A resposta está no ar

Olalla Liñares García
olinhares@edu.xunta.gal
IES Plurilingüe Fontexería (Muros)

 

Durante os meses de ensino non presencial o alumnado de 1º ESO do IES Plurilingüe Fontexería de Muros puxo en marcha o podcast radiofónico Confinamento nas Ondas, que vén de gañar o II Concurso de Podcasts ‘Radio na Biblio’. O que naceu como unha vía de escape ante un panorama educativo desmotivador, converteuse nun proxecto cheo de posibilidades e perdurable no tempo.

A autoridade que nos concede a xerarquía profesorado-alumnado fai que, a miúdo, esquezamos algo tan fundamental na educación como é a empatía. O proxecto Confinamento nas Ondas naceu, en parte, da empatía. E tamén doutra premisa que cómpre ter moito en conta como docentes: converter os (aparentes) atrancos en oportunidades.

 

Os antecedentes

No Fontexería levabamos un tempo coa teima de poñer en marcha unha radio escolar. Malia non lograr integrarnos no programa Radio na Biblio, decidimos continuar co proxecto autonomamente. Invertimos en equipamento técnico e procuramos asesoramento e formación a través do CAFI. O piloto vermello estaba a piques de prender, mais o 13 de marzo marchamos para as nosas casas e esta iniciativa –coma outras moitas– ficou conxelada.

As primeiras semanas de teledocencia foron algo así como “záfate”. A nivel de centro acordamos que o profesorado proporía periodicamente na Aula Virtual unha serie de tarefas que o alumnado debía facer na súa casa. No caso da miña materia, estas tarefas tiñan que ver con ler e analizar textos, buscar información, facer exercicios do libro de texto... Mais desde o primeiro momento estaba disconforme con esta metodoloxía. Aprender Lingua Galega e Literatura non podía reducirse a facer exercicios nun caderno. A empatía tiraba por min: pensaba no desmotivador que podía ser isto para o alumnado.

 

Captura do documento no que se lle presentou o proxecto ao alumnado

 

Por outra banda, dado o sistema excepcional de cualificación, a maioría do meu alumnado xa tiña a materia aprobada aínda que decidise non facer máis nada no que quedaba de curso. Desa vez xa non servía motivar o traballo coa recompensa dunha nota –se é que iso se pode considerar un xeito de motivar. Así pois, tocaba pensar alternativas para captar o seu interese e lograr que non perdesen o fío a pesar de ter xa o curso aprobado.

 

On air

O piloto vermello volveu prender. Lembrando a Bob Dylan, a resposta –máis que no vento– estaba no ar. Nas ondas! Precisamente neses meses andaba eu obscinada coa importancia de traballar a oralidade nas aulas, en todos os rexistros. E, dentro da expresión oral, considero fundamental que o alumnado lea en voz alta: que vocalice, que proxecte a voz, que entoe, que interprete, que se grave, que escoite a súa propia voz... que locute! E así naceu Confinamento nas ondas.

 

 Unha das seccións do programa estaba centrada na creación poética

 

Ben, o certo é que así naceu a idea de centrar o traballo da 3ª avaliación nun podcast radiofónico. Mais de aí a poñer en marcha Confinamento nas Ondas quedaba aínda un anaco. Antes de nada precisabamos un nome para o noso programa, que escollemos por medio dunha votación logo de que cada alumno/a fixera as súas propostas.

 

Metodoloxía

Para arrincar, o maior reto era organizar o traballo. Dado que se trataba dun agrupamento, o número de alumnado participante era bastante xeitoso: 12. Así pois, o primeiro que fixemos foi dividir o programa en seccións, permitindo que cada semana o alumnado escollese a área na que quería traballar. Neste senso, como docente, a maior carga de traballo foi inicial; pois unha vez que as seccións xenéricas estaban todas deseñadas simplemente había que redistribuír o traballo cada semana.

 

Exemplo do guión de traballo semanal

 

Os contidos das seccións eran diversos: noticias, entrevistas, crónicas, narracións, regueifas, anuncios publicitarios, espazos musicais, información deportiva, receitas de cociña, recitais de poesía, caixa de correspondencia... Algunhas seccións eran individuais e outras por parellas, para promover así diferentes xeitos de traballar. Ademais, cada semana unha persoa encargábase de presentar o programa. Na descrición das seccións había unha primeira parte de explicación teórica e, a continuación, especificábaselle ao alumando o que debía facer. Alén de redactar o texto que despois locutarían, tamén debían realizar unha pequena tarefa para afondar nos contidos da materia (analizar formas verbais, sinalar as partes dunha noticia, identificar conectores, etc.).

 

Descrición dunha das seccións, isto é, instrucións do traballo semanal

 

O proceso de traballo constaba de tres fases: a de redacción, a de locución e a de edición. Así, unha vez que cada estudante tiña escrito o guión do que ía locutar, este era revisado pola docente. Cando o texto escrito estaba listo, chegaba a fase de locución, na que cada persoa gravaba a súa parte cun teléfono móbil. Por último, ese arquivo de audio enviábaselle á docente, encargada da edición.

Este sistema, malia perder a maxia da radio de estar nun estudio diante dun micrófono, tiña de positivo a accesibilidade. O alumnado tan só precisaba a súa cabeciña, a súa voz, material co que escribir e un teléfono móbil con gravadora e acceso a internet. Por parte da docente, unha vez deseñadas xenericamente as diferentes seccións, a maior carga de traballo atopábase na fase de edición. Polo demais, tan só era preciso guiar, acompañar e revisar o proceso.

 

O programa de edición de audio utilizado pola docente era o Audacity

 

Recolleita de froitos

É curioso: na primeira semana algúns dos arquivos que primeiro recibín foron os de estudantes que no ensino presencial non participaban demasiado. Coido que o feito de poder centrarse nas temáticas que lles interesaban era un importante elemento motivador. Está claro: hai que traer ás aulas os centros de interese do alumnado.

O lanzamento do noso primeiro programa foi un impulso importante. Recoller colectivamente os froitos do esforzo individual sempre é alentador. Aínda que cadaquén traballase na súa casa, o resultado era común. E se algunha persoa non cumpría, repercutía no conxunto, non só nunha cualificación. Coido que aquí a motivación residía na ilusión de ver o labor do alumnado aplicado a un proxecto concreto, mais alá de ser corrixido e avaliado, como facemos habitualmente nas aulas. Penso que esta foi unha das maiores aprendizaches ao longo destes meses.

Por outra banda, aínda que na materia de Lingua Galega e Literatura a competencia na que máis nos centramos é a de comunicación lingüística, neste caso estabamos incidindo tamén na dixital, na de aprender a aprender... En fin, realmente estabamos desenvolvendo todas as competencias clave agás a matemática (que tamén se podería introducir reformulando a metodoloxía).

 

Os programas de Confinamento nas Ondas poden escoitarase na plataforma dixital Soundcloud

 

Porén, non todo foi un camiño de rosas. Houbo estudantes aos que custou involucrar e outros/as que non foron constantes no seu traballo. Ademais, as novas xeracións, malia ter unha competencia dixital xeitosa, aínda non se entenden moi ben con ferramentas coma o correo electrónico. Por outra banda, o feito de ter que facer as revisións e correccións a distancia entorpecía o proceso. Pero a maior dificultade, coma case sempre, foi o tempo. Nun principio proxectamos un programa por semana, mais as entregas fóronse retrasando e rematamos creando un programa cada dúas semanas.

 

Continuar sementando

En Confinamento nas Ondas sacamos adiante unha serie de programas de contidos diversos. Fixemos incluso algúns especiais: un das Letras Galegas, outro dedicado ao alumnado que se incorporaría o ano seguinte ao noso instituto... Ademais, a onda expansiva da radio chegou tamén a outros cursos que fixeron os seus propios programas (4º ESO/ESA). Sen dúbida, o que nun principio parecían uns meses “perdidos”, finalmente serviron para plantar a semente dun proxecto cheo de posibilidades que perdurará no tempo.

Confinamento nas ondas quedou atrás porque, afortunadamente, neste novo curso podemos –por agora– traballar presencialmente. Mais durante eses meses, tanto docente como alumnado fixemos unha aprendizaxe importantísima. E o que queda claro é que a radio é unha ferramenta educativa con moito potencial. Bebendo desa experiencia, agora temos novos retos por diante.

O que empezou como unha iniciativa dun departamento aspira agora a converterse nun proxecto interdisciplinar, e o certo é que xa hai diversos/as docentes dispostos/as a sumarse. A radio é a nosa ferramenta de traballo, mais o que queiramos gardar dentro dela non ten límites: dende a música ata a divulgación científica. O piloto xa está prendido. Toca, pois, quitarlle po aos micrófonos, desconfinar as ondas e continuar sementando. No camiño xurdirán moitas dúbidas, mais as respostas están aí, suspendidas no aire, agardando por nós.

Confinamento nas Ondas pódese escoitar aquí

 

 

 

Sección: