratados nas historias requiriu a incorporación doutros materiais, entre os que destacaron as epístolas recollidas por Xesús Alonso Montero en Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), artigos de prensa da época, proxeccións de breves documentais etc. O alumnado de bacharelato e aquel afeccionado a temas históricos fixeron incluso exposicións orais sobre aspectos e capítulos puntuais da guerra fratricida do 36 (A batalla do Ebro, falsidades sobre a figura de Franco, o instrumental bélico...). Foron unhas sesións apaixonantes sobre un dos capítulos da historia de España, do que tiñan unha idea vaga e pouco definida e a partir do cal se afianzaron valores relativos ao respecto da diferenza, á tolerancia e á paz.

Para o desenvolvemento desta experiencia lectora foi clave a implicación do profesorado pola súa función mediadora, é dicir, por ser esa ponte de enlace entre os libros e os lectores que favorece e facilita o diálogo entre ambos (Cerrillo, Larrañaga e Yubero, 2003, p. 29). Un labor que adquiriu unha maior importancia por situarnos nun contexto remiso á lectura, no que o mediador pode detectar problemáticas relativas á lectura como apunta Pètit, ao dicir que nun medio onde “predomina el miedo al libro, el mediador puede autorizar, legitimar, un deseo mal afirmado de leer o aprender, e incluso revelarlo” (Pètit, 1999, p. 5).

Como coordinadora e mediadora desta experiencia lectora, coa axuda doutros docentes, intentei sobre todo poñer en práctica os mecanismos necesarios para abrir camiños favorables cara á lectura e acadar lectores competentes que se internen nunha obra a partir de estratexias lectoras e comprensivas, tratando de recoñecer elementos básicos da teoría da literatura e de propiciar unha interpretación axeitada dos contidos e das referencias intertextuais, sen deixar de saborear o pracer que suscita a súa estética e apreciar os valores que acollen as historias. Tamén se fomentou a reflexión e o debate entre o alumnado desde un marco rexido polo respecto e a comprensión, á vez que se promoveu a lectura como portadora de “todo un mundo de experiencias maravillosas, [que] disipará su ignorancia, lo ayudará a comprender el mundo y a dominar su destino” (Bettelheim, 1993, p. 50).

Co remate do ano académico, o club de lectura pechou a súa actividade coa intervención dos seus participantes na presentación do acto das Letras Galegas, no que tamén recitaron poemas de Manuel María e leron outros do escritor chairego traducidos por eles mesmos á súa lingua de orixe (árabe, alemán, éuscaro...). Neste intre tamén se avaliou o proceso de desenvolvemento e resultados obtidos. Entre os logros acadados, é de sinalar a consecución dos obxectivos formativos e socializadores marcados no inicio nun grao acorde co tempo dedicado a esta actividade. Así, percibiuse que os participantes ampliaron os seus saberes literarios e de carácter xeral, acentuaron a súa capacidade interpretativa e reflexiva, asumiron os códigos de respecto nas interaccións, foron solidarios cos compañeiros, apreciaron as posibilidades da lectura, valorizaron a lingua galega e as súas manifestacións literarias, intensificaron o seu hábito lector e, o máis importante, quedaron plenamente satisfeitos da súa participación neste espazo de lectura, do que eles mesmos destacaban o clima de convivencia e afectividade creado. No tocante ás eivas, anotouse a imposibilidade de asistir por parte dalgúns alumnos debido a razóns carcerarias e a lentitude no desenvolvemento de certas actividades pola carencia formativa dalgúns dos participantes.

Máis alá destas debilidades e de sabermos da necesidade de reformular determinadas intervencións, o club de lectura acabou por ser unha proposta formativa e de lecer moi aplaudida polos internos, xa que lles levou aire fresco a unha etapa sufocante das súas vidas. A lectura e os encontros lectores convidounos a analizar o seu mundo interior e a interpretar a realidade exterior, sen deixar de experimentar o gozo e o pracer do seu exercicio. Abofé que para os docentes implicados e para a coordinadora foi unha experiencia esgotadora, pero única, porque supuxo un reto profesional e, onde non o agardaban, atoparon humanidade e persoas cunhas vidas truncadas, en parte, por unha sociedade que non soubo darlles unha resposta. De aí que seguiremos puxando con ánimo por esta iniciativa formativo-convivencial.

 

 

Bibliografía: 

 

BETTELHEIM, B. (1993): La lecture et l´enfant. París: Hachette-Pluriel.

BLAZICH, G. S. (2007): La educación en contextos de encierro. Revista iberoamericana de educación, (44), pp. 53-60.

CASSANY, D., LUNA, M. e SANZ, G. (1994): Enseñar lengua. Barcelona: Graó.

CERRILLO, P. C.; LARRAÑAGA, E. e YUBERO, S. (2002): Libros, lectores y mediadores: la formación de los hábitos lectores como proceso de aprendizaje. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha.

JOVER, G. (coord. 2009): Constelaciones literarias. Sentirse raro. Miradas sobre la adolescencia. Málaga: Junta de Andalucía.

MENDOZA, A. (2001): El intertexto lector: el espacio de encuentro de las aportaciones del texto con el lector. Cuenca: Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha.

PÈTIT, M. (1999): “El papel de los mediadores”, Educación y Biblioteca, (105), pp. 5-18.

______ (2015) Leer el mundo. Experiencias actuales de transmisión cultural. Ciudad Autónoma de Buenos Aires: Fondo de Cultura Económica.

ROIG, B. A. (2013): Educação Literária e Literatura Infantojuvenil. Porto: Tropelias&Companhia.

SCHWARTZ, S. H. (1992): “Universal in the content and structure of values: Theoretical advances and empirical test in 20 countries (1-65)”. En ZANNA, M. P. (comp.), Advances in Experimental Social Psychology. Nova York: Academic Press.

______ (2001): “¿Existen aspectos universales en la estructura y contenido de los valores humanos?”. En ROS, M. e GOUVEIA, V. L. (coord.): Psicología social de los valores humanos (pp. 53-77). Madrid: Biblioteca Nueva.

Sección: