A palabra habita a biblioteca escolar

Os textos escritos e as producións audiovisuais ou os recursos electrónicos que ofrece a biblioteca, en obras de ficción ou de información, xunto cun programa de actividades variadas e consecuentes deseñadas en función de obxectivos concretos, axudan o alumnado a medrar donos da palabra, da linguaxe, a ferramenta que lles abre camiños de pensamento, imaxinación, beleza e coñecemento.

Cristina Novoa Fernández
cnovoa@edu.xunta.gal

 

No seu esforzo por perpetuarse, os habitantes do mundo oral decatáronse de que a linguaxe rítmica é máis doada de lembrar, e da man dese descubrimento naceu a poesía.

Irene Vallejo. O infinito nun xunco

 

Entre a configuración máis tradicional da biblioteca nos centros educativos, como arquivo e recurso para a lectura, e as bibliotecas escolares actuais, inmersas en procesos de renovación e adaptación ás necesidades educativas e sociais do presente, existe un nexo de unión, un factor común que as habita, aínda que cunha presenza diversa en canto ás súas posibles manifestacións. A palabra é a materia que constrúe os textos escritos e, xunto coa imaxe e a música, dálles vida aos produtos audiovisuais que enchen os andeis e son obxecto de transacción (e mesmo de devoción). É a palabra a que está na base de toda produción cultural, explícita ou implicitamente. Coa palabra dámoslle forma ao pensamento que se materializa en distintas expresións culturais e só mediante a palabra é posible planificar, deseñar, desenvolver actividades, compartir experiencia arredor dos libros, estimular a aprendizaxe, favorecer o vínculo coa lectura e a escrita, mediar na formación dos lectores, ler e escribir. É a palabra a que permite coñecer e dar vida ás historias nas sesións de contos e, tamén, a palabra ausente, o silencio, forma parte deste universo, dunha forma cada vez menor ou máis medida, máis funcional e menos punitiva. A palabra habita as bibliotecas de moi diversas formas e no presente artigo imos revisar algunhas delas.


«A biblioteca escolar ten a palabra», un lema para exorcizar o silencio

O lema elixido pola Asesoría de Bibliotecas Escolares para o curso 2021/22 lembra o poder da palabra e a súa presenza nas novas bibliotecas: a palabra constitúe a materia primordial para a expresión escrita, oral, audiovisual, dramática e outras; dálles forma aos soños e soporte á divulgación científica; pola súa mediación accedemos aos descubrimentos e ás creacións da humanidade, a través dos libros e outros soportes e formatos que a tecnoloxía permite. Mediante a palabra comunicámonos, expresamos a nosa opinión, compartimos inquedanzas, facemos propostas e deseñamos presente e futuro común. As bibliotecas ofrecen oportunidades moi diversas para que o alumnado poña en práctica e mellore múltiples linguaxes e, nomeadamente, a lingua que lle é propia e aqueloutras linguas nas que vai adquirindo competencia. As novas bibliotecas deixaron de ser «tempos de silencio» e, pola contra, son espazos e tempos de diálogo, convivencia, exploración, expresión e aprendizaxe. Son espazos ao servizo do coñecemento que favorecen un novo rol para profesorado e alumnado, no que se desenvolven actividades moi diversas, deseñadas xustamente para impulsar que o alumnado sexa quen de «tomar» a palabra, facela súa, expresala e comunicarse cos seus iguais e con outros membros da comunidade educativa.

Cartel para o curso 2021/22

 

Ademais das múltiples accións que se poden levar a cabo na biblioteca para que a comunidade, no seu conxunto, tome a palabra (e que veremos nos seguintes apartados deste artigo), o lema quere facer unha chamada de atención sobre o poder da biblioteca escolar como ferramenta para mellorar a cultura pedagóxica dun centro educativo, para facilitarlles instrumentos e recursos diversos aos membros da comunidade educativa que lles permitan medrar como comunidade, mellorar as súas vidas, aprender a resolver os seus conflitos e facer realidade os seus soños. A biblioteca escolar ten a palabra máis aló dos títulos que alberga a súa colección, ten a posibilidade de ampliar as perspectivas do alumnado, de reforzar aprendizaxes diversas para todos os integrantes da comunidade escolar, nesa viaxe continua que é a aprendizaxe ao longo da vida e pode (se se atende ben á súa voz, a que xa falan moitas bibliotecas escolares galegas) achegar respostas a cuestións que preocupan no ámbito educativo actual.


Narración oral na biblioteca escolar

Desde o comezo da reactivación das bibliotecas nos centros non universitarios, antes incluso da posta en marcha do Plan de mellora de bibliotecas escolares, a narración oral tivo unha presenza constante da man, as máis das veces, da industria editorial (como agasallo compensatorio do investimento realizado polo centros en fondos para a colección ou en libros adquiridos polo alumnado en función das lecturas recomendadas). Coa chegada de recursos para actividades de promoción da lectura, a través do Plambe e outros programas da Administración galega, as bibliotecas poden, en ocasións, contratar directamente a profesionais da narración oral cando menos unha vez ao ano. As AMPA e os concellos, pola súa parte, tamén contratan sesións de contos en datas especiais ou ao finalizar o curso escolar. Pouco a pouco, empezaron a contar contos tamén as avoas e os avós, o profesorado, nais e pais e o propio alumnado, vinculado ao programa de voluntariado de lectura.

A voz que narra ou le os contos na infancia é o primeiro e máis doce instrumento de sedución literaria. Esta voz que terza entre o autor e mais o oínte, esa celestina paciente e fervorosa, é a orixe de moi felices paixóns polos libros. (Mata, J., 2004)


A presenza da narración oral no día a día da biblioteca escolar faise imprescindible na medida en que todas as persoas estamos necesitadas de historias, precisamos escoitar historias para entendérmonos e para entender o mundo que nos rodea. E as historias poden ser lidas, pero cando son contadas recuperan ese poder misterioso polo que, a través da voz de quen narra, esperta en nós a forza para enfrontármonos a todos os medos, iniciar as viaxes pendentes, andar todos os camiños, navegar todos os mares ou explorar todos os bosques ao noso alcance. Por esta razón, é importante que os contos e as quedadas para contar non sexan só cousa dun día especial, han de sistematizarse e, para iso, os grupos de voluntarios e voluntarias tanto en primaria como en secundaria, así como as familias colaboradoras coa biblioteca escolar teñen un «nicho» de traballo, un ámbito de participación activa contribuíndo, xunto ao profesorado do centro, a que a narración oral poida chegar a todos e todas.


Sesión de narración oral. CEIP A Reigosa


Escoller un conto, un relato, preparar a súa narración en función do público destinatario (sen demasiadas estridencias, dándolle protagonismo á historia), dedicar tempo a interiorizalo e, se fose o caso (que non é imprescindible), a preparar os elementos para enriquecer a narración (un monicreque, unha caixiña con obxectos evocadores...), son actividades que enriquecen a quen as realiza e beneficia a quen, ao final, escoita a historia. E isto é importante a todas as idades, porque para cada fase da vida hai un tipo de contos e, por outro lado, as narracións tradicionais agochan diversos niveis de lectura, polo que son beneficiosos para todos. Os adolescentes, ademais, teñen nos monólogos, nos contos de terror ou nas lendas urbanas unha tipoloxía de relatos que lles resultan ben atractivos e que cómpre incorporar ás contadas.

Organizar tempos para contar historias, para compartir contos en calquera biblioteca de centros de niveis non universitarios é unha oportunidade para crear lazos afectivos coa palabra, coa narración, coa lingua e coa actividade de escoita. Brinda ocasión, así mesmo, para pescudar lendas e contos tradicionais da rica literatura oral galega, viva aínda na memoria dos adultos, especialmente no medio rural, e redescubrir para os máis novos personaxes e historias que axudan a entender o mundo, desde a toponimia, a xeografía, os mitos, os medos e o modo de enfrontalos.


Gravando unha sesión de contos con apoio de libro. CEP Xosé María Bra Segade


O período da pandemia provocada pola covid-19 espertou a necesidade de compartir contos máis aló da presencialidade, aproveitando os teléfonos móbiles para a gravación de maiores e pequenos contando os seus propios contos e outras historias de diversa orixe, que finalmente eran compartidos a través dos espazos web da biblioteca escolar. O importante é que desde a biblioteca se poidan habilitar estes espazos de encontro arredor da narración oral, polos importantes beneficios que esta actividade lle achega a toda a comunidade escolar.


A lectura en voz alta. Lecturas compartidas

Xunto coa narración oral, a lectura en voz alta é unha das actividades máis comúns nas actuais bibliotecas escolares. A lectura expresiva de relatos, de poesía, de textos dramáticos ten unha vital importancia para a vinculación ao fenómeno da lectura desde ben pequenos, pero é igualmente importante a calquera idade. Aprender a ler de forma expresiva, aprender a ler en voz alta para outros supón coñecer as claves deste tipo de lectura e practicala en actividades programadas que lle dan valor á palabra. Aquí a función do profesorado, como modelo de persoa que le atendendo ao contido, á entoación e á puntuación, que lle dá voz ao texto cunha expresividade axustada (nin excesivamente dramatizada nin neutra ou sen vida), é fundamental.

Unha das prácticas de maior interese que se estende polas bibliotecas escolares do país é a denominada «lecturas compartidas», como actividade de promoción da lectura e con participación de alumnado e familias, de forma puntual (con ocasión do Día do Libro e outras datas sinaladas no calendario anual da lectura) ou de forma xa máis sistematizada: planificada e deseñada para a participación de grupos concretos de alumnos e alumnas, en horarios reservados e cunha periodicidade marcada na programación anual. Unha actividade de lectura compartida supón que hai un grupo de oíntes e unha ou varias persoas que len, que reciben a lectura en escoita atenta. A persoa ou persoas lectoras poden ser distintos membros da comunidade escolar e comezan a asentarse os programas de «familias lectoras» que participan de forma organizada e con periodicidade marcada pola biblioteca en sesións de lectura compartida.


Familias lectoras. CEIP de Leirado


Por veces esta iniciativa recibe o nome de «apadriñamento» ou «amadriñamento» lector e forma parte das prácticas dos grupos de voluntarios de lectura (primaria), que poden ler a grupos de nenas e nenos do seu centro nos períodos de lecer, con planificación previa; tamén poden acudir a centros de ensino infantil ou residencias de maiores para realizar sesións de lectura en voz alta. No caso do alumnado voluntario na biblioteca escolar en centros de ensino secundario, existen experiencias tamén nas que realizan sesións de lectura en centros de primaria aos que teñen «apadriñados», cunha certa periodicidade, e nalgúns casos colaboran con distintas asociacións de persoas con diversidade funcional ou cognitiva da contorna. Estas prácticas resultaron afectadas neste período de pandemia e, na maioría dos casos, pasaron a ser gravadas en vídeo para compartir posteriormente ou fixéronse baixo a fórmula da videoconferencia.

Son tamén de grande interese as propostas de lectura en voz alta realizadas na vía pública (mercados, prazas...) que teñen organizado diversas bibliotecas en ocasións puntuais, involucrando así a toda a comunidade e levando a lectura a espazos nos que non adoita estar presente. Salientan aquelas iniciativas que implican a varios centros educativos e incluso a biblioteca pública municipal e outras institucións culturais da contorna como, por exemplo, as xornadas de Tui Le que, arredor do Día do Libro, xunta a toda a rapazada do concello nunha gran quedada lectora de máis dun milleiro de nenas e nenos e que xa vai pola súa décimo segunda edición. Por mor da pandemia da covid-19 no 2020 e no 2021, as sesións realizáronse en vídeo e compartíronse con toda a comunidade a través das redes sociais do propio concello.


Falar de libros. Recomendacións e clubs de lectura

Unha das iniciativas que mellores resultados ofrece no ámbito da promoción da lectura é a de habilitar espazos e tempos para «falar dos libros» na biblioteca escolar. Máis aló de que esta práctica é a que se recomenda, en contextos de aula, como fórmula indispensable para axudar o alumnado a construír o significado dos textos e para estimular e valorar a comprensión das lecturas realizadas (sexan estas de ficción ou de información), falar de libros, compartir a experiencia da lectura cos outros é sempre unha oportunidade para vincularse ao hábito da lectura. Existen varias fórmulas para levar isto a cabo, a máis simple é a estipulación dun tempo para a recomendación dos libros lidos, que pode ser no contexto do grupo-clase (na hora da biblioteca), ou aberto ao conxunto da comunidade escolar. Cómpre dotar o alumnado dunhas claves ou puntos básicos nos que poden soportar a súa recomendación, que obviamente vai máis aló do «gústame» ou «non me gusta» e esixe uns datos de identificación do texto que se recomenda e unha argumentación desa elección. Cómpre, así mesmo, que, segundo van avanzando na súa formación literaria, os lectores e lectoras vaian ampliando información sobre o libro recomendado, conectándoo se pode ser con outras lecturas anteriores en función dos personaxes, os temas tratados, as paisaxes habitadas, os tempos nos que transcorre a trama, a autoría ou calquera outra vinculación posible (camiñando así polo «liberespazo» e as constelacións literarias). O feito de realizar estas recomendacións de modo oral obriga a escoller o léxico e o formato, a educar a xestualidade, a postura corporal nunha exposición deste tipo e a corrección do rexistro lingüístico utilizado. Pódense vincular as recomendacións de lecturas á formación audiovisual e mediática, empregando esta actividade como contido para a creación de produtos audiovisuais, de autoría individual ou grupal.

Se xa se estaban a crear booktrailers e realizando contidos a modo de booktubers en moitas bibliotecas escolares galegas, o período pandémico estendeu estas prácticas, pois moitas bibliotecas pasaron a propor estas recomendacións lectoras nun formato que se puidese difundir nos seus espazos web. Aquí cumpriría formar o alumnado na orixinalidade e na naturalidade á hora de presentar os contidos, para non caer en fórmulas moi estereotipadas e xa en franca decadencia (xestualidade e expresividade forzadas, por exemplo).


Encontro de clubs de lectura. Santiago de Compostela 2017


Os clubs de lectura, que nos centros galegos de ensino secundario (e tamén nalgúns centros de primaria) teñen xa un longo percorrido, son unha fórmula esencial para a formación literaria do alumnado que voluntariamente participa desta actividade, fóra das aulas, nas que conecta con outros lectores e lectoras. Máis aló disto, a integración nos grupos de lectura favorece a adquisición de habilidades sociais e comunicativas para o diálogo e a participación activa e crítica; os clubs de lectura son espazos de socialización nos que poder atoparse con outras persoas arredor dos libros e a cultura en xeral, nos que se establecen e reforzan relacións que benefician a cada individuo e contribúen á creación de comunidades. Nos grupos de lectura pódense descubrir novos significados nos textos lidos, ampliar a mirada cara a xéneros, autores ou títulos descoñecidos, afondar no coñecemento da literatura e do mundo que a través dela se nos fai accesible.

A palabra dialogada, respectuosa co sentir do outro, argumentada, axustada ao que se quere expresar, vai nacendo coa práctica da conversa, moderada por unha persoa mediadora arredor das lecturas realizadas e en contacto con outras expresións culturais (a música, o teatro, a paisaxe, o cine...). O club de lectura é unha fórmula que se recomenda, especialmente para adolescentes e xente moza (así como para adultos, aínda que pode beneficiarse alumnado de primaria tamén), pois é aí, nesa voluntariedade que esixe a fórmula, nesa pluralidade e diversidade que deben garantirse, onde os lectores e lectoras van construíndo parte da súa xeografía lectora, e tamén parte do seu ser cidadán. A Administración educativa galega foi pioneira no apoio a estas iniciativas que contan cun orzamento específico para os centros que se implican nestas actividades, destinado á adquisición de libros e realización de actividades, desde o ano 2008. Arredor de 250 centros públicos de ensino secundario participan nos últimos anos nesta proposta e un 26 % destes centros conta cun grupo de lectura de adultos da comunidade educativa. Ademais das actividades propias dos grupos de lectura (selección de títulos, lectura, conversacións a partir dos textos, encontros con autores...), estes clubs favorecen o encontro entre grupos de diferentes centros, dan vida a rutas literarias xa asentadas ou creadas por eles mesmos, contribúen á dinamización da biblioteca do centro con propostas variadas e, sempre, axudan a mellorar a presenza dos libros e da lectura no seu centro de referencia.

En 2018 encargóuselle a José Antonio Millán, experto en temas de lectura, un estudo cualitativo para valorar os resultados da primeira década dos clubs de lectura nos centros de ensino secundario de Galicia. Os resultados deste estudo, con participación activa de grupos de lectores e lectoras, é de grande interese para todas as persoas que traballan no ámbito da promoción e da formación lectora, pola diversidade de aspectos que se valoran e polas conclusións que se extraen deles, e está dispoñible en galego e castelán na librería institucional da Xunta de Galicia.

No período 2020-2021 desde a aparición da covid-19 estes clubs tamén adaptaron as súas actuacións, mudando moitos deles as reunión presenciais por encontros na rede, aproveitando os recursos dixitais dos centros. No curso 2021/22 volven con forza as reunións presenciais na biblioteca escolar, pero sempre coa posibilidade de atoparse a través da rede en caso necesario.


Clubs de escoita, obradoiros, xogos de mesa e grupo de gancho

A diversidade de actividades que se programan nas bibliotecas escolares máis activas da Comunidade Autónoma de Galicia ofrece multitude de ocasións para «tomar a palabra» e compartir experiencias de todo tipo onde a oralidade cobra un papel fundamental. Así, arredor da proposta dos clubs de lectura xorden outras iniciativas que amplían contidos e facilita a relación entre os integrantes da comunidade escolar. É o caso do «club de escoita» do IES Valadares (Vigo), no que os seus integrantes se exercitan na lectura en voz alta facendo fincapé na importancia de educarse na escoita activa e atenta. Ou os varios clubs de diversidade que xorden con forza nos institutos máis atentos á necesaria educación para a igualdade e a diversidade, así como o recoñecemento dos dereitos dos colectivos LGTBI, en definitiva, dos dereitos humanos. Estes clubs recollen as inquedanzas dos seus integrantes en relación coa lectura e coa reivindicación de espazos de equidade, respecto e normalización no ámbito educativo e na comunidade na que se desenvolven.


Obradoiro de gancho. IES de Brión


Comeza a xeneralizarse o aproveitamento dos espazos de lecer para a realización de obradoiros a cargo do propio alumnado na meirande parte dos casos, dirixidos ao conxunto da comunidade escolar, cunha planificación coidada de contidos en función dos intereses dos propios participantes e dos talentos que agocha cadaquén, e sempre coordenados polo equipo de biblioteca do centro. Obradoiros de debuxo, manga, escritura creativa, papiroflexia ou origami, poesía, construcións, xogos matemáticos, experimentos científicos, fotografía nocturna co móbil ou labores de gancho, entre moitas outras, ocupan o espazo da biblioteca nos recreos cunha participación que debe ser organizada en pequenos grupos para seren efectivos e por mor dos protocolos covid-19. En todas estas propostas a palabra está presente desde o mesmo deseño da actividade e da súa difusión a través de distintos medios (e do boca-orella), e sempre no seu desenvolvemento, contribuíndo a esa formación cidadá para o diálogo, a expresión cultural e a aprendizaxe permanente que a biblioteca escolar ten como principal obxectivo.

Outra tendencia á alza nas bibliotecas escolares son os xogos de mesa. Actualmente o mercado ofrece unha variedade moi interesante de xogos de estratexia, habilidades lingüísticas, xestión de recursos, creación de historias, coordinación, memoria, capacidade dedutiva e outras moitas habilidades. Todos eles (desde o xadrez aos xogos de cartas, dados e taboleiro, ou moitos xogos de rol) teñen cabida na biblioteca escolar e cómpre incorporar a profesorado e alumnado con experiencia neste tipo de xogos para a selección daqueles que poidan ser de maior interese para a comunidade educativa concreta de cada centro. Resulta de interese a práctica de que sexa o propio alumnado voluntario da biblioteca escolar o que se inicie no xogo e despois, en obradoiros programados no tempo de lecer, poida iniciar, pola súa vez, a outros alumnos e alumnas interesados.


Recreos creativos. CEP Xosé María Brea Segade


Desde o xogo da oca e as barallas de familias ata os cubos para construír historias ou o tangram, a variedade de xogos de mesa que xa poden compartir os máis pequenos, cos mesmos obxectivos, é ampla e chama a unha exploración por parte dos equipos de biblioteca. Ademais de incorporar os recursos á colección e organizar sesións para aprender a xogar ou facilitar a organización de «grupos» específicos nos recreos para practicar estes xogos, a biblioteca pode estimular o seu uso mediante a organización «dunha semana de...», «dunha xornada de...» que achegue estes recursos a toda a comunidade escolar. Unha vez máis, a palabra ten protagonismo neste tipo de propostas que contribúen a educar a escoita, a paciencia, a comprensión e utilización práctica de textos instrutivos, a exposición oral e o diálogo construtivo.


Encontros con autoras e creadoras

Dentro das actividades de extensión cultural propias da biblioteca escolar, unha das máis estendida é o encontro coas persoas creadoras (autoras, ilustradoras e outras). Sexa en colaboración cos departamentos de lingua e literatura ou como proposta incluída directamente na programación anual da biblioteca ou relacionada coas lecturas realizadas no club de lectura, a presenza de autoras e autores é esencial para o lectorado como fórmula de achegamento aos procesos de creación das obras que teñen nas súas mans. É ocasión, tamén, para o diálogo argumentado, a curiosidade, a construción do significado arredor da obra lida, a ampliación da perspectiva propia ou a educación da empatía. Non está de máis lembrar que o alumnado que acude ás sesións de encontro con autores e ilustradores debe coñecer previamente os textos sobre os que vai xirar o encontro, para que o esforzo e os recursos que se destinan a esta actividade poidan dar o resultado esperable e por respecto á persoa convidada. Aprender a opinar e a preguntar sobre diferentes aspectos en relación cunha obra lida, aprender a participar nunha actividade deste tipo, na que a palabra e o seu uso axustado e respectuoso é fundamental, é un obxectivo tamén que debe cubrir a biblioteca.


Encontro virtual con Oriol Estrada no IES San Paio


Xa antes do período pandémico moitas autoras e autores contactaban co seu lectorado a través de videoconferencia, o que facilita ás veces o encontro, aínda que perda a frescura «do directo». Nas circunstancias que impoñen os protocolos covid-19, esta é a fórmula máis frecuentemente empregada por bibliotecas e autores para levar a cabo estas sesións, aínda que xa comeza a normalizarse, coas debidas medidas de precaución, o encontro presencial, moito máis estimulante para autores e lectores.


Explorar e investigar, construír coñecemento de forma conxunta, precisa da palabra

Un dos ámbitos de actuación da biblioteca escolar é o apoio, estímulo e coordinación (de ser o caso), de traballos de exploración e investigación a través dos que o alumnado pode ir adquirindo recursos variados para enfrontarse ao mundo da información e facer «a viaxe cara ao coñecemento» que recoñecen as directrices IFLA para a biblioteca escolar de 2015. As metodoloxías activas e as metodoloxías de traballo por proxectos, especificamente, son o contexto máis axeitado para o desenvolvemento deste ámbito.


Exposición oral. CEIP Covas-Meaño


En todos os momentos do proceso que se pon en marcha ao comezar unha iniciativa de traballo por proxectos é importante a palabra oral e a palabra escrita: na identificación dos obxectivos e contidos, na distribución de tarefas, na difusión do proxecto, no desenvolvemento das distintas actividades que levan á busca, selección, valoración, recompilación e reelaboración de información en función das finalidades da tarefa que se vai realizar, na elaboración do obxecto final do proxecto (un mural, un xornal dixital, unha presentación, un vídeo, unha exposición, un fanzine, unha conferencia, un artigo científico, un libro, un espazo informativo en formato televisivo ou radiofónico...) e moi especialmente na exposición oral dos procesos vividos e as aprendizaxes realizadas a outros membros da comunidade escolar. Cómpre incluír obxectivos, recursos e criterios para que en cada momento do proceso dun proxecto de investigación ou dun traballo por proxectos de carácter interdisciplinario, profesorado e alumnado contemplen a oralidade e a palabra escrita como un aspecto que cómpre reforzar en todos e cada un dos integrantes do grupo-clase, cun enfoque sempre inclusivo.


Un micrófono en cada biblioteca. Un lugar para aprender a falar e dialogar

De cara á impulsar a expresión oral entre o alumnado, nada máis doado que crear en cada biblioteca un «recuncho do orador», a imitación dos speaker's corner, e convidar o alumnado a dar a coñecer a compañeiros e outros membros da comunidade escolar o resultado das súas investigacións, as súas creacións literarias, os seus textos preferidos, os seus monólogos temáticos ou as súas interpretacións musicais. Obviamente, estas propostas teñen que estar organizadas nos tempos de lecer ou nos períodos extraescolares e precisan dunha difusión axeitada. Os grupos de alumnado voluntario poden moi ben xestionar este tipo de actividades, unha vez consensuado o contido e os criterios básicos para o seu desenvolvemento no equipo de biblioteca. Este tipo de iniciativas combínanse cos «recreos creativos» con contido diverso ao que xa se ten aludido noutros apartados e contribúen a reforzar habilidades comunicativas, de escoita e de respecto no conxunto do alumnado.

Debates e conversas arredor dunha temática que se decida, diálogos moderados, diálogos filosóficos, teñen un espazo privilexiado na biblioteca escolar. A colaboración entre os diversos departamentos e a biblioteca escolar é imprescindible para ofrecerlle ao alumnado oportunidades diversas e plurais nas que exercer a súa cidadanía e aprender a conversar e defender ideas sen berros e sen actitudes cainitas nin violencia de ningunha caste.


Recitais, regueifas e outras palabras cantadas

Os recitais poéticos, de creación propia ou tras a recollida de textos con motivo dun tema concreto tratado no centro, unha data sinalada ou un acontecemento que mova emocionalmente á comunidade escolar, teñen unha presenza constante nas bibliotecas escolares ou deberían tela. Contra o preconcepto de que a xente nova non le poesía, nin lle gusta a poesía, a práctica cotiá de moitas bibliotecas escolares demostra exactamente o contrario. En terra de poetas como é Galicia, hai autoras e autores, clásicos e contemporáneos, para todo tipo de gustos e intereses e o papel da biblioteca escolar é o de difundir as súas creacións e propiciar o seu coñecemento. A poesía, como outros xéneros minoritarios, debe atopar o seu sitio nos clubs de lectura e nas programacións da biblioteca e, ademais da sección específica nos andeis da sala principal, pode estar presente nos espazos de paso colonizados pola biblioteca escolar (da mesma forma que a banda deseñada ou as publicacións periódicas), como un convite á lectura «de petisco» ou merenda, neses tempos breves que a vida escolar propicia.

Nos últimos anos foron integrándose tamén nas iniciativas das bibliotecas escolares outros xéneros nos que a palabra cantada é a materia prima, como a regueifa, o rap e outras expresións musicais. Todas estas propostas contribúen á facer máis vivas as bibliotecas e os espazos educativos, serven para dar a coñecer manifestacións culturais propias e promover o seu coñecemento e a súa actualización e normalización na vida cotiá do alumnado. A colaboración entre os equipos de dinamización e normalización lingüística e a biblioteca escolar teñen neste tipo de iniciativas un largo ámbito de actuación posible.


Formación no contexto de Radio na Biblio. CEP Xosé María Brea Segade


Radio na Biblio e educación para os medios

O programa Radio na Biblio, presente actualmente en 138 centros educativos neste curso 2021/22, demostra as posibilidades da biblioteca escolar concibida como un laboratorio creativo das aprendizaxes e contribúe á formación do alumnado como usuarios e produtores (como prosumidores) dos medios de comunicación, unha das urxencias da actual situación social e educativa. A incorporación dunha pequena emisora de radio na biblioteca escolar é de grande axuda para traballar todo tipo de contidos e tipoloxías textuais cun enfoque comunicativo e serve de elemento aglutinador de múltiples tarefas que, coordinadas, poden dar lugar a unha programación de contidos estable ou de certa periodicidade (que se pode emitir en directo para o centro, pero que maioritariamente se grava en formato podcast, aproveitando os recursos tecnolóxicos, e que son difundidos a través dunha plataforma específica ou subidos, simplemente, a unha aula virtual do centro e difundido no espazo web da biblioteca ou nun sitio específico). Radio na Biblio é unha proposta cun gran potencial pedagóxico e inclusivo que pode servir de plataforma para a difusión das creacións do alumnado e das súas investigacións. Garda posibilidades, tamén, para establecer vínculos entre os distintos sectores da comunidade escolar e para intervir e comunicar co medio máis próximo. Escoitar os podcasts producidos nas emisoras integradas no programa Radio na Biblio e espalladas por todo o país dá unha idea da oportunidade que unha emisora de radio, cunha planificación (cunha formación de profesorado e alumnado), representa para a mellora das habilidades comunicativas, para o reforzo dunha boa expresión oral no conxunto do alumnado e tamén para a implicación das familias e da comunidade na vida escolar. É, en definitiva, unha ferramenta ao servizo da palabra, da creación, do coñecemento e da construción de comunidades.


Biblioteca creativa

A evolución das bibliotecas escolares como centro creativo das aprendizaxes coa incorporación dun espazo creativo que facilita actividades de exploración, manipulación, deseño e construción de proxectos variados de carácter analóxico e tecnolóxico; indagación, creación e expresión artística de amplo espectro; é dicir, unha biblioteca creativa nun contexto de multialfabetismos como o actual, ofrece múltiples ocasións para exercer a palabra, desenvolver pensamento e reforzar a expresión oral en todos os rexistros posibles, desde a descrición ou o texto instrutivo ata a construción do relato ou a expresión poética da realidade máis próxima ou dos mundos imaxinados.

Toda actividade cotiá nunha «biblioteca creativa» é unha oportunidade para o diálogo e o exercicio da palabra. Cómpre aproveitalas para dotar o alumnado dos recursos necesarios para enfrontar todo tipo de situacións comunicativas. Cando un grupo de alumnos están colaborando nun proxecto con pezas de construción, deseñando unha peza para imprimir en 3D ou para conseguir mover un robot por un itinerario desde unha saída a unha meta sinalada (entre outros moitos exemplos), cómpre realizar propostas, estudar posibilidades, chegar a acordos, tomar decisións... en todos estes procesos a palabra e o diálogo, os requisitos para unha conversa respectuosa no uso das quendas e a escoita das ideas dos outros integrantes do grupo son aspectos que hai que reforzar con intervencións oportunas por parte do profesorado que vai modelando estas aprendizaxes.


Biblioteca Creativa. CEIP Virxe do Carme de Sober


Biblioteca Creativa incorpora, entre outros posibles recunchos, un set de creación audiovisual que permite, nun contexto de educación mediática e de produción de información, levar a cabo proxectos de creación audiovisual empregando como contido as investigacións e as creacións xurdidas no desenvolvemento de tarefas diversas ligadas aos proxectos de carácter interdisciplinario e outras. Da mesma forma que noutras actividades grupais e colaborativas, cómpre realizar propostas, tomar decisións, realizar presentacións axeitadas á tipoloxía escollida, nun amplo abano de tarefas para as que saber explicar o que se pensa ou o que se quere, saber escoitar, respectar as quendas de palabra e os requisitos de todo diálogo construtivo son esenciais, e cada actividade é unha ocasión para reforzar este tipo de habilidades sociais e comunicativas, entre outras moitas competencias clave.


A palabra para todos: compensación das desigualdades tamén para o dominio da palabra

Esta palabra que habita a biblioteca escolar, que a traspasa en todos os seus contidos, recursos, programas, servizos e actividades, é unha das ferramentas que ten o sistema educativo para traballar por unha maior cota de equidade, é o instrumento transversal que un centro educativo pode crear ou reactivar, para conseguir de forma máis doada os obxectivos que ten escritos en toda a súa documentación pedagóxica. A biblioteca escolar pode exercer (cando así está pensada, deseñada e xestionada), como un factor de compensación das desigualdades sociais: pode ser unha biblioteca inclusiva.

Tamén no referente á adquisición de léxico, á adquisición dos mecanismos comunicativos básicos, de corrección e riqueza no uso da linguaxe. Unha das evidencias coas que se atopa o profesorado atento é a diferenza de vocabulario que presentan alumnas e alumnos procedentes de familias nas que (ou por escaseza de recursos económicos e, polo tanto, de tempo e de medios, ou por escaseza de tempo de calidade na atención da rapazada, aínda que o medio material sexa máis favorable) non existe suficiente dedicación para falar cos máis pequenos, para dedicarlles un momento para os contos e os cantos, para ler o libro antes de durmir, especialmente nos primeiros anos. Esta diferenza na súa contra é tamén unha diferenza na adquisición dos mecanismos da lectura e, como consecuencia, nos procesos de aprendizaxe. Unha análise do contexto socioeconómico e cultural do centro, de obrigada revisión periódica para a actualización do proxecto educativo de centro, debería facer saltar as alarmas cando isto ocorre e poñer en marcha mecanismos para tratar de paliar estas diferenzas de saída. Aquí entra en xogo a biblioteca escolar como factor de compensación, como instrumento para a igualdade de oportunidades. Achegar a palabra a través de múltiples propostas, variadas e plurais pode contribuír a desfacer estas desigualdades.


A palabra por construír


Pero hai outra brecha á que a biblioteca pode facer fronte: a ruptura da cadea de transmisión da cultura de tradición oral coas novas formas de vida social, a distancia que xa hai entre os últimos informantes e as novas familias pon nas mans da escola e das bibliotecas o papel de transmisoras da palabra de cultura oral que agora só se atopa (agás en medios afortunados neste senso) nos libros que recollen seleccións de contos, refráns, ditos, romances, poemiñas, adiviñas, recitados, trabalinguas e sucedidos. Colaborar a que esta riqueza patrimonial poida chegar aos máis novos, renovarse canda eles e continuar para as seguintes xeracións é outro ámbito de traballo para o que cómpre, ademais, establecer colaboracións e alianzas internas (co equipo de dinamización e normalización do galego, principalmente) e externas, coas familias e as institucións culturais da contorna.

 

 

 

Sección: