A educación no período de confinamento

O confinamento supuxo para os docentes un cambio repentino e radical na súas metodoloxías e nas canles de comunicación co alumnado. Neste artigo recóllense as percepcións do profesorado de niveis non universitarios sobre este período e analízanse con especial detalle os recursos TIC empregados na teledocencia.

Andrea C. Doural García
Mestra de Música
andrea.doural@edu.xunta.gal

 

Introdución

A situación excepcional causada pola covid-19 ocasionou a adopción de medidas por parte dos gobernos para intentar frear a epidemia. Unha delas foi o cesamento da educación presencial nos centros educativos que, como todos sabemos, se fixo efectiva no Estado español a partir do 16 de marzo de 2020.

No medio destas circunstancias anómalas, os centros educativos permanecerían pechados, mais o proceso de ensinanza-aprendizaxe continuaría ata finais de xuño. O profesorado viuse nunha situación sen precedentes na que tivo que adaptarse en tempo récord para «programar nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos actividades para que o seu alumnado as puidese realizar no seu domicilio» (Resolución do 12 de marzo de 2020), é dicir, a escola continuaba desde as casas.

Para coñecer as opinións e experiencias do profesorado galego, difundiuse unha enquisa mediante un formulario de Google e foi respondida por 147 docentes. Aínda que non resulta representativa da comunidade educativa galega (tampouco era o seu propósito), permitiunos ampliar a percepción do profesorado sobre este período e extraer conclusións máis amplas e obxectivas ca a propia visión persoal.

O colectivo máis numeroso en contestar a enquisa foron os mestres e mestras de educación primaria (30,6 %), seguidos do profesorado de educación secundaria (26,53 %), dos mestres de educación infantil (19,72 %) e do profesorado de ensinanzas artísticas (7,5 %). O resto das respostas corresponderon a mestres que imparten docencia en varios niveis (6,8 % en educación infantil e primaria; 1,36 % en educación primaria e secundaria e un 2 % en educación secundaria e FP).

Tomando como base os resultados desta pequena investigación, centrarémonos na satisfacción dos docentes, nas dificultades xurdidas durante o período de teledocencia, na fenda dixital e social e na competencia dixital e os recursos TIC.

 

Satisfacción dos docentes

Tratouse de indagar cal era o nivel de satisfacción xeral do profesorado entre os meses de marzo a xuño. Con respecto a esta cuestión, a porcentaxe maioritaria coincide co ítem «Pouco satisfeito» (46,9 %), como podemos observar na seguinte gráfica:

 

Gráfica 1: Niveis de satisfacción xerais

 

Partindo da hipótese de que a experiencia previa na docencia non presencial podía influír na satisfacción dos docentes, analizamos pormenorizadamente este aspecto. Dos docentes que responderon a enquisa, só 25 tiveran contacto anterior co ensino non presencial. Como aparece reflectido na seguinte gráfica, neste caso a porcentaxe maioritaria corresponde a «Satisfeito» (52 %), polo que pode existir unha relación entre o coñecemento do funcionamento desta modalidade e o éxito na súa implantación:

 

Gráfica 2: Satisfacción dos docentes con experiencia previa no ensino non presencial

 

Outra variable que podería condicionar esta satisfacción sería o feito de pertencer ou non ao programa E-Dixgal (que incorpora o libro dixital). Atendendo aos 27 docentes que afirmaron que o seu alumnado formaba parte deste proxecto, o grao de satisfacción non difire moito das cotas xerais: destacan as valoracións de «Satisfeito» e «Pouco satisfeito», ambas as dúas cun 37 %:

 

Gráfica 3: Satisfacción dos docentes con pertenza ao programa E-Dixgal

 

Dificultades na teledocencia

Con respecto ás maiores dificultades que tiveron durante este período (nas que lles pedimos aos suxeitos que fixeron a enquisa  que sinalasen todas as que tiveron) predominou nun 63,3 % a propia situación do confinamento. Outro dos aspectos destacados foi a pouca participación do alumnado (52,4 %) e a falta de coñecementos para desenvolver unha metodoloxía a distancia (41,5 %). Tamén engadiron:

  • A gran carga de traballo (cunha dedicación de ata 12 horas).
  • A conciliación familiar.
  • A limitación das plataformas (como a aula virtual, tamén nomearon o avance que supuxo a ampliación do almacenamento do correo).
  • A idade do alumnado e a súa autonomía nesta modalidade de ensino.
  • A imposibilidade de abordar contidos complexos a distancia.
  • O acceso a Internet do alumnado.
  • Os atrancos para facer un seguimento e avaliación que garanta a igualdade de oportunidades do alumnado.
  • A carencia de medios e competencias do alumnado e das familias.

Para os profesionais de educación especial, o feito de traballar con alumnado con NEAE dificultou moito a teledocencia e afirman que «os nenos con NEAE e NEE teñen dificultades graves que non pode suplir o teleensino» entre as que resaltan as súas características persoais e a falta de autonomía.

De acordo coas reflexións feitas polo Equipo de Traballo de Nova Escola Galega (2020) «é importante decatarse de que este alumnado non ten autonomía para a realización de tarefas académicas sinxelas e non ten, nalgúns casos, competencia dixital. Unidas estas dúas circunstancias a contextos familiares deprimidos dixitalmente (escaseza de dispositivos electrónicos, nula ou mala conexión a Internet...), iniciar e manter o vínculo escolar nalgúns casos faise realmente complicado» (p. 16).

A maioría dos docentes contestou que a participación do alumnado foi dun 75 %. Como causas principais de que o alumnado non participase sinalaron a falta de interese do alumnado e a falta de implicación das familias.

 

Fenda social e dixital

A fenda dixital e social do alumnado galego é obvia. A falta de poder adquisitivo dalgunhas familias á hora de dispoñer de medios electrónicos únese á carencia de infraestruturas que proporcionen unha boa conexión á Rede en toda a nosa comunidade.

Para intentar paliar estas desigualdades, as instrucións do 27 de abril de 2020 ditaban que, «en ningún caso, o alumnado se podería ver prexudicado polas dificultades derivadas do cambio de metodoloxía a distancia do terceiro trimestre». No punto dedicado a avaliación tamén se incidía en que esta «se realizaría sobre as aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso, así como sobre as actividades de reforzo, recuperación ou ampliación de aprendizaxes realizadas desde a declaración do estado de alarma». Malia ser certo que as diferenzas entre o alumnado se intentaron reducir no ámbito lexislativo e burocrático, na realidade non foi posible.

Así mesmo, esta situación atípica trouxo consigo unha adaptación extrema que mesmo lle daba potestade aos centros educativos para «revisar e flexibilizar os criterios de titulación en todas as etapas educativas» (Instrucións do 27 de abril). Tamén se ditou flexibilidade para os criterios de avaliación e promoción en todos os niveis; aplicación da avaliación continua para os cursos non conducentes a certificación oficial nas escolas de idiomas e reorientación das probas de obtención do título no caso das ensinanzas artísticas superiores, as que destacamos entre as distintas medidas.

 

Competencia dixital e recursos TIC

As leis educativas vixentes fan fincapé na inclusión das TIC no proceso de ensinanza-aprendizaxe. De feito, no preámbulo da LOMCE vén recollido que «as tecnoloxías da información e da comunicación serán unha peza fundamental para producir o cambio metodolóxico que leve a conseguir unha mellora da calidade educativa. Por isto, o uso responsable e ordenado destas novas tecnoloxías por parte dos alumnos e alumnas debe estar presente en todo o sistema educativo».

As respostas con respecto ao grao de autonomía do alumnado para o uso das TIC teñen unha estreita relación coa súa idade. Os resultados, de maneira xeral, sitúan a maioría dos docentes (36,25 %) no valor 3 (o 1 corresponde a «Sen autonomía» e o 5 a «Completamente autónomos»), co que se extrae a necesidade de facer énfase no traballo da competencia dixital no alumnado.

A competencia dixital forma parte das sete competencias clave, concretamente é «aquela que implica o uso creativo, crítico e seguro das tecnoloxías da información e da comunicación (…) Esta competencia supón un conxunto novo de coñecementos, habilidades e actitudes necesarias hoxe en día para ser competente nun contorno dixital». Así mesmo, para o axeitado desenvolvemento da competencia dixital no alumnado resulta necesario abordar:  a información (como o coñecemento e o manexo de diferentes motores de busca ou a interpretación e análise crítica da información que se obtén); a creación de contidos (implica saber como os contidos dixitais se poden realizar en diversos formatos e identificar os programas ou aplicacións que se adaptan ao tipo de contido que se quere crear) e a seguridade (coñecendo os distintos riscos asociados ao uso das tecnoloxías e de recursos en liña e as estratexias actuais para evitalos), entre outros (anexo I, Orde ECD/65/2015).

Neste contexto, a posta en práctica inminente da teledocencia para lle dar continuidade ao proceso educativo implicou unha situación nova e inesperada, na que o profesorado tivo que recorrer ao uso das ferramentas TIC e potenciar a súa utilización para dar unha resposta eficiente ás necesidades educativas do alumnado (Teruel Naval e Teruel Naval, 2020).

Nunha das preguntas da enquisa pediuse que se sinalasen todos os medios que utilizaron na teledocencia. A maioría dos docentes combinaron os medios para comunicarse co alumnado e coas familias, e o correo electrónico (76,2 %) e as videoconferencias (68,7 %) foron os máis utilizados. Un 53,7 % empregou a aula virtual e un 32,7 % o blog. Tamén utilizaron o teléfono persoal e redes sociais como WhatsApp e Telegram. Concretamente, nas videoconferencias un 61,5 % escolleu a plataforma proporcionada pola Consellería: Webex.

No seguinte cadro recóllense algúns dos programas e aplicacións que utilizou o profesorado na teledocencia ordenados por categorías:

 

Cadro 1: Síntese dos programas e aplicacións utilizados polo profesorado

 

Neste panorama, a Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) realizou diversos videotitoriais sobre o modo de uso de cinco servizos dixitais educativos (Equipo de Nova Escola Galega, 2020):

  • AbalarMóbil: aplicación para familias e profesorado
  • Agueiro: ferramenta de e-portfolio e comunidades educativas dixitais
  • EduXunta Webex: para a realización de videoconferencias
  • Servizo de mensaxes para a comunicación entre familias e profesorado a través de espazoAbalar
  • Funcionalidades básicas das aulas virtuais dos centros educativos

Algúns dos docentes que realizaron a enquisa (49) aproveitaron o período de confinamento para formarse nas TIC. Isto realizouse a través de distintos organismos: CFR, sindicatos, Rede CeMIT, UNED e outras institucións privadas. Así mesmo, unha pequena parte dos docentes  autoformouse mediante videotitoriais.  

 

Conclusións

O confinamento puxo de manifesto a densa problemática e carencias que suscita o ensino a distancia nos niveis educativos básicos, sen outros medios axeitados e acostumados a traballar con interacción presencial (Equipo de Traballo da Nova Escola Galega, 2020, p. 16). É dicir, en determinados niveis e especialidades non se pode suplir a educación presencial.

Aínda que «as prácticas de aprendizaxe avanzan en paralelo ao progreso tecnolóxico» (Loveless e Williamson, 2017, p. 58), o proceso de integración das novas tecnoloxías en todos os ámbitos é progresivo. A partir desta situación detectouse a falta de destrezas nas TIC dalgúns dos docentes, ao mesmo tempo que tomaron consciencia das súas fortalezas e debilidades, o que brinda a posibilidade de orientar a súa formación.

De acordo con Fernández de la Iglesia et al. (2016), a formación ideal debería estar orientada ao uso didáctico das TIC e ao desenvolvemento de materiais educativos dixitais que se poidan adecuar á práctica docente e ao contexto de cada profesor. Durante o curso 2020/21, ofertarase para todo o profesorado un Curso de Introdución ao Ensino Mixto, curso titorizado de ensino mixto con contidos específicos para os distintos niveis e a formación en centros centrarase na integración didáctica das TIC (Instrucións do 31 de agosto de 2020).

Estas instrucións inclúen a pretensión de incrementar a competencia dixital do alumnado, establecendo o uso da aula virtual nos supostos de educación a distancia a partir de terceiro de primaria. Así mesmo, os docentes deberán dedicar tempo a que o alumnado se inscriba na aula virtual, coñeza o funcionamento dos cursos e afiance as súas destrezas con respecto a esta metodoloxía de traballo.

De todos os xeitos, o corpo docente superou este período con sobresaliente cum laude. Utilizando recursos propios e conexión a Internet, pasaron por riba das dificultades derivadas da propia situación ou das circunstancias persoais e idearon o xeito de que a educación non parase e chegase aos máximos fogares posibles.

 

Ilustración orixinal de María Guadalupe Díaz González

 

 

Bibliografía: 

 

 

Equipo de Traballo de Nova Escola Galega (2020). O mundo da escola distanciada en tempos da covid-19. Revista Galega de Educación, número especial xuño 2020,15-19.

Fernández de la Iglesia, J. C., Fernández Morante, M. C. e Cebreiro López, B. (2016). Competencias en TIC del profesorado en Galicia: variables que inciden en las necesidades formativas. Innovación educativa, 26, 215-231.

Instrucións do 27 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde Pública (DOG núm. 174 bis do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do comité clínico ao protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21. Versión 31 de agosto de 2020.

Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade ducativa. BOE núm. 295, do 10 de decembro de 2013.

Loveless, A. e Williamson, B. (2017). Nuevas identidades de aprendizaje en la era digital. Creatividad. Educación. Tecnología. Sociedad. Madrid: Narcea.

Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus covid-19. DOG núm. 49 do 12 de marzo de 2020.

Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, pola que se describen as relacións entre as competencias, os contidos e os criterios de avaliación da educación primaria, a educación secundaria obrigatoria e o bacharelato. BOE núm. 25, do 29 de xaneiro de 2015.

Teruel Naval, E. e Teruel Naval, R. (2020). La escuela durante el confinamiento. Supervisión 21, 56, 1-16.

Sección: