O Arquivo de Galicia

Un percorrido polo Arquivo dende a súa creación ata hoxe

Gabriel Quiroga Barro
T.S. Arquivo de Galicia
       gabriel.quiroga.barro@xunta.es
 

O Arquivo de Galicia foi creado polo Decreto 207/2010, do 10 de decembro (DOG número 246, do 24 de decembro). Esta disposición ratificou outras anteriores que permitiron que o centro entrase en funcionamento e se dotase dun cadro mínimo de persoal a partir de febreiro de 2008. Ten a súa sede en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás, e comparte edificio coa Biblioteca de Galicia.

 

Desde un punto de vista orgánico, o Arquivo intégrase como un servizo da Subdirección Xeral de Arquivos da Xunta de Galicia (un órgano do que é responsable o director do centro), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O decreto de creación asígnalle a este centro dúas funcións fundamentais:

a)    Constituír o arquivo intermedio e histórico do Subsistema de Arquivos da Xunta de Galicia.
b)    Ser o centro de referencia do Sistema de Arquivos de Galicia.

 

 

 

Polo tanto, os seus fins son recibir, custodiar, comunicar e difundir os documentos que posúan valor histórico e sexan de conservación permanente, producidos polos diferentes órganos e entidades de ámbito autonómico (superior, polo tanto, a unha provincia) dependentes da Xunta de Galicia, e por calquera organismo, institución ou entidade de ámbito galego, de carácter privado ou público, que teña especial relevancia para Galicia con independencia da súa antigüidade.

Así, como arquivo intermedio e histórico da Xunta de Galicia, o Arquivo culmina a organización do Subsistema de Arquivos da Administración Galega. Un sistema aínda en construción que se articula desde un punto de vista territorial en dous planos: no plano central, o Arquivo de Galicia debe recibir,  custodiar e tratar as series documentais que lle transfiren os arquivos centrais ou, directamente, os servizos administrativos de cada consellería ou órgano delas dependentes. No plano provincial, os arquivos históricos provinciais correspondentes e o Arquivo do Reino de Galicia na provincia da Coruña deben realizar as mesmas funcións en relación cos arquivos das delegacións territoriais e dependencias administrativas da Xunta na demarcación.

Ademais, como arquivo histórico da Administración que é competente en materia de patrimonio documental e arquivos de interese galego, o Arquivo de Galicia está chamado a recibir, por transferencia, doazón, legado, depósito ou compra, outros fondos, de orixe pública ou privada, de institucións, entidades, empresas, familias ou persoas galegas que teñan especial relevancia e transcendencia polo seu valor cultural para Galicia.

 


 

Na súa función de centro de referencia de todo o Sistema de Arquivos de Galicia, o Arquivo de Galicia debe desempeñar un papel de liderado para todos os arquivos e centros do sistema. Como?

Por unha banda, mediante a promoción de iniciativas para desenvolver normas técnicas en todos os ámbitos da xestión documental (ingresos, identificación, valoración e selección, conservación e descrición) ou do acceso aos arquivos  e o servizo dos documentos. Isto incluirá tamén o desenvolvemento de proxectos globais de tratamento do patrimonio documental de Galicia, como poden ser programas de dixitalización de fondos e creación de repositorios dixitais e a conexión con outros proxectos de arquivos/bibliotecas dixitais de ámbito estatal ou internacional.

Por outra, co desenvolvemento de proxectos de traballo no seo do Subsistema de Arquivos da Xunta que poidan constituír modelos efectivos para o tratamento técnico (identificación e valoración, descrición e dixitalización,  fundamentalmente) nos arquivos centrais/territoriais e históricos provinciais da Xunta.

Ademais, o Arquivo aspira a colaborar de forma activa no desenvolvemento das iniciativas que a Xunta de Galicia tome  en materia de Administración electrónica.

Tan amplas competencias e tan ambiciosos proxectos esixen rigor na planificación estratéxica do centro e esforzo e paciencia no desenvolvemento dos programas e accións necesarias a medio e longo prazo. Sabemos ben o que aspiramos a conseguir, pero somos conscientes da dificultade que supón crear un centro destas características desde a nada.

A que dificultades nos referimos? Sen contar o reducido cadro de persoal do que se dotou inicialmente (10 traballadores, 6 dos cales son técnicos) e a débil articulación do Subsistema de Arquivos da Xunta no nivel central, a maior ameaza que detectamos é a da invisibilidade. Algo, por outra parte, común a todo o patrimonio documental.

Por iso, as primeiras liñas de traballo desenvolvidas desde a posta en funcionamento do Arquivo foron gañar contido e visibilidade no menor tempo posible.

Gañar contido significou comezar a recibir fondos e iniciar o seu tratamento técnico sen demora. Desde febreiro do ano 2009, unha vez instalados os traballadores no edificio do Gaiás, o Arquivo iniciou a recepción de transferencias documentais procedentes do antigo Arquivo Xeral da Xunta de Galicia, situado no santiagués Polígono do Tambre, centro hoxe integrado no Arquivo de Galicia de acordo co seu decreto de creación. Trátase dos fondos producidos pola Xunta de Galicia, por algúns outros órganos dos que herdou competencias ou simplemente desaparecidos e dos que se presume un valor histórico que implique a súa conservación permanente.

Ademais, recibiu por doazón, depósito ou compra outros pequenos fondos documentais de orixe privada, como os do avogado compostelán Clemente González Peón (1901-2003), os da Familia Vilariño Pinto (1404-1968), os da Familia Freire (1598-1875), os da Factoría Massó de Avilés (1901-2000, aproximadamente) ou os da Casa Mar (1939-1994, aproximadamente).

Así, en total, na actualidade o Arquivo custodia uns 9.000 metros de documentos, dos que non todos son de conservación permanente. Nos próximos anos, deberá recibir e tratar, identificando, valorando, seleccionando, eliminando, describindo ou, de ser o caso, dixitalizando outros cincuenta quilómetros de documentos que se acumulan nas oficinas ou noutros locais da Xunta de Galicia, ao que se debe engadir o que xa se está a producir na actualidade, dado que a actividade administrativa é continua.

Gañar visibilidade quere dicir dar a coñecer o Arquivo e os servizos que ofrece en todos os ámbitos, e antes que nada no propio medio produtor de documentos. Por iso, o traballo técnico desenvolvido ata o momento centrouse na definición e execución da primeira fase do proxecto de identificación, valoración e descrición do fondo documental da Xunta de Galicia. O obxectivo que se perseguiu foi aproveitar o traballo desenvolvido en anos anteriores polo Arquivo Xeral, afondando no estudo institucional e funcional da Xunta, para construír así unha base sólida para o tratamento documental futuro. Un fin que se acha estreitamente relacionado coa racionalización e mellora do funcionamento da Administración, coa transparencia e o acceso aos seus documentos e coa conservación do patrimonio documental.

Como resultado destas iniciativas, a día de hoxe xa é posible facer un pequeno balance do ata agora conseguido. Así, no ámbito da normalización técnica, publicáronse, no ano 2010, tres ordes para regular, respectivamente, as transferencias, os préstamos e a consulta e reprodución de documentos nos arquivos dependentes da Xunta. Así mesmo, en decembro de 2011, ditouse unha instrución da Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos para o manipulación de documentos físicos nos arquivos dependentes da Xunta.

 


 

No ámbito da xestión documental, en 2010 publicouse tamén o libro Estudo orgánico e funcional da Xunta de Galicia. Proposta dun cadro de clasificación, que veu plasmar o traballo desenvolvido no Arquivo desde 2008 como continuación do iniciado anteriormente polo Arquivo Xeral da Xunta de Galicia. Esta publicación constitúe a folla de ruta e o primeiro estadio dun plan moito máis amplo de identificación e avaliación de toda a documentación da Administración de Galicia, concretado na Enquisa sobre o volume documental das oficinas da Xunta, que se realizou no ano 2010, e na primeira fase do Proxecto de identificación e avaliación de documentos do Arquivo de Galicia, que achegou 350 estudos doutras tantas series documentais en que se plasma a actividade administrativa da Xunta. Estes estudos constitúen os primeiros que se poderán presentar á opinión do futuro Consello de Avaliación Documental de Galicia, que deberá ditaminar sobre a súa conservación ou eliminación.

De forma paralela, o Arquivo está a participar no proxecto de posta en marcha da Administración electrónica e de creación dun arquivo dixital da Xunta de Galicia que está a desenvolver a Axencia para a  Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Finalmente, no ámbito da difusión dos seus fondos documentais, o Arquivo acaba de publicar a súa páxina web (http://arquivosdegalicia.xunta.es/portal/arquivo-de-galicia/index.html), integrada no portal de Arquivos de Galicia, remodelado recentemente. A través deste sitio é posible acceder á base de datos que describe, aínda de forma incipiente, os fondos do Arquivo.

 


 

Con anterioridade, e con motivo de inauguración do centro en novembro de 2010, realizouse o seminario internacional, O Futuro da Memoria: o Patrimonio Arquivístico Dixital, que reuniu durante dous días a profesionais do mundo dos arquivos de España, Portugal, Cuba, México, Os Estados Unidos, Canadá e Australia. As actas desta reunión foron publicadas ese mesmo ano pola Xunta. Esta publicación e o estudo orgánico-funcional citado están accesibles no sitio web do Arquivo.

Podemos afirmar, polo tanto, que aínda é moito o que queda por facer para que o Arquivo de Galicia chegue a desempeñar realmente ese papel de cabeceira visible do Sistema de Arquivos e do patrimonio documental de Galicia que lle atribúe a súa norma de creación, pero agora xa contamos con algunhas achegas conceptuais e prácticas tanxibles.
 

Sección: