Espazos baleiros

Plan Proxecta: Fotografía en curso
Ao longo do curso académico 2019/20, os grupos de quinto e sexto de educación primaria do CEIP As Mercedes de Lugo participamos nun Plan Proxecta dedicado á arte da fotografía e a todas as posibilidades creativas que nos puidese ofrecer, especialmente en Educación Artística e Lingua Galega.

Paula Abelleira Sánchez, Victoria Barrero Díaz e Verónica Gómez Niño

Mestras especialistas en Pedagoxía Terapeútica e mestra de primaria

CEIP das Mercedes (Lugo)

Contextualización

O noso centro foi seleccionado, xunto con outros cinco centros educativos de Galicia, polas súas características socioeconómicas e culturais, así como polas motivacións persoais amosadas polas docentes implicadas.

O noso colexio está situado nun barrio da cidade de Lugo e caracterízase  pola gran diversidade cultural entre o noso alumnado, o que supón un bo atractivo. As diferenzas existentes entre as familias do noso alumnado favorecen unha nova e ampla visión da realidade: isto axuda a que as imaxes propostas sexan interpretadas dun xeito ou doutro.

Cómpre destacar que a participación neste proxecto permitiu crear unha vía de coñecemento mutuo coa comunidade educativa, porque isto axudou a ter unha meta común na que traballar.

Participamos no Plan Proxecta: Fotografía en Curso co alumnado de quinto e sexto de primaria, 50 rapaces e rapazas, porque eles tiñan maior facilidade para adquirir as técnicas propias da fotografía. O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con outros organismos, para fomentar a innovación educativa. Para isto, ofértanse diferentes programas educativos entres os que atopamos Fotografía en Crso que, coa colaboración do Centro Galego Artes da Imaxe (CGAI), procura a potencialidade pedagóxica da creación fotográfica como medio de comprensión e de expresión da nosa realidade.

Optamos por este programa dentro do Plan Proxecta porque para as tres docentes responsables do proxecto a introdución das técnicas creativas e artísticas dentro do ámbito educativo é unha gran motivación.

Obxectivos

Podemos diferenciar dous tipos de obxectivos, os que foron propostos desde o Plan Proxecta, como articular contidos transversais nas diferentes áreas, procurar unha ampla mellora nas competencias, fomentar a formación do profesorado na linguaxe audiovisual, artellar vías de comunicación e relación para a posterior publicación das fotografías tomadas… entre moitos outros. Mais polas posibilidades que atopamos no noso centro, nós seleccionamos e priorizamos os seguintes obxectivos:

- Desenvolver a capacidade crítica e artística cara ás propostas visuais non estereotipadas.

- Dar o salto dun modelo reprodutivo (de copia e modelaxe) a un modelo produtivo, desde a creación como a idea dunha pegada persoal.

- Fomentar unha actitude estética e artística, achegándolle un carácter persoal, no que a nosa forma de percepción é esencial e única.

- Experimentar novas formas creativas, utilizando diferentes técnicas, materiais, experiencias procesuais…

- Reflexionar e observar a nosa contorna, tanto urbanística como educativa, apoderando as súas capacidades e posibilidades, para así desenvolver a identidade persoal e grupal.

- Transformar a nosa realidade desde a creación fotográfica, subliñando a idea de que a fotografía comeza coa persoa que capta a imaxe e remata con quen a observa.

- Promover a participación e implicación neste proxecto de toda a comunidade educativa, na procura de relación e coñecemento grupal.

Recursos empregados e actividades realizadas polo alumnado

Os recursos empregados foron moi diversos, así como as técnicas utilizadas. O uso de diferentes recursos postos á disposición do alumnado participante permitiu crear un traballo en rede, que facilitou «destapar a botella» para que a creatividade e a liberdade de expresión se convertesen na maior das aprendizaxes.

Os alumnos, con diferentes materiais e recursos, buscaron as mellores opcións segundo a proposta, e iso favoreceu un clima de traballo relaxado, con tranquilidade, no que se aprendeu gozando.

Algunhas técnicas e propostas educativas levadas a cabo foron as seguintes:

- Observación de diferentes fotografías e imaxes, para que os alumnos sexan críticos coa fotografía e coñezan algunhas das nocións da linguaxe visual, valorando o encadre, enfoque, nitidez, brillo, gama de cores, formato utilizado… Nun caderno de anotacións sobre as fotografías propostas, o alumnado escribe todo o que as imaxes lle transmiten, así como aspectos máis técnicos.

- Evocacións. Esta actividade foi realizada ao longo do primeiro trimestre e resultou moi positiva. Cada grupo de alumnos levaba un caderno, no que tiñan que poñer unha fotografía, así como unha evocación dos sentimentos que lle transmitía dese día representado… Cada día levaba para a súa casa un alumno o caderno e tiña que escoller coa súa familia a fotografía e as evocacións que sentía.

- Técnicas artísticas relacionadas coas fotografías. Por grupos, utilizamos diferentes técnicas artísticas. Cos de quinto fixemos unhas acuarelas e cos alumnos de sexto utilizamos o carbón, sempre usando fotografías das propostas polas formadoras da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

- Fotopropostas de escritura creativa. Utilizando fotografías, propuxemos a narración dunha historia creada a partir dunha oración inicial.

- Colaxe a través das fotografías e utilizando imaxes comerciais para o concurso proposto pola Consellería de Igualdade para o Día da Muller, o  8 de marzo.

- Obradoiro de educación emocional a través das fotografías. Neste obradoiro a intención é que os alumnos sexan capaces de seleccionar unhas fotografías que os representen ou que lles fagan sentir algunha emoción e dar a razón da súa elección. A intención era que fosen conscientes de que hai diferentes emocións e todas teñen un nome.

- Visita do fotorreporteiro Delmi Álvarez, que explicou como é o seu traballo e o tipo de fotografías que realiza.

- Saída fotográfica polos nosos arredores e creación dunha conta de Instagram (IG: proxectafotografiadasmercedes) para poder visualizar as nosas creacións.

Descrición da actividades realizadas polas docentes participantes

A Bao a Q é unha asociación cultural dedicada ao desenvolvemento de proxectos que se vinculan coa creación artística e a educación As formadoras deste programa pertencen a esta asociación e entre as súas propostas para realizar durante curso destacamos facer fotografías de espazos baleiros, onde a composición, a luz e o enfoque toman unha dimensión considerada prioritaria.

Fotografía do noso patio e imaxe do noso patio cuberto

 

As mestras participantes neste proxecto seguimos catro pasos:

- A formación impartida pola Consellería de Educación, na que sobre todo dan ideas e propostas para desenvolver na aula. No caso da proposta fotográfica Espazos Baleiros, destacamos o recoñecemento das obras de autores como Jordi Bernadó, Cosmo Laera ou Tanit Plana.

- A elaboración dos proxectos nos centros, o cal, no noso caso, non só se centra nas técnicas e procesos propios da composición fotográfica, senón tamén doutras técnicas relacionadas coa competencia lingüística e artística. Fixemos, polo tanto, saídas polos arredores do noso centro sobre espazos baleiros, o que nos permitiu plasmar a nosa visión da vida cotiá no colexio, tal como recollemos no apartado anterior. No terceiro trimestre, traballaremos o retrato e para isto propuxemos facerlles fotografías ás persoas que atenden os negocios e comercios do barrio.

- O proceso creativo da fotografía complétase cun ampla variedade de actividades complementarias, xa recollidas como actividades levadas a cabo polo alumnado. Entre elas, cabe destacar a escritura creativa a través de fotopropostas, obradoiro de educación emocional que ten como soporte fotografías, creación de diferentes técnicas artísticas que teñen como base o mundo da imaxe...

Fotoproposta en carbón

 

Por último, para poder dar a coñecer o traballo do noso alumnado e as súas creacións, abrimos unha conta de Instagram e así tamén procuramos a participación da comunidade educativa en diferentes propostas.

Achega dunha familia a través das redes sociais

Metodoloxía

Nos catro grupos formamos equipos creativos dinámicos, nos que xurdía unha sinerxía de traballo que, aproveitando a improvisación e as metas definidas, permitían acadar as propostas Todos os alumnos traballaban xuntos e isto axudaba a favorecer círculos de influencia, nos que a valoración positiva permite a motivación e liberdade creativa.

Procuramos que os alumnos teñan uns coñecementos mínimos sobre as diferentes técnicas, non obstante, para nós foi prioritario o autocoñecemento das nosas necesidades e capacidades de expresión, para a posterior narración, explicación e expresión.

Valoración e avaliación

A valoración e avaliación, polo tanto, sempre é persoal, segundo o grao de satisfacción que se sentiu tanto no proceso como co produto final, o cal viuse afectado polo estado de confinamento, que obrigou a adiar algunhas actividades. A pesares diso, na páxina web do centro pódense visionar varios vídeos relacionados co proxecto realizados durante este período excepcional.

Mais como impulsoras deste proxecto no noso centro, atopamos entre as dificultades a falta de material fotográfico para levar a cabo os obradoiros dun xeito máis dinámico e, principalmente, destacamos a ausencia dun tempo dentro do horario escolar tanto para a coordinación co resto dos mestres como para a propia implementación do programa. Estas dificultades foron compensadas coa implicación e motivación tanto do alumnado participante como das mestras partícipes, especialmente no seu deseño e difusión.

As familias tamén amosaron un grande interese, tal como queda constatado nos comentarios e na alta participación e seguimento da conta de Instagram, así como na colaboración nos cadernos de evocacións e no envío de fotografías dos seus fillos ao centro.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Robinson, K. (2012). El Elemento. Barcelona: Penguin Random House Grupo Editorial.

Henry, C. (2014). Lea este libro si desea tomar buenas fotografías. Barcelona: Blume.

Henry, C. (2017). Lea este libro para tomar buenas fotografías de lugares. Barcelona: Blume.

Blanco, V. e Cidrás, S. (2019). Educar a través del arte Pontevedra: Kalandraka.

Sección: