A arte como creación e vínculo

Programa Fotografía en curso
Neste artigo téntase reflectir como a participación no programa de Plan Proxecta Fotografía en curso non só supuxo o achegamento das nenas e nenos á fotografía como arte, creación e cultura, senón que favoreceu de xeito significativo a cohesión grupal, a posta en valor da diversidade, a colaboración pedagóxica e o estreitamento dos lazos entre familias e escola.

Ana M. Fdez Castro, mestra de Educación Primaria
CEIPP da Espiñeira-Aldán (Cangas-Pontevedra)
ana.castro@edu.xunta.gal

 

Cando comenzaron a fotografar dende as súas xanelas, algo cambiou entre elas e elas e mais eu: o vínculo. Compartiron comigo o cotiá, o q ven cada mañá, o seu lugar favorito para brincar, a luz e as cores que os emociona e que os fixo erguerse cedo ao amencer para capturalas...


Fotografías Desde a miña xanela, de Itziar e Xairo, respectivamente

 

Un vínculo que tamén tivo unha dimensión pedagóxica. Canto de extraordinario había en compartir co meu compañeiro de Proxecta o asombro ao ver como aprendían daquelas fotógrafas e fotógrafos cos que "dialogaban" nos obradoiros de Fotografía en curso, apropiándose axiña de modos e maneiras de relacionarse cos espazos e as persoas retratadas, das perspectivas, encadres, luces, sombras! Como aprendían, sobre todo, observar o enorme potencial da fotografía para poñer en valor a diversidade, facilitando a expresión de todas e todos por igual, a comunicación, o feed-back,  a interacción emocional. Alumnas e alumnos con dificultades de aprendizaxe ou en habilidades sociais cunha cámara na man eran quen de abraiarnos, de emocionarnos!

Traballando en grupo, co fondo fotográfico

 

Máis tarde, cando chegaron os retratos das avoas e avós e comenzaron escribir os textos nos que contaban o importantes que eran para elas e eles, canto os botaron de menos na pandemia, o moito que agradecían os seus coidados, a tenrura, a paciencia... nese intre, percibín que estaba a vivir un dos momentos máis relevantes da miña xa longa traxectoria como mestra.

E chegou o gran día, a exposición. Os nervios a flor de pel, porque non paraba de chover en pleno xuño e esperabamos pendurar as fotografías arroupando a escola de emocións no muro que a rodea. Non foi posible. Foron chegando as familias, as nais, os pais, as avoas, os avós, algúns facendo un grandísimo esforzo: "Estou aquí polo meu neto, faille tanta ilusión! Hoxe nin podía erguerme!"

E o vínculo envolveunos a todas e todos, familias, mestres, nenas e nenos nun instante único, tres xeracións asomadas á fotografía da avoa, sachando no eido, ao son das letras dunha neta que sementa no rego o moito que a quere, como se aprecia nas seguintes fotografías de Itziar, a súa nai e a súa avoa, lendo emocionadas o texto que acompaña ao retrato, e Mario e o seu avó coa  súa foto e o texto ao fondo.

A exposición, compartindo coas familias como foi todo o proceso

 

Fotografía en curso é un proxecto internacional da asociación A Bao A Qu que, en Galicia, coordina a Filmoteca de Galicia. Ten por obxectivo propiciar o descubrimento da fotografía como arte, creación e cultura por parte de nenos e nenas/mozos e mozas e desenvolver o potencial pedagóxico da creación fotográfica no contexto educativo.


Non quero deixar de agradecerlle ao equipo de Fotografía en curso a magnífica formación que nos brindou pese as limitacións impostas pola pandemia, o seu esforzo e apoio constante. Ás familias, por valorar e participar neste proxecto de xeito tan xeneroso. A todo o claustro do CEIP de Espiñeira-Aldán e, especialmente, ao meu compañeiro Alfonso Marcos, que colaborou comigo man a man en todo o proceso, sacando o tempo de onde non o tiña. E, por suposto, ás miñas alumnas e alumnos por compartir e ensinarme tantísimo!

 

Para coñecer máis a fondo o Proxecta:

Desde a xanela do CEIP Espiñeira-Aldán

Fotoproposta de Caruncho

Exposición dixital

 

 

 

Sección: