Desde as cavernas ás estrelas

Unha experiencia arredor da historia no CPI Castro Baxoi (Miño – A Coruña)
No CPI Castro Baxoi conviven tres etapas educativas que comparten, ás veces en difícil equilibrio, tempos, espazos e arelas. As necesidades do alumnado de infantil, primaria e secundaria son diferentes e atendelas debidamente esixe unha boa organización dos recursos humanos e materiais que cada etapa ten asignados, reunións de coordinación por niveis, ciclos ou departamentos, planificación e realización de actividades específicas e tamén tempos propios. Son mundos con dinámicas distintas que poden, non obstante, enriquecerse mutuamente coa posta en práctica de proxectos comúns. A historia é o fío que, desde hai tres cursos, nos permite tecer a mesma tea, mesta nalgúns tramos, rara noutros, con anacos cheos de cor e outros mouros ou brancos... pero é a nosa tea, esa na que todos traballamos, segundo o noso interese ou capacidade, e que nos permite intercambiar ideas, traballar de xeito conxunto e, sobre todo, medrar persoal e intelectualmente.

Carmen Presedo, coordinadora da biblioteca
mcpresedo@edu.xunta.es

 



1. O NACEMENTO DA EXPERIENCIA ARREDOR DA HISTORIA


No CPI Castro Baxoi hai unha longa tradición de elaboración de proxectos colectivos, dentro e fóra das aulas, no que se implican moitos membros da comunidade escolar e que xira arredor de temas diversos: o medio, os espectáculos propios e alleos, o mundo literario nas súas diferentes manifestacións, a ciencia, o deporte e a vida saudable, a arte e a tecnoloxía, as celebracións anuais etc. Tamén organizamos diversos grupos de traballo que nos permitiron, entre outras cousas, integrarnos no Plan de mellora de bibliotecas escolares e elaborar o Plan TIC e o Proxecto lector, pero, sobre todo, ser conscientes da necesidade de tender pontes para facilitar o traballo conxunto.

Co fin de dinamizar a vida escolar e, entre outras cousas, promover a lectura, a busca de información e a elaboración de documentación propia en diferentes soportes, a biblioteca foi propoñendo cada ano un tema ao que se achegaron, desde perspectivas diferentes, moitos profesores e alumnos a través de diversas actividades de clase, nivel, etapa ou centro: lectura, creación literaria, documental e artística, conferencias, exposicións, cine etc. Tintín le connosco (2007-2008), Dragóns e colegas (2008-2009) e As bandas deseñadas (2009-2010) foron os primeiros motores deste labor conxunto que está dando moi bos froitos, pero é a historia, coas súas diferentes etapas, a que protagoniza xa as nosas campañas, porque ofrece a continuidade que o traballo colectivo precisa, é un campo de estudo extenso e con múltiples facetas que pode ser abordado facilmente desde un punto de vista multidisciplinar e con graos de dificultade e profundidade diversos, e ademais permite comprender a evolución da humanidade e, consecuentemente, o que nós somos. Por iso trazamos un plan de acción a longo prazo que dividimos do xeito seguinte:

 

  • A prehistoria e as primeiras civilizacións (2010-2011)
  • O mundo clásico. Grecia e Roma (2011-2012)
  • A Idade Media (2012-2013)
  • Eureka! Somos científicos: o Humanismo e o Barroco (2013-2014)
  • E por fin vemos a luz: a Ilustración (2014-2015)
  • O mundo en revolución: o século XIX (2015-2016)
  • Facémonos modernos: o século XX -ata 1945- (2016-2017)
  • Camiñamos ata o presente -desde 1945 ata hoxe- (2017-2018)


Xa vivimos dúas destas etapas que, como a propia historia, se construíron no tempo, alimentándose das propostas dos diferentes membros da comunidade escolar, dos recursos do contorno e das sinerxías propias dun colectivo que fixo seus os retos e traballou arreo e con entusiasmo. Estamos mergullados agora na terceira etapa, que, coma as anteriores, é algo único na nosa vida académica porque depende do que facemos, pero tamén supón unha continuidade porque repousa sobre as mesmas liñas mestras: os obxectivos do proxecto e a metodoloxía de traballo.

 

 

2. OS OBXECTIVOS


O que pretendemos ao traballar conxuntamente arredor do mesmo tema é:

 

  • Fomentar a colaboración entre as distintas etapas educativas, niveis e departamentos e crear dinámicas de traballo comúns que eliminen barreiras, unifiquen criterios e favorezan a formación académica e persoal do alumnado.
  • Propiciar a utilización de recursos variados, físicos e virtuais, para obter información, crear documentos e materiais en diferentes soportes e, consecuentemente, construír o coñecemento propio.
  • Facilitar o intercambio de documentación e experiencias e a utilización dos recursos materiais e humanos propios e alleos para enriquecer o proceso de ensinanza-aprendizaxe.
  • Potenciar a participación en actividades colectivas, fomentar o compromiso persoal na realización das tarefas individuais e grupais e proporcionar espazos e tempos para a convivencia.


Ao escoller a historia como tema de traballo queremos:

 

  • Ofrecer un campo de investigación amplo que facilite achegarse a el desde calquera disciplina e tratar os aspectos que mellor se acomoden ás características da materia e á idade, intereses e capacidades do alumnado.
  • Proporcionarlle ao alumnado claves para coñecer as diferentes etapas históricas a través dos modos de vida, manifestacións culturais e feitos máis característicos, e comprender a evolución que se produciu ao longo dos séculos, como somos e vivimos na actualidade e cara a onde imos.

 

3. A METODOLOXÍA


Para deseñar, poñer en marcha e desenvolver este proxecto arredor da historia, temos en conta, coma en calquera outra actuación académica, os principios metodolóxicos que o contexto educativo actual esixe, pero, sobre todo, a adecuación das propostas ás características do alumnado, a relación entre os saberes, a participación activa de todos os membros da comunidade escolar, a utilización de recursos variados con especial atención ás novas tecnoloxías e a cooperación. A urda do noso tecido está composta por varias constantes:

 

  • A liña do tempo

Unhas cintas de diferentes cores pegadas nas escaleiras que soben do patio marcan as etapas históricas, para sinalar a súa duración e as datas e acontecementos máis significativos. Cada curso traballamos arredor do tramo correspondente, pegando carteis con cronoloxía e imaxes, para que, ao finalizar o proxecto, a liña do tempo estea completa e permita comprender a evolución histórica.

 

  • A ambientación

Escollemos unha construción característica da época e reproducímola para que sexa o punto de referencia nas diferentes actividades conxuntas durante o curso e o elemento permanente que nos permite retomar en distintos momentos o paseo pola historia. Xa contamos cunha cova prehistórica e un templo clásico e estamos a deseñar un castelo medieval. Tamén montamos exposicións con material de elaboración propia ou allea relacionado coa época, que están visibles en diferentes espazos do centro ao longo do curso, e organizamos charlas, representacións, visitas etc.

 

  • A documentación

Seleccionamos e adquirimos ou confeccionamos documentos e outros materiais en soporte físico e facemos unha exposición temática. Seleccionamos material virtual e intercambiámolo para que poida ser utilizado para a realización das diferentes actividades dentro e fóra das aulas. Preparamos unidades didácticas sinxelas para introducir o tema nas diferentes etapas, cunha pequena explicación e algunhas actividades.

 

  • Unha viaxe de ida (ás aulas) e volta (ás zonas comúns)

Traballamos nas aulas a etapa histórica centrándonos naqueles aspectos que, segundo as capacidades e intereses do alumnado e as características da materia, nos parecen máis axeitados, e facemos creacións propias que compartimos posteriormente con toda a comunidade escolar a través de exposicións, representacións, lecturas, proxeccións etc.

 

  • O Entroido temático

Cada grupo ou nivel escolle personaxes da época histórica que estamos a traballar, documéntase sobre a súa forma de vida e actividades e prepara os vestidos, os accesorios e a posta en escena. O día do Entroido facemos revivir o pasado cun desfile e diferentes escenificacións: os homes prehistóricos prenden lume, cazan e recollen alimentos, falan os deuses do Olimpo, conversan os patricios romanos, compiten os gregos nos seus xogos olímpicos, loitan os celtas, invádennos os viquingos, quéixanse os escravos, prepáranse para a conquista os romanos, resisten os galos...

 

  • A pregunta da semana

Cada semana proponse unha pregunta sobre a época histórica que pode consultarse no taboleiro ou na aula virtual, e os alumnos de terceiro ciclo de primaria e da ESO, en grupos, buscan a resposta utilizando o material da biblioteca e internet. O grupo que máis respostas acertadas ten é declarado gañador ao final do curso, pero hai premios para todos os participantes.
 

 

4. AS  ACTIVIDADES

4.1. A PREHISTORIA E AS PRIMEIRAS CIVILIZACIÓNS

No primeiro trimestre preparamos a entrada na (pre)historia coa selección, adquisición e exposición de material bibliográfico, a elaboración dun tríptico informativo, a selección e distribución de documentación en soporte virtual, a construción da liña do tempo e a sinalización da etapa obxecto de estudo, a elaboración de unidades didácticas para cada etapa e a asistencia á representación Os prehistóricos que nos ofreceron os alumnos de primeiro de EP.

No segundo e terceiro trimestres achegámonos á prehistoria e ás primeiras civilizacións:

 

  • Introducimos a (pre)historia nas aulas traballando as unidades didácticas cos titores (infantil e primaria) e as profesoras de historia (secundaria).

 

  • Traballamos en equipos para resolver a pregunta da semana.

 

  • Escollemos o tema do Entroido e preparamos vestidos, accesorios e representacións: os viquingos (infantil), os prehistóricos -vestimenta e alimentación- (1.º ciclo de EP), os exipcios (2.º ciclo de EP),os celtas (3.º ciclo de EP), os prehistóricos e o descubrimento do lume (1.º ESO), os galos (2.º ESO), os deuses do Olimpo (3.º ESO), a orixe do universo (4.º ESO).

 

  • Celebramos o Entroido (pre)histórico con desfiles e representacións.

 

  • Visitamos na aula de usos múltiples a exposición sobre o xacemento arqueolóxico de Santa Comba (covas) e asistimos á charla explicativa que nos ofreceu o presidente da Asociación Cultural Columbus, Xosé López Hermida (3.º ciclo EP e 1.º ciclo ESO).

 

  • O arqueólogo Fidel Méndez Fernández, presentado polo noso compañeiro e membro da Asociación Cultural Ardóbriga, Antón Prego, falounos do seu oficio (3.º ciclo EP e 1.º ciclo ESO).

 

  • Construímos a cova e os obxectos da vida cotiá dos prehistóricos.

 

  • Fixemos visitas guiadas á cova prehistórica e paseamos pola liña do tempo segundo o calendario establecido (infantil, primaria e secundaria).

 

  • Decoramos a cova prehistórica pintando mans en positivo e negativo (infantil) e con obxectos da vida cotiá (primaria).

 

  • Estudamos diferentes aspectos da prehistoria e das primeiras civilizacións e elaboramos documentación e outros materiais: Os viquingos e o alfabeto rúnico (EI-5 anos); Os homes prehistóricos e a súa vida cotiá (EP-1.º ciclo); A vida no antigo Exipto (EP-2.º ciclo); Os pobos celtas (EP-3.º ciclo); A cultura castrexa, investigación documental e elaboración de materiais e maquetas (1.º ESO-Proxecto Interdisciplinar e EpeV); As pirámides e os zigurats, deseño e realización de maquetas (2.º ESO-Tecnoloxía); Salamina, de Javier Negrete, lectura e comentario do texto, traballos de investigación sobre os pobos protagonistas -Esparta, Atenas, Persia- e elaboración de murais (3.º ESO-Lingua Española); A aparición da escritura. Os alfabetos, traballo de investigación e elaboración dun mural explicativo (3.º ESO-Cultura Clásica); A aparición e evolución do ser humano. traballo de investigación e construción da árbore da evolución (4.º ESO-CCNN); Os vestixios prehistóricos en Francia, investigación e realización de presentacións en soporte virtual (4.º ESO-Francés).

 

  • Expuxemos os documentos e materiais elaborados e visitamos as diferentes exposicións para seguir aprendendo sobre a etapa histórica.

 

  • Visitamos os xacementos arqueolóxicos dos arredores -Miño e Pontedeume- (secundaria): túmulos da Gándara, ermida de San Miguel de Breamo, monte do mesmo nome e santuario precristián, castro de Centroña en Perbes e castro da Insua en Boebre.

 

  • Recibimos a visita dos alumnos da escola infantil de Ombre que representaron para os integrantes do noso Club de Lectura a expansión do Imperio Romano e realizaron a visita guiada á cova prehistórica e á liña do tempo.

 

4.2. O MUNDO CLÁSICO. GRECIA E ROMA

No primeiro trimestre preparamos a entrada no mundo clásico, tal como fixeramos o curso anterior, e ademais visitamos na Coruña dúas exposicións relacionadas co tema do curso anterior (Orixes. Cinco fitos na evolución humana e O antigo Exipto), esculpimos en pedra un tríscele e asistimos no colexio á representación de Os deuses do Olimpo e da Danza grega, preparadas polos alumnos do 1.º ciclo de EP.

No segundo trimestre achegámonos ao mundo clásico, introducindo o tema a través das unidades didácticas preparadas, resolvendo A pregunta da semana, escollendo os personaxes do Entroido e preparando vestimenta, accesorios e representacións, celebrando o Entroido temático arredor da ara e do templo romano que construímos, estudando diferentes aspectos do mundo clásico desde distintas perspectivas e expoñendo o material e a   documentación de creación propia. O alumnado de infantil centrouse na cultura romana, deseñou e confeccionou os disfraces de patricios e elaborou un mosaico, que expuxo no patio, como exemplo de decoración das vivendas.


En primaria traballouse a unidade didáctica introdutoria e fixéronse actividades diversas (busca de información, lectura, creación literaria e documental...) arredor do tema en diferentes materias (Música, Plástica, Ciencias Sociais, Lingua...).

No primeiro ciclo trataron as artes e as ciencias gregas e confeccionaron carteis e varios instrumentos musicais da época.

En segundo, ademais, traduciron e adaptaron a Lenda do Minotauro, creando un conto en soporte dixital con debuxos e gravación propios, ademais dunha narración orixinal titulada Pupi en el laberinto del Minotauro, que escribiron en papel continuo e leron na celebración do Día do Libro.

En terceiro estudaron as culturas grega e romana, especialmente as lendas de Rómulo e Remo e do cabalo de Troia, e prepararon os disfraces de arqueiros e damas.

En cuarto fixeron un traballo de investigación sobre os xogos olímpicos, confeccionaron aros, fachos e outros utensilios e fixeron unha exhibición de varias modalidades olímpicas.

O terceiro ciclo traballou o aspecto militar do Imperio Romano e amosounos a disciplina do exército.

O alumnado de secundaria deulles vida aos pobos do Imperio Romano, aos deuses, a emperadores e soldados, a escravos, senadores, sacerdotisas etc.; leron e comentaron obras literarias ambientadas na época (1) e fixeron diversas actividades creativas a partir delas, confeccionaron a árbore xenealóxica dos deuses do Olimpo, fabricaron maquetas de monumentos e outras construcións, visitaron a cidade de Lugo e a exposición Romanum Vita e realizaron unha viaxe cultural a Roma.

 


 

5. VALORACIÓN

A valoración que facemos desta experiencia é moi positiva porque permite introducir no currículo, desde as idades máis temperás, contidos de difícil comprensión como o devir histórico e, ao mesmo tempo, proporciona momentos de diálogo e intercambio que facilitan a convivencia e enriquecen o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Ademais dos diferentes grupos de traballo (TIC, actividades extraescolares, biblioteca, club de lectura, normalización lingüística), os ciclos e departamentos traballan de xeito coordinado e aproveitan esta dinámica para realizar moitas outras actividades que lle proporcionan ao alumnado unha formación complementaria que consideramos imprescindible para o seu desenvolvemento académico, persoal e social.

 

 

Accede aquí á web do centro

 

NOTAS:

(1) Más rápido, más alto, más fuerte de M. J. Molina, El asombroso viaje de Pomponio flato de E. Mendoza , La guerra de Troya, Yo Claudio de R. Graves.

 

 

Sección: