Máis de 5.000 escolares participan no maior estudo sobre a dislexia

Estudo español sobre a dislexia no marco do proxecto COEDUCA

 

Máis de 5.000 escolares participan no maior estudo español sobre a dislexia no marco do proxecto COEDUCA, financiado polo Goberno central con catro millóns de euros e que aglutina a universidades e centros de investigación nun consorcio liderado polo Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL) de San Sebastián.

Na investigación toman parte nenos de diferentes comunidades autónomas que están a pasar probas de lectura, memoria e intelixencia, así como tests de ADN para investigar de xeito multidisciplinar as causas da dislexia e contribuír a deseñar políticas educativas que reduzan o fracaso escolar.

A dislexia é un trastorno que se manifesta como un problema para a lectura, xa que dificulta a comprensión, e que afecta a entre o 7 e o 10% da poboación en maior ou menor medida.

Co obxectivo de combater este problema na poboación escolar durante a súa formación, o Ministerio de Ciencia e Innovación, cuxas competencias xestiona agora o Ministerio de Economía, impulsou un proxecto de investigación, abordado desde unha perspectiva multidisciplinar, que realiza tests de lectura, de intelixencia e de memoria sobre unha mostra de 5.000 escolares de 2º da ESO de toda España.

O proxecto aglutina un consorcio de varias universidades e centros de investigación españois liderados polo Basque Center on Cognition, Brain and Language (BCBL).

O obxectivo da investigación é desentrañar as causas e os procesos da dislexia para aplicar políticas educativas que contribúan a mellorar os sistemas de aprendizaxe na escola e reducir así o fracaso escolar. Os investigadores do BCBL terán en conta, así mesmo, o contexto socioeconómico dos nenos participantes no proxecto, xa que se observou que as circunstancias familiares teñen certa relación coas ferramentas que utilizan os afectados para convivir con este trastorno da linguaxe.

Algúns resultados preliminares do proxecto faranse públicos na Conferencia Internacional sobre Lectura e Dislexia (IWORDD), organizada polo BCBL da capital guipuscoana entre o 30 de maio e o 1 de xuño de 2013.

Ademais de contar coa presenza de científicos de primeiro nivel, a xornada do día 1 de xuño, que se realizarán no palacio Kursaal, estará aberta tamén a pais, educadores e profesores.

Sección: