Dibujar para aprender. Visual thinking (VT) en educación

Autor: Garbiñe Larralde Urkijo
Editorial: Serie Didáctica, Editorial Graó, 2022

Autora da recensión: María Souto Lorenzo
mariasl@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas (Meaño - Pontevedra)

 

O visual thinking (en diante, VT) pode definirse como unha ferramenta comunicativa que emprega a linguaxe visual para comprender e expresar a realidade. A través do uso de sinxelos debuxos, similares a iconas, represéntanse conceptos e créanse metáforas visuais que contribúen a procesar e resumir información complexa.

Garbiñe Larralde é licenciada en Belas Artes e actualmente exerce docencia no Instituto Vasco de Educación a Distancia de Biscaia, na especialidade de debuxo. Conta con numerosa formación e experiencia docente, tanto en secundaria como na universidade. É coñecida na esfera virtual polo seu labor á fronte de cursos para o INTEF e tamén polo rol activo que exerce nas redes, como constata no seu blog EnREDar y Aprender, onde comparte ideas que facilitan a incorporación do pensamento visual ás aulas.

Recentemente publica a obra Dibujar para aprender, un manual de VT no que presenta, de modo práctico e visual, a evolución desta ferramenta desde os seus xermes ata a súa aplicación educativa.

A obra está conformada por oito capítulos, nos que se afonda na importancia da linguaxe visual para chegar a un alumnado cada vez máis diverso, que se comunica esencialmente a través da imaxe. Ao final de cada un destes capítulos, a autora mostra un mapa visual que sintetiza a información máis relevante e as ideas clave, favorecendo a súa comprensión e posterior revisión.

Na primeira parte do libro atopamos unha achega histórica do uso da imaxe como elemento comunicativo, así como dos diferentes autores que, a partir da segunda metade do século pasado, investigaron e conceptualizaron os procesos vencellados á linguaxe visual. Nunha segunda parte descríbense os elementos básicos que conforman o VT (personaxes, tipografías, organizadores etc.) e os distintos xeitos de organizalos no papel, a través de exercicios prácticos.

Para xustificar a contribución desta ferramenta no eido educativo, a autora emprega unha das súas imaxes máis icónicas, argumentando os seus beneficios con metáforas visuais apoiadas en texto. Así mesmo, establece a relación cos elementos curriculares a través de ideas e propostas para o traballo de cada competencia clave.

O final da obra convértese nunha sorte de caderno práctico, onde atopamos exercicios para levar á aula: pasos para crear un avatar, instrucións para a elaboración de mapas visuais e storytelling a través de imaxes, entre outros.

A obra establece as bases do VT facendo fincapé en aspectos históricos e evolutivos que poden resultar útiles para comprender a importancia da linguaxe visual, pero sobre todo é interesante a recompilación de propostas educativas de carácter práctico, que animan a transformar a información en imaxes e perder o medo ao lapis.

 

 

Sección: