Entrevista a Ledicia Costas

"O máis fermoso de escribir é espertar a emoción noutras persoas"

Daniel García Reigosa, mestre de primaria
CEIP Mestre Valverde Mayo
Mos (Pontevedra)
 

 

"Todos os meus libros son unha férrea defensa do diferente"

"O traballo do profesorado galego é do mellor co que me teño atopado no Estado"

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é unha autora prolífica en lingua galega galardoada con numerosos premios: o importante Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (2015), o Premio Merlín de Literatura Infantil (2014), o Premio Lazarillo (2017)... A ateigada axenda da escritora —con presentacións, visitas a centros de ensino, charlas, premios etc.— fixo imposible a realización desta entrevista de xeito presencial como estaba previsto, polo que o autor, mestre de linguas e un apaixonado pola literatura, e a entrevistada tiveron que recorrer a Internet.

D.G.: Comecemos reflexionando sobre a súa extensa obra. A súa bibliografía é moi variada, pois ten libros de literatura infantil, xuvenil, adulta, poesía... iso fai de vostede unha escritora polifacética e versátil. Pode contar onde está máis cómoda?

L.C.: Estou cómoda escribindo, no sentido máis amplo do termo. Gústanme os retos creativos. Nese eido é onde estou máis cómoda: no de traballar nunha obra que tire de min, que me obrigue a esforzarme, ben pola súa temática, pola trama ou por cuestións técnicas.

D.G.: Se cadra esa versatilidade e a calidade dos seus escritos fai que estea vostede en racha. Recibiu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e o Premio Merlín por Escarlatina, a cociñeira defunta, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta foi galardoada co Premio Lazarillo 2015, recentemente acaban de premiar A balada dos unicornios co Premio Lazarillo... Que supoñen todos eses galardóns na súa traxectoria?

L.C.: Significan un posicionamento nun sistema literario alén do galego. Non é fácil acceder ao mercado español cando es unha autora en lingua galega. Eses premios funcionan coma unha ponte. Accedes a espazos e foros que doutro xeito non sería posible.

D.G.: De ter que escoller unha das obras que ten publicadas por proporcionarlle máis alegría ou recordos especiais diría...

L.C.: Escarlatina, a cociñeira defunta, pois o Premio Merlín e mais o Premio Nacional foron decisivos na miña carreira literaria, supuxeron un punto de inflexión.

D.G.: Todas as súas obras infantís e xuvenís salientan valores como a tolerancia cara ao diferente, o rexeitamento dos prexuízos, o poder da amizade e do amor e, asemade, rachan cos tabús sociais, pois aparecen as drogas, a sexualidade, a violencia, o acoso... Son algo secundario na trama ou pola contra os alicerces que as sustentan?

L.C.: Non, non son en absoluto elementos secundarios, todo o contrario. A trama vaise artellando arredor desas cuestións que poñen aos personaxes en situacións moitas veces complexas. Igual que sucede na vida real.

D.G.: Cómpre salientar que os seus protagonistas resultan extraordinarios: Román é un rapaz cun fascinante sentido da realidade, Miguel ten un riquísimo mundo interior que agocha para encaixar no grupo, Violeta é un modelo de intelixencia e madurez, Isla domina a astronomía, Bubble é unha adiantada ao seu tempo... Pretende que a persoa lectora saiba recoñecer o valor de cada individuo, o que nos converte en únicos ou son simplemente personaxes especiais?

L.C.: Eu constrúo personaxes que me conquistan a min, como persoa, como autora e que creo que tamén me conquistarían como lectora. A partir de aí, o que sucede con eles xa non depende de min, senón do que cada lectora, cada lector, logre sacar deles.

D.G.: Unha vez repasada a súa bibliografía de xeito xeral, imos centrarnos nalgúns libros concretos para descubrir o seu valor pedagóxico e didáctico. Comecemos por Escarlatina, a cociñeira defunta, un libro que mestura misterio, terror, humor e cociña e foi o libro que a catapultou como escritora de referencia dándolle o Premio Nacional. Cóntenos como é acollido nas presentacións que fai nos centros de ensino.

L.C.: Polo xeral, con moita paixón. Escarlatina tenme dado momentos marabillosos nas aulas. Gústame moito chegar ás aulas e ver como o alumnado abraza os libros, mirándome cunha mestura de fascinación e curiosidade. Ás veces tócanme un brazo, para ver se estou viva. Outras nin sequera se atreven a achegarse a min. Velaí o máis fermoso deste oficio: espertar a emoción noutras persoas.

D.G.: Falando de estar viva... Esta obra naturaliza a morte converténdoa nun tema bonito e ata gracioso e racha así co tabú que a arrodea. Pode explicar de que xeito se podería empregar nas aulas para tratar o tema da morte, que sempre é algo difícil que se evita?

L.C.: Ler a obra xa é metelos de cheo no tema da morte. Teño vivido situacións moi intensas a este respecto, desde algún neno que me dixo que superara a morte dun ser querido lendo Escarlatina ata algunha nai que me deu as grazas por tratar un tema que nas casas custa abordar. Ler un capítulo cada día, na aula, é o mellor xeito de ir entrando pouco a pouco no corazón desta historia.

D.G.: A súa recente obra, A señorita Bubble, está a resultar outro éxito. É unha historia máxica e moi fantasiosa que da pé a falar da intolerancia, dos prexuízos, do medo ao diferente e da ignorancia. Estamos ante un tributo ás persoas discriminadas por ser diferentes á maioría, concretamente as mulleres?

L.C.: Creo que todos os meus libros son unha férrea defensa do diferente. Tamén A señorita Bubble. Certo é que nesta obra fago visible un colectivo que considero que merece atención: as mulleres científicas. Nas aulas practicamente toda a rapazada sabe quen foi Leonardo Da Vinci ou Thomas Alva Edison. Pola contra, non son quen de dicir nin un só nome dunha muller inventora. Non dan crédito cando lles conto que se hoxe temos tecnoloxías como a wifi é grazas a unha muller. A señorita Bubble axúdame a entroncar con estoutras mulleres reais, de carne e óso, que tan importantes foron para a ciencia. Saltar da fantasía á realidade é un exercicio moi gratificante.

D.G.: Abofé que vostede domina ese salto. En Jules Verne e a vida secreta das plantas homenaxea as novelas de aventuras que a todas nos emocionaron e fixeron soñar. Intúese que vostede era unha rapariga soñadora e unha voraz lectora...

L.C.: Os libros servíronme como refuxio en moitos momentos da miña infancia e da miña adolescencia. Sentíame moi cómoda no territorio da fantasía. Efectivamente, son escritora porque de nena e de adolescente lía de xeito voraz. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta é unha homenaxe á cidade onde me criei, Vigo, e ao xenio de Nantes, ese autor que tantos momentos marabillosos me agasallou coas súas novelas.

D.G.: Debutou vostede con Unha estrela no vento sendo adolescente. Fala da crise e da rebeldía que caracterizan a adolescencia e trata temas como a violencia, as drogas e o alcohol. Pensa que a literatura debe idealizar as cousas ou pola contra amosar a realidade? Non pode resultar prexudicial abordar estes temas deste xeito tan natural?

L.C.: Todo o contrario: illar a rapazada dentro dunha burbulla si é prexudicial. Lembro que lin Rebeldes, de Susan E. Hinton, e A lei da rúa sendo adolescente e que esas lecturas me marcaron dun xeito especial. Axudáronme a achegarme a unha realidade social que descoñecía: as drogas, a sexualidade, a violencia... Eses libros abríronme os ollos a un mundo que estaba aí e que eu ignoraba. Unha estrela no vento é unha obra filla desas lecturas.

D.G.: Nesa liña de non agochar temas tabús, O corazón de Xúpiter é unha obra case visionaria que adiantou temas candentes como o acoso escolar, os perigos de Internet, a homosexualidade e a drogodependencia. Após ler este libro, que é lectura obrigatoria nalgúns institutos, o público adolescente pode estar máis alerta e ver sinais de acoso e de perigo que doutro xeito pasarían desapercibidos, non si?

L.C.: Hoxe en día teñen toda a información. Hai charlas organizadas por profesionais da Policía Nacional arredor do ciberacoso e tamén do acoso escolar, que visitan as aulas galegas con frecuencia. O corazón de Xúpiter pode ser un apoio importante para tratar eses temas, mais por riba de todo é unha obra literaria, que busca emocionar as persoas lectoras que se acheguen a ela.

D.G.: É certo, non deixa indiferente a ninguén. Como reaccionan as persoas lectoras a esta obra? Que é o que lle transmiten nos institutos que visita?

L.C.: Suceden varias cousas con este libro. É unha historia dura, onde a protagonista pasa por varios episodios traumáticos. O público, irremediablemente, sofre con ela. É un libro que se vive de xeito intenso. Moitas veces a rapazada confésame ter derramado máis dunha bágoa. Creo que odian e aman a historia en igual medida.

D.G.: As mulleres tradicionalmente relegadas a un segundo plano adoitan ser as súas protagonistas. Pretende visualizalas como merecen, crear conciencia feminista?

L.C.: Non sei se cunha obra literaria se pode crear conciencia feminista. Coido que ten que darse unha conxunción de forzas. Eu intento que as lectoras e os lectores se fagan preguntas, que se cuestionen a sociedade na que vivimos a través das protagonistas que constrúo. Iso compleméntase logo, cando visito as aulas e fago unha posta en común co lectorado. Teño vivido experiencias moi gratificantes neste sentido.

D.G.: Está a traballar actualmente nalgunha nova obra?

L.C.: Teño varios proxectos que agardo que vexan a luz a medio prazo. Entre eles, a novela na que estou traballando, un thriller psicolóxico que me está poñendo en xaque no ámbito creativo.

D.G.: Non podemos deixar pasar a oportunidade de falar sobre lingua e ensino. Resulta moi esperanzador que nesta sociedade castelanizada que deixa esmorecer o galego vostede triunfe escribindo nesa lingua, conseguindo que o público lea en galego e que as súas obras sexan traducidas ao castelán. Desminte isto que escribir na lingua propia de Galicia pecha portas?

L.C.: Gustaríame contestar de xeito afirmativo, mais non estaría dicindo toda a verdade. Escribir en galego dificulta o acceso a outros sistemas literarios (tamén ao español, dunha maneira bastante evidente) e implica renuncias de todo tipo, mesmo económicas. Implica tamén traballar o triplo, xa que partes dunha situación de desvantaxe polos prexuízos que existen cara á lingua galega desde idades ben temperás. Os atrancos son moitos. Mais cando consegues superalos, a sensación é tan gratificante que compensa todo o traballo feito.

D.G.: Moita xente considéraa unha activista da lingua. Cal é o seu compromiso co galego?

L.C.: O meu compromiso co galego é total. A miña vida xira arredor da literatura e da lingua. Dígoo con todas as consecuencias. Eu mesma tiven que facer certas renuncias para chegar a este punto no que me atopo na actualidade, mais a miña lingua é o maior dos meus orgullos. Emocióname que noutros sistemas literarios me respecten e me coñezan como a autora que escribe en galego.

D.G.: Agradeceríalle que valorase a experiencia nos centros de ensino e realizase algunha suxestión no formato, contidos etc.

L.C.: É importante que a rapazada viva a visita da escritora ou escritor como algo extraordinario, como unha oportunidade única para poñer en común esa lectura na que estiveron traballando nos últimos meses. Os encontros que mellor funcionan son aqueles onde o alumnado participa de xeito activo. Ese é, en gran medida, labor do profesorado. É importante que interactúen co autor ou autora do libro con preguntas, suxestións ou todo aquilo que previamente se comentou na aula.

D.G.: De feito, as súas obras son lectura obrigatoria nalgúns centros e aulas. Considera que é un xeito efectivo de promover a lectura ou a imposición xera resistencias?

L.C.: A imposición, como norma xeral, provoca rexeitamento. Creo nas listaxes abertas de recomendacións. Dito isto, a miña experiencia persoal no que respecta á miña obra é moi positiva, mesmo sorprendente. Nese sentido considérome unha afortunada.

D.G.: Si, é certo, podo garantirlle que os seus libros gustan e non xeran rexeitamento malia seren obrigatorios. Mais como poden as persoas docentes motivar a ler, fomentar unha lectura comprensiva e crítica? Cre que están a facelo ben ou cómpre un cambio de métodos?

L.C.: Desde o ano 2014 levo visitado preto de 600 centros de ensino. As situacións coas que me atopei ao longo destes anos foron tan diversas que me resulta imposible resumilas nunhas poucas frases. O que si podo dicir é que o traballo do profesorado galego é do mellor co que me teño atopado no Estado, e isto tendo en conta que o teñen bastante máis difícil xa que parten normalmente dunha situación hostil, recomendando obras nunha lingua que o alumnado recibe como allea e cunha visión chea de prexuízos. Creo que debería haber clubs de lectura en todos os centros, puntos de lectura en todos os centros, horas de lectura de aula en todos os centros. Iso axudaría moito.

D.G.: Neses clubs de lectura que menciona vostede está entre as persoas máis lidas e participou persoalmente en varios encontros. Como valora estas experiencias?

L.C.: Son as miñas favoritas. A rapazada que forma parte dos clubs de lectura entrégase dun xeito moi especial. Aman os libros e agardan a visita con ilusión. Iso é extraordinario.

D.G.: Finalmente, se puidese formular un desexo pediría...

L.C.: Poder seguir vivindo dedicada a este oficio que tanto me dá!

 

 

Sección: