Silencio, estamos lendo!

Hora de Ler: espazos e tempos de lectura na escola
Desde hai dez anos, todo o profesorado e alumnado do CEP X. M.ª Brea Segade participa diariamente na Hora de Ler, unha das máis valiosas actividades de fomento da lectura que se están a desenvolver nos centros educativos.

Covadonga Rodríguez Argüelles, mestra e coordinadora da biblioteca
CEP Xosé M.ª Brea Segade (Rianxo - A Coruña)
covararguelles@edu.xunta.gal

 

 

Soa o timbre, rematou o recreo e o alumnado do CEP Brea Segade entra nas aulas, en cada mesa agarda un libro, sentan e comezan a ler. Esta é a rutina diaria que nos últimos dez cursos se vén desenvolvendo no centro, a Hora de Ler, un tempo de lectura por pracer recollido no horario escolar. 

O papel da lectura no proceso de ensino-aprendizaxe é indiscutible, como competencia imprescindible para acceder ao coñecemento e á cultura e para formar unha cidadanía participativa e crítica. Nos primeiros anos de escolaridade incídese especialmente na adquisición da lectoescritura e os tempos dedicados á aprendizaxe do código escrito, á comprensión de textos e ao fomento da lectura ocupan boa parte do horario escolar, pero a medida que imos avanzando nos niveis educativos, semella que xa non é preciso prestar tanta atención á lectura. Ler na escola non pode ser só ler e comentar os libros de texto, facer lecturas obrigadas que despois hai que xustificar cun exame ou cunha ficha ou ler só se remataches as tarefas escolares. 

 

 

Hora de Ler deulle nome a un programa lanzado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares no 2007 co obxectivo de promover a lectura no contexto educativo, tal e como se recolle na normativa curricular desde ese mesmo ano e como recomendan todos os expertos e expertas en alfabetización. O equipo de biblioteca do noso centro asumiu a proposta, levouna ao claustro e, desde setembro do 2010, coordina o desenvolvemento da Hora de Ler, que aparece recollida no proxecto lector de centro e nos principais documentos organizativos da vida académica.

Establecer tempos para a lectura, libre e por pracer, en horario escolar é a mellor forma de poñela en valor, de facer visible a súa importancia no proceso educativo e de garantir que todo o alumnado do centro le diariamente, seguindo o seu ritmo e os seus intereses. A Hora de Ler constitúe unha estratexia fundamental para desenvolver o hábito lector do alumnado, facilitando tempos nos que practicar, definir gustos, descubrir e explorar xéneros e temáticas diferentes e consultar recursos atractivos e de calidade, sen requirimentos externos e respectando os diferentes intereses e niveis de desenvolvemento lector. 

 

 

No noso centro escollemos a volta do recreo como tempo de lectura simultánea, silenciosa e libre. A Hora de Ler desenvólvese durante vinte minutos en todas as aulas, atendidas polo profesorado que imparte a sesión posterior ao recreo, sexan titores ou especialistas. Isto implicou unha reorganización do horario lectivo, de xeito que cada sesión se recortou en cinco minutos, que pasaron a formar parte da Hora de Ler. Nese tempo, alumnado e profesorado len, principalmente en silencio, pero tamén compartindo lecturas en voz alta, por exemplo, dos itinerarios lectores propostos para cada curso pola biblioteca Brea Segade. A Hora de Ler á volta do recreo trouxo ao noso centro un tempo de silencio e tranquilidade no que todo pode agardar, a prioridade é gozar coa lectura. Foi importante establecer un ritual, tal e como acontece en moitas casas cos contos antes de durmir: os libros quedan sobre as mesas antes do recreo, ao chegar sentámonos e lemos, sen ir ao baño, sen contar aventuras nin problemas do patio... só acougamos e lemos. Empregamos tamén diferentes recursos para reforzar ese ritual da lectura en tempo escolar: letreiros que se penduran nas portas para lembrar que estamos lendo, logos para os recursos da Hora de Ler, marcapáxinas deseñados polo alumnado... Cada curso enviámoslle ao profesorado información na que se lembra o principal obxectivo da Hora de Ler, o fomento do hábito lector e as pautas para crear un tempo favorable á lectura libre e por pracer. Recalcamos a importancia de que o profesorado tamén lea e goce da lectura durante ese tempo.

O tempo de lectura pódese desenvolver en diferentes espazos: nas aulas, no patio, na biblioteca ou na horta, en función das actividades que se van desenvolver despois, das estacións do ano, das lecturas ou dos proxectos que se están a realizar no centro. Ao longo dos cinco días da semana, as formas de levar a cabo a Hora de Ler poden variar pasando pola lectura individual en silencio, a lectura colectiva en voz alta, a lectura expresiva do profesorado ou do alumnado para o resto do grupo ou as lecturas compartidas entre nenos e nenas de diferentes idades.

 

 

É preciso que nas aulas haxa variedade de libros, que coincidan cos intereses do alumnado e sexan escollidos por eles, pero tamén outros propostos polo equipo de biblioteca, que amplíen horizontes e vaian consolidando unha bagaxe científica, literaria e cultural ao longo da escolaridade. A comezos de curso cada aula recolle na biblioteca unha «caixa de lecturas para a Hora de Ler», que inclúe títulos literarios e non literarios de diferentes xéneros e niveis de destreza lectora. Ao longo do curso será o alumnado e o profesorado quen se encargue de ir renovando as bibliotecas de aula con títulos escollidos na biblioteca escolar. Así mesmo, desde a biblioteca Brea Segade propóñense itinerarios lectores para cada nivel, formados por obras que, polo seu valor literario e polos valores que transmiten, consideramos imprescindibles na formación literaria do noso alumnado.

 

 

Nos tres últimos cursos, a lectura en formato dixital forma parte tamén das posibilidades de achegamento ao libro na Hora de Ler. O alumnado de quinto e sexto pode empregar a plataforma de lectura dixital ELBE.2 e os ordenadores do proxecto E-Dixgal para ler en soporte dixital no tempo diario de lectura. É nese tempo cando lle presentamos ao alumnado a plataforma ELBE.2 e as súas posibilidades e cando os asesoramos e acompañamos nos seus primeiros préstamos e lecturas dixitais. 

 

 

A Hora de Ler no noso centro é tamén o momento das celebracións arredor do libro e da lectura. As datas sinaladas no calendario do libro son conmemoradas na Hora de Ler con actividades conxuntas: recitais poéticos, encontros con escritores e escritoras, apadriñamentos lectores, lecturas compartidas, lecturas dramatizadas... Buscamos afianzar a idea de que estamos ante un tempo de gozo ao redor dos libros e da lectura e que é posible compartir experiencias e crear comunidade sobre a actividade lectora. 

 

 

Neste curso tan complexo no que tivemos que repensar as intervencións promovidas desde as bibliotecas escolares para axustalas aos protocolos cos que facerlle fronte á situación sanitaria, a Hora de Ler mantense presente no día a día do noso centro. Desapareceron as bibliotecas de aula, pero todo o alumnado ten un libro da súa escolla ou do itinerario lector para ler despois do recreo. Respectamos os tempos e as formas e adaptamos as actividades compartidas á realidade actual, usando o blog da biblioteca como espazo de conmemoracións conxuntas, que se desenvolven simultaneamente nas aulas durante a Hora de Ler. Os podcasts  e os vídeos son os recursos que empregamos para manter as producións colectivas e compartir as lecturas.

Ao longo destes meses, a lectura e os libros puxeron de manifesto o seu poder para acompañar, para mitigar incertezas e medos, para levarnos lonxe sen saír da casa e para facernos pasar bos momentos tamén en situacións difíciles. Sobran motivos para apostar pola incorporación en horario lectivo de tempos e espazos para ler libremente e por pracer, porque é necesario practicar para crear hábitos, tamén para crear o hábito lector.

Tras dez cursos, a Hora de Ler pasou a ser un tempo absolutamente normalizado no horario escolar do CEP Brea Segade, ben valorado por toda a comunidade escolar e que, sen dúbida, contribúe, xunto con outras intervencións da biblioteca escolar, ao desenvolvemento do hábito lector do noso alumnado. Interveñen, por suposto, moitos máis factores para crear lectores e lectoras: as familias, as políticas culturais desenvolvidas desde as administracións públicas, o compromiso da sociedade coa cultura e coa lectura... pero un tempo diario de lectura de calidade e por pracer ten que ser, necesariamente, unha boa semente.

 

 

 

Sección: