A lenda da Moucha do monte Xalo: un produto final máxico

O lema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso é «A biblioteca escolar ten a palabra». En educación infantil a expresión oral é fundamental e a escrita comeza a ser moito máis significativa e realista.
Este artigo profunda na realidade educativa do CRA de Culleredo, un centro cunhas peculiaridades que trata de potenciar en beneficio da comunidade educativa. Desde hai anos, as metodoloxías activas do centro conseguen documentar e innovar as diferentes propostas de investigación do seu proxecto documental integrado anual. Neste curso, co asesoramento de Pablo Otero, fusionamos a invención dunha lenda de tradición oral coa creatividade dunha implicada comunidade educativa.

Pablo Otero Rodríguez, artista visual, escritor e ilustrador, referente nas bibliotecas creativas
sidrocono@gmail.com
Iván Pena Sánchez, mestre de infantil e responsable da biblioteca do CRA de Culleredo
ivanpenasanchez@edu.xunta.gal

 

 

O proxecto educativo do CRA de Culleredo vinculado á biblioteca

O CRA de Culleredo é un centro rural agrupado da contorna da cidade da Coruña. Creado no curso 2005/06, conta con catro escolas, que integran a 69 nenas e nenos do segundo ciclo de educación infantil en cinco aulas mixtas.

As familias están implicadas na forma de traballar do centro. A comunicación é directa e contan cos diferentes blogs para facer un seguimento das aprendizaxes. Son unha peza fundamental na metodoloxía e no proxecto educativo.

Ao tratarse dun CRA, os recursos humanos e materiais están dispersos polas distintas unidades que compoñen o centro, o que non prexudica a grande iniciativa que hai do profesorado de compensar esta desigualdade e agruparse nunha única realidade. Un dos aspectos que favorece o proxecto educativo é que o profesorado é definitivo e está implicado desde hai anos nun plan de formación permanente do profesorado (PFPP), cun compromiso para medrar profesionalmente de xeito cooperativo, aberto á innovación e adaptado ao cambio educativo actual.

Cada ano vencellamos o PDI ao PFPP do centro cunha liña de biblioteca e aí recibimos formación sobre a temática elixida (centro de interese) e facemos un grupo de traballo orientado á realización dun produto final.

A nosa experiencia neste tipo de metodoloxías activas comeza coa integración do centro no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), alá polo curso 2015/16, especialmente co desenvolvemento de PDI (Rosa Piquín), que é motor de investigación e dinamización das bibliotecas de aula, en representación da escolar, e repercute directamente na comunidade educativa.

A integración dos PDI supuxo un profundo cambio no proceso de ensino-aprendizaxe, motivando unha adaptación dos espazos, dos tempos, do tratamento dos recursos etc., promovendo unha cultura de traballo participativa, cooperativa, personalizada (DUA) e cunha finalidade clara: a formación dun alumnado crítico e dotado de destrezas para a súa vida.

Ademais de contribuír ao desenvolvemento destas competencias AMI/ALFIN, a biblioteca está moi comprometida coa consecución dos ODS marcados na Axenda 2030, especialmente co obxectivo 4, un ensino de calidade que parte principalmente da inclusión e do entendemento das diferenzas como oportunidades (biblioteca inclusiva).

 

O Proxecto documental integrado 2021/22

Neste curso 2021/22 o noso PDI Noroeste creacións, feito por nós (IMAXE PORTADA) xorde coa necesidade de coñecer máis polo miúdo a nosa contorna próxima e de intervir nun espazo de creación en comunidade.

Programamos ao longo do curso diferentes tarefas de aprendizaxe integradas (TAI), coas que investigamos unha morea de cousas relacionadas co centro de interese.

As TAI dispoñen os recursos de forma efectiva, orientan o seu emprego e favorecen o traballo documental. No CRA son ferramentas cun potencial de investigación e motivación, ao mesmo tempo que unifican a realidade do noso centro. O PDI é o quebracabezas resultante da unión dos diferentes elementos que xorden ao longo do curso.

O PDI deste curso favoreceu:

  • O descubrimento e entrevista de mulleres pioneiras do noroeste: María Torres, Mercedes Peón, Azucena Mora, Pili Neira e Elena Ferro.
  • A creación dun dicionario con verbas da contorna achegadas polas familias.
  • As composicións permanentes de oficios tradicionais: artesanía, cestería, téxtil, folclore, escritura e ilustración.
  • As composicións efémeras en espazos fedellos nas aulas: cantería, xoiería, carpintería, gastronomía e arte de pesca.
  • A recreación das principais festas do noroeste: San Xoán, a Festa da Dorna, Entroido, alfombras florais e Globo de Betanzos.
  • A produción dun mapa interactivo con lugares naturais para visitar, achegados polas familias.
  • A análise do paso do tempo a través de fotografías dos principais puntos de interese da contorna.
  • O descubrimento e posta en práctica de xogos tradicionais do noroeste…

Os produtos finais destas TAI presentámosllos á nosa comunidade educativa a través do 1.º telexornal e 2.º telexornal, nos que o noso alumnado tivo a palabra.

Neste derradeiro trimestre, encamiñámonos para a creación do noso produto final: unha romaría do noroeste coa nosa comunidade educativa, onde fusionamos aspectos tradicionais cos máis contemporáneos, tratando de recuperar as lendas de tradición oral.

Nesta convocatoria do produto final do noso proxecto ofrecemos os elementos dunha obra en construción, que precisou a man da comunidade educativa para finalizala. Nós programamos os obradoiros, os tempos, os espazos, materiais… pero non puidemos ter unha imaxe mental deste ata que rematamos a composición artística.

Hai que matizar que este produto final se integrou dentro da Romaría das Letras Galegas, onde o noso alumnado practicou diferentes xogos tradicionais, interpretou unhas pezas do noso folclore e xantou coa súa familia en comunidade.

Despois comezou o produto final do PDI, no que contamos coa colaboración especial de Pablo Otero. Nas docencias empapounos da súa mirada artística, fíxonos valorar os pequenos detalles, amar o sinxelo e prezar os amplos e diferentes elementos tradicionais que ten a nosa cultura. 

Aí é onde situamos a nosa lenda, A lenda da Moucha do monte Xalo

 

 

Lendas galegas de tradición oral

O lema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso é «A biblioteca escolar ten a palabra». As bibliotecas promóvena sobre todo na nosa etapa educativa, na que a expresión oral é fundamental e a escrita comeza a ser moito máis significativa e realista. Foi este o motivo polo que decidimos ligar esta proposta co noso PDI.

No derradeiro trimestre creamos e recompilamos en audios as diferentes lendas de tradición oral que están presentes nas casas do noso alumnado, para poder coñecelas, traballalas e favorecer que nunca se esquezan.

As lendas defínennos como pobo. Galicia é unha das comunidades con máis historia e tradición, polo que é moi interesante poder crear, recuperar e coñecer moitas delas.

Son lendas transmitidas por avoas e avós a outras xeracións, que perduran no tempo grazas á palabra e á voz. Mantelas presentes é fundamental para soster viva a cultura e a tradición.

Con estes antecedentes de traballo sobre oralidade foi como decidimos crear unha lenda e unha tradición oral para a nosa romaría. A partir dese momento, naceu a idea de A lenda da Moucha.

Tendo iso claro, que fixemos a partir de entón? Primeiro documentámonos sobre os diferentes aspectos da nosa contorna: etimoloxía, simboloxía, fenómenos culturais, tradicións do lugar… Despois comezamos a darlle forma á lenda, creámola e, posteriormente, empregámola na aula.

Escoitámola nun audio e empregamos os seus elementos significativos en diferentes TAI do terceiro trimestre, para contextualizala e motivar o alumnado, chegando ata a súa interiorización. Nas propostas preparamos pedras «choridas», familiarizámonos coa papiroflexia, ideamos unha invitación para convidar a comunidade educativa á romaría e solicitamos colaboración das familias na confección dun pano propio de seu, cun nó moi artístico para tan especial celebración.

Estes pequenos elementos das TAI formaron parte do reclamo da Moucha. Reclamo a xeito de ofrenda, que serviu para chamar a atención da protagonista da nosa lenda e que gañou forma e forza grazas aos diferentes obradoiros realizados en familia. 

O día da realización do produto final chegou e, despois de xantar, construímos o reclamo da Moucha. Para iso, leváronse a cabo cinco obradoiros diferenciados en familia

●    Pedras «choridas» (pedras tapizadas por todas as razas de flores e plantas silvestres que lles medraron entre as fendas) e escrita dunha palabra galega. As familias achegaron diferentes pedras ás aulas; seixos e croios que escolleu o noso alumnado para seren intervidos plasticamente, como a tradición do folclore que é. Estas pedras acumuláronse con liberdade polo lugar creando fermosas intervencións artísticas. 

●    Fitas de cores, ilustradas cos nomes e desexos de cada familia, para seren penduradas entre as árbores e que conformaban un obxecto poético delicado.

●    Montaxe e elaboración dun maio e mais un mosaico con flores e fiúncho. As familias achegaron as flores. 

●    Confección duns marcos fotográficos do alumnado, con fotos significativas para elas e eles por seren feitas en croma no espazo, no proxecto de gamificación «Martiño e Testa».

●    Realización de figuriñas de origami. Para completar o reclamo, ensinámoslle ao alumnado na aula pequenos pasos para que despois interviñesen co papel en familia. Estas pezas penduráronse xunto ás fitas e marcos. 

 

 

Todos os elementos desta construción efémera valeunos para poder facer presente a protagonista da Lenda da Moucha na nosa romaría. O barullo e a algarabía fixeron que a Moucha baixara da súa cova do monte Xalo e, en agradecemento á ofrenda feita, deixounos un bonito agasallo que dificilmente esqueceremos: un ovo marabilla recheo de doces, cores escintilantes, emocións e unha estupenda peciña teatral que compartimos xuntos.  

 

 

Esta lenda da Moucha quedará xa para sempre entre nós, como unha fermosa e entusiasta tradición (1) da nosa comunidade educativa. 

 

 

(1) https://pepateca.blogspot.com/2022/05/a-romaria-do-noroeste-o-produto-final.html

Sección: